Impacto ambiental e zonas de risco en Galicia: claves do aumento da gripe aviaria en España

A provincia de Pontevedra e as comarcas de Lugo, A Limia e Sarria están en nivel 2, o segundo máis elevado

A gripe aviaria está a provocar unha gran preocupación no sur de España. En Sevilla varios parques tiveron que pechar algúns días polo avance da enfermidade. Porén, o máis preocupante é a afección nos ecosistemas e os sacrificios que se deben facer nas granxas. Hai apenas dous días, unha explotación de Guadalaxara tivo que sacrificar 37.000 galiñas, segundo El Confidencial. É un nivel que non se vía desde 2022 cando ata 269.000 aves foron sacrificadas nas primeiras semanas para frear os posibles contaxios.

Galicia é un dos puntos de maior risco de contaxio da península. Segundo o mapa publicado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, varias comarcas gandeiras considéranse de risco 2, o segundo máis elevado. É o caso da provincia de Pontevedra: toda está situada neste nivel, xunto con Lugo, A Limia e Sarria.

Publicidade

“Aínda non houbo ningunha detección en Galicia, pero o virus está activo en aves silvestres e houbo moitas deteccións no pasado”, explica Elisa Pérez, investigadora no departamento de Enfermidades Infecciosas e Saúde global do Centro de Investigación en Sanidade Animal do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) nunha sesión informativa para Science Media Centre (SMC). A comunidade xa foi vítima en numerosas ocasións deste virus. O ano pasado, catro de cada cinco gromos ocorreron en Galicia. Concretamente, dos 24 rexistrados, 13 foron na Coruña, sete en Pontevedra e un en Lugo. “O reservorio natural do virus son aves silvestres pero especialmente as relacionadas con ambientes acuáticos”, afirma Pérez, o que fai da comunidade un dos focos de atención para evitar a súa presenza.

Un perigo para especies ameazadas

“A nivel dos ecosistemas, o impacto é moi grande para moitas especies”, destaca na sesión informativa organizada polo SMC Ursula Höfle, profesora contratada doutora, membro do Grupo SaBio do Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos IREC. A experta destaca que hai consecuencias que non vemos, que fan efecto fervenza. Por exemplo, cando un 60% dunha especie ameazada morre ou, por exemplo, cando desaparece o 80% dun animal máis común, pero que servía de protectora para outras ameazadas. Unha proba deste último exemplo son as mortes de gaivotas, que serven de barreira ante especies de patos en perigo.

Publicidade

O aumento de casos chega en setembro, coincidindo coa época de migración de retorno de aves que estaban criando en Europa. Por iso, un dos espazos que máis preocupa é o Parque Nacional de Doñana, lugar de paso das migracións. Os expertos indican que as actuacións deben estar centradas na prevención xa que é moi complicado realizar grandes accións máis aló de recoller as aves mortas. Aínda que se intentasen sacrificar, provocar a súa fuxida só causaría unha expansión maior, ademais das consecuencias que tería para a vida dos animais e o ecosistema da zona. Ademais, aqueles que sobreviven poden actuar de barreira natural. “O risco é que teñamos algunha nova especie implicada que aínda non identificásemos”, destaca Höfle.

Risco baixo para humanos

A afección en explotacións gandeiras tamén son moi importantes, xa que o gando debe ser, de verificarse, sacrificado. A pesar das consecuencias que ten o contaxio, Höfle tamén pide que non se “vilifiquen” as aves silvestres, xa que son vítimas tamén da enfermidade e, en moitos casos morren.

A maior preocupación é a afección nas aves, pero os expertos piden ter precaución por posibles contaxios en persoas. As persoas de maior risco son aquelas que traballan cos animais nas explotacións gandeiras. De momento, non se notificaron casos de gripe aviaria este ano no país e o risco se considera moi baixo, pero non é imposible. Por iso, as autoridades piden non tocar os cadáveres dos animais que se poidan atopar (que, en calquera caso, non é recomendable porque poden contaxiar outras enfermidades) e avisar do ocorrido. Ademais, malia que improbable, a enfermidade pode cursar en ocasións cun cadro clínico grave. A colaboración da cidadanía seguirá sendo esencial para identificar a magnitude do problema da gripe aviaria, cada vez máis normalizada no país.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O proxecto Sensoxenoma evidencia que a música deixa pegadas medibles nos xenes e proteínas

A investigación da USC e do IDIS cumpre cinco anos con máis de 20.000 mostras e detecta respostas biolóxicas tras a exposición sonora, tamén en persoas con TEA

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos

Atopados os restos óseos de tres individuos na foxa común de Serantes 

A cata arqueolóxica coordinada por Histagra confirma a presenza dun enterramento irregular que podería acoller preto de 200 vítimas da violencia golpista

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual