As 120.000 hectáreas queimadas en Galicia durante a vaga de lumes de agosto, segundo a Xunta de Galicia, superan as 100.000 rexistradas en 2006. Os danos non se limitan á vexetación: tamén supoñen un duro golpe para a fauna destes ecosistemas. O biólogo do CSIC Fernando Valladares advertía no seu perfil de X dunha cifra preocupante: o 18% do territorio do lobo (Canis lupus) resultou danado polos incendios, principalmente en Ourense, León e Zamora, segundo o Fondo para a Protección do Lobo Ibérico. Tamén se viron afectados outros animais como o oso, o voitre negro e diversos invertebrados.
A fauna aparece así como unha das grandes damnificadas dos lumes de 2025. Ernesto Díaz, coordinador de Fondo Lobo, alerta de que o lobo ibérico é un dos principais afectados: “Hai unha porcentaxe elevadísima do territorio ocupado por estes cánidos que se viu danado de forma grave polos incendios”. Mentres hai zonas onde a afección foi parcial, noutros espazos a situación é irreversible.
Para elaborar estas estimacións, a fundación empregou datos oficiais da superficie afectada polos incendios forestais entre xullo e comezos de setembro, achegados polas comunidades autónomas e o Ministerio para a Transición Ecolóxica. A esta información superpuxéronlle a cartografía da distribución do lobo ibérico a partir de datos de 2021, 2023 e 2024, tomando como referencia cuadrículas de 10km2, a unidade estandarizada nos censos da especie en España e Portugal. A única limitación foi o descarte dos incendios de menos dunha hectárea, considerados conatos.
“Estes lumes cambian considerablemente todo o panorama, e sempre a peor”, engade Díaz. A afección é grave en zonas críticas como Carballeda de Valdeorras, a serra da Culebra ou O Bierzo, espazos de alto valor ambiental. Agora, a prioridade é coñecer cales foron as especies máis afectadas polas lapas de agosto.
Lobo ibérico, oso, toupa de río e voitre negro
As provincias de Ourense, Zamora e León son as que sufriron un maior impacto da vaga de incendios sobre fauna e flora. Nestas áreas, os lumes tiveron consecuencias moi diversas, afectando a especies emblemáticas como a toupa de río (Galemys pyrenaicus), considerada unha das especies máis ameazadas da fauna da península. Con presenza en Ourense, o seu hábitat na provincia resultou “absolutamente arrasado”, o que supón un risco engadido a unha especie xa en situación crítica de conservación.
No caso do lobo, Ernesto Díaz sinala que “as zonas de cría son especialmente críticas”. Segundo as estimacións de Fondo Lobo, entre 20 e 30 grupos reprodutores resultaron directamente afectados polos incendios de xullo e agosto. Este período estival é particularmente delicado, xa que as crías dependen completamente dos proxenitores: carecen de capacidade de desprazamento, non poden fuxir das lapas e son “absolutamente dependentes” da alimentación que lles achegan os adultos.

Outro dos grandes mamíferos das montañas galegas, o oso pardo, tamén se viu afectado pola vaga de lumes. “O corredor dos Ancares-Courel, polo que os osos están iniciando a súa expansión cara a Galicia, resultou directamente danado”, explica Díaz, advertindo de que os grandes incendios poderían dificultar o avance desta especie cara ao noroeste peninsular.
Hai situacións como a do voitre negro, especie non asentada en Galicia pero que aparece de xeito ocasional, á que os incendios puideron afectar a algunhas colonias presentes en Zamora e Salamanca. En Galicia non existen poboacións reprodutoras, pero si se rexistran avistamentos puntuais dalgúns exemplares.
Alimentación tras os lumes
Os grandes carnívoros, como lobos, osos e linces, viron seriamente afectadas as súas áreas de refuxio e hábitat. Con todo, segundo explica Ernesto Díaz, existen estudos que apuntan a que, tras os incendios, as presas do lobo quedan máis vulnerables, producíndose unha repunta na depredación de cervos, corzos e xabarís.
Díaz lembra que algúns fenómenos naturais, como as grandes nevadas, poden supoñer unha vantaxe para os depredadores, xa que provocan unha alta mortalidade nos herbívoros e facilitan o acceso ás presas. “Un grande incendio, pola contra, non ofrece esa vantaxe”, aclara. Engade que, aínda que o lume forma parte da ecoloxía da península ibérica a pequena escala, a voracidade dos incendios vividos este verán en Galicia xera unicamente “unha alteración das normas do xogo ecolóxico”.
A isto súmase a escaseza de alimento para os grandes herbívoros como consecuencia da seca. “Hai unha carencia de auga en moitos lugares porque os regatos descenden secos”, explica Díaz. Este factor, unido ao chamado efecto en fervenza, fai que se acumulen distintos elementos que afectan negativamente á fauna.
A clave, sinala o experto, está na relativa harmonía do ecosistema: “As poboacións de cervos, nun determinado hábitat, funcionan ben cunha taxa de depredación por parte dos lobos”. Porén, cando este sistema natural se desregula, as dinámicas ecolóxicas comezarán a resentirse. “Os incendios, igual que a caza, son incidencias que desregulan”, explica Díaz.
Os que non poden fuxir
A afección dos lumes presenta múltiples dimensións. Non só supón unha destrución case total da vexetación e unha mortalidade directa dos animais, senón que tamén afecta as especies que non teñen capacidade de escapar. “Moita xente pensa que os cervos foxen, pero só o fan aqueles que poden”, sinala Ernesto Díaz. Os invertebrados e os peixes convértense así nos afectados invisibles dos lumes.
“Todos os invertebrados morren, ao estaren ligados ás árbores e aos arbustos”, explica o coordinador de Fondo Lobo. No caso das comunidades de peixes de ríos e regatos, estas sofren a destrución da vexetación de ribeira e o aumento da temperatura da auga ata niveis extremos pola proximidade das lapas. Tamén os mamíferos acuáticos, como as londras, vense afectados por estas condicións, xunto con pequenos carnívoros, como as martas e touróns.
Mesmo a morfoloxía do terreo inflúe: a erosión arrastra sedimentos aos ríos, provocando mortalidade masiva. “Non se salvan nin os peixes do río, nin os anfibios, nin os réptiles, nin as aves: non se salva nada”, advirte Díaz.
Ante esta situación, dende Fondo Lobo subliñan que os lumes deberían obrigar a deter de inmediato calquera actividade cinexética. “As comunidades autónomas deberían declarar zonas catastróficas a nivel ambiental”, reclama Díaz, facendo fincapé na provincia de Ourense, unha das máis danadas. O obxectivo sería frear a presión humana sobre o medio ata que este inicie a súa recuperación, un proceso que se prolongará durante un longo período de tempo.
Corredores naturais arrasados
“Os corredores naturais de Ourense víronse todos afectados”, explica Ernesto Díaz. Entre eles están os que unen a provincia con Zamora a través de Pena Trevinca, os que conectan o Xurés co Parque Nacional de Peneda-Gerês no norte de Portugal, ou os que atravesan Enciña da Lastra cara ao Bierzo, servindo de enlace con León e a Cordilleira Cantábrica.
Como medida urxente, Fondo Lobo solicitou a creación dun anel protector duns 10 quilómetros arredor das zonas arrasadas, onde se prohiba a caza. A petición foi trasladada á Xunta de Galicia, á Junta de Castilla y León, ao Goberno do Principado de Asturias e ao de Cantabria, tendo en conta a lexislación autonómica.
No caso galego, a normativa xa prohibe cazar nos terreos queimados durante os tres anos posteriores ao lume. Con todo, segundo Díaz, esta medida é insuficiente: “Nas zonas queimadas pode haber pequenas aves que se alimentan de sementes ou cervos que comen dos rebrotes, pero a maioria da fauna refúxiase no perímetro inmediato arredor da área queimada”.
Os seis grandes incendios rexistrados entre Ourense, León e Zamora danaron gravemente o corredor que conecta Asturias coas montañas orientais de Galicia, o noroccidente de León e o norte de Portugal. “Este corredor é empregado por numerosas especies, non só por osos e lobos”, explica Díaz.
A complexidade de restaurar os hábitats
“Non hai solucións sinxelas para problemas complexos”, advirte Ernesto Díaz. En moitas áreas, a prioridade inmediata pasa por reter os solos antes da chegada das fortes chuvias, evitando así a erosión. Para iso poden empregarse técnicas como a distribución de palla para fixar o terreo e a creación de pequenos bancais con madeira. Noutras zonas, en cambio, pode ser máis recomendable deixar que a natureza siga o seu curso e permitir que a vexetación se recupere de forma espontánea, favorecendo a aparición de especies autóctonas.
Díaz tamén chama a non retirar toda a madeira queimada. “Algúns troncos poden servir como pequenas zonas de refuxio para pequenos animais”, explica. No caso de Galicia, Asturias e León, defende a recuperación de bosques autóctonos, como castiñeiros ou carballos, e a eliminación de especies altamente inflamables, como os eucaliptos.
O experto insiste en que a clave está no debate colectivo: “Debemos sentarnos á mesa todos os axentes implicados, como gandeiros, ecoloxistas, poboación local, administracións, enxeñeiros forestais e a sociedade en xeral”. Así, o fin sería buscar puntos de acordo que permitan actuar con urxencia.
O que ninguén dubida é que os lumes seguirán producíndose. Por iso, Díaz apela a participación cidadá, recollendo ideas e propostas para facer fronte a esta situación. Pero tamén lembra a dimensión do dano causado: “Hai zonas que van quedar totalmente desfiguradas durante moitas décadas”.














