Xoves 28 Marzo 2024

Fauna en perigo de extinción en Galicia: estas son as 24 especies

Patrimonio Natural da Xunta cataloga como ameazadas máis dunha vintena de aves, moluscos, artrópodos, mamíferos e réptiles

A palabra “extinción” asusta. Implica perda, desaparación e esquecemento. Máis aínda cando o concepto vai unido a especies seriamente ameazadas. En Galicia, segundo o catálogo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, hai máis dunha vintena de especies en perigo de extinción. A metade delas son aves, seriamente comprometidas pola destrución dos seus hábitats, moitas veces derivada da intensificación agrícola. Pero tamén hai moluscos, réptiles, artrópodos e un mamífero, o oso, que claman axuda. Entre o perigo e a extinción hai unha liña moi fina que, talvez dándolles visibilidade, non consiga romper.

As aves, as máis ameazadas

Abetouro (Botaurus stellaris). Foto: Roger Hatcliffe / Wikimedia Commons
Abetouro (Botaurus stellaris). Foto: Roger Hatcliffe / Wikimedia Commons
Aguia real (Aquila chrysaetos). Foto: Juan La Cruz / Wikimedia Commons
Aguia real (Aquila chrysaetos). Foto: Juan La Cruz / Wikimedia Commons

Abetouro (Botaurus stellaris)

Entre as aves máis ameazadas en Galicia está o abetouro (Botaurus stellaris), que adoita habitar lagoas e zonas húmidas con abundantes masas de carrizos onde esconderse. As épocas do ano nas que se pode observar esta ave son en outono e inverno, mentres que en verán só se consegue ver de maneira esporádica. Se queres vela, terás que desprazarte a zonas húmidas con extensas canaveiras de auga doce ou salobre. Con todo, é unha especie en perigo pola destrución do hábitat, a caza incontrolada e a contaminación das augas.

Publicidade

Aguia real (Aquila chrysaetos)

Unha ave maxestosa. Esa podería ser unha definición da aguia real (Aquila chrysaetos), que só está presente en Galicia nas serras sudorientais, especialmente na provincia de Ourense, en rexións montañosas e con paisaxes abertas. De igual maneira que acontece con moitas outras aves, a perda do seu hábitat é unha das principais ameazas, pero tamén o é a persecución directa: ben con disparos ou cebos envelenados, así como o espolio dos niños. Os parques eólicos e as liñas eléctricas tamén semellan ter efectos na súa mortalidade.

Alcaraván (Burhinus oedicnemus). Foto: Frank Vassen / Wikimedia
Alcaraván (Burhinus oedicnemus). Foto: Frank Vassen / Wikimedia
Arao (Uria aalge). Foto: Wikimedia Commons
Arao (Uria aalge). Foto: Wikimedia Commons

Alcaraván (Burhinus oedicnemus)

O alcaraván (Burhinus oedicnemus) está amplamente distribuído na península ibérica pero a súa presenza en Galicia é máis ben escasa. Atópase sobre todo na comarca da Limia e en certos areais costeiros, como as dunas de Corrubedo e as lagoas de Carrexal e Vixán. A intensificación agrícola e o excesivo uso de insecticidas son as principais ameazas dunha especie que adoita ocupar terreos chans e con pouco arborado.

Arao (Poboación nidificante) (Uria aalge)

Un dos elementos máis identificadores do arao (Uria aalge) son as súas cores, tan semellantes aos pingüíns. Dende Patrimonio Natural aseguran que se trata dunha das aves mariñas máis abundantes do planeta, mais na península só nidifica en Galicia.  Para iso emprega repisas en cantís rochosos e furnas na Costa da Morte. Con todo, os datos que hai respecto desta especie son moi preocupantes: só sobreviven de dúas a catro parellas reprodutoras e non máis de 20 individuos durante a época de reprodución en Galicia. Están moi ameazos pola pesca e a contaminación mariña.

Avefría (Vanellus vanellus). Foto: Charles J. Sharp / Wikimedia Commons
Avefría (Vanellus vanellus). Foto: Charles J. Sharp / Wikimedia Commons
Becacina común (Gallinago gallinago)Foto: Durzan Cirano / Wikimedia Commons
Becacina común (Gallinago gallinago)Foto: Durzan Cirano / Wikimedia Commons

Avefría (Vanellus vanellus)

As poboacións de avefría (Vanellus vanellus) en Galicia están moi localizadas: unha na Terra Chá, en Lugo, e outra na Limia, en Ourense. De todas formas, en inverno chegan moitos exemplares en migración, cando vén a época de frío intenso. O seu principal factor ameazante é a destrución do hábitat polo desecamento das lagoas e a intensificación agrícola. Así mesmo, a caza invernal “ten unhas consecuencias descoñecidas” sobre a poboación sedentaria.

Becacina común (Gallinago gallinago)

Esta especie é moi pouco común en Galicia e tan só aumenta a súa frecuencia durante o inverno. A Limia é o único lugar onde existe unha mínima poboación residente. De igual maneira que acontece con moitas outras especies de aves, as alteracións no hábitat son as súas principais ameazas: incendios, deforestacións, drenaxes…

Cerceta (Anas crecca). Foto: Wikimedia Commons
Cerceta (Anas crecca). Foto: Wikimedia Commons

Cerceta (Anas crecca)

A cerceta (Anas crecca) é unha ave que só cría nun lugar da provincia de Pontevedra onde, ademais, está moi ameazada pola presión industrial. En outono e inverno Galicia recibe bastantes exemplares do resto de Europa, que están en plenos procesos migratorios. A principal ameaza para a súa conservación na comunidade é a degradación do hábitat de cría, consecuencia directa da deterioración xeral das zonas húmidas.

Escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica)

A subespecie de escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica) é endémica da península. Ocupa sobre todo zonas húmidas costeiras, onde procura os insectos que compoñen a súa dieta durante a época de reprodución. En Galicia distribúese nas pronvincias de Coruña e Pontevedra, con menos dun centenar de parellas reprodutoras en toda a comunidade. Está especialmente amezada pola destrución das zonas húmidas e pola intensificación agrícola.

Furabuchos balear (Puffinus mauretanicus). Foto: Mar Cabrera / Wikimedia Commons
Furabuchos balear (Puffinus mauretanicus). Foto: Mar Cabrera / Wikimedia Commons
Mazarico real (Numenius arquata). Foto: MPF / Wikimedia Commons
Mazarico real (Numenius arquata). Foto: MPF / Wikimedia Commons

Furabuchos balear (Puffinus mauretanicus)

O furabuchos balear (Puffinus mauretanicus) é unha especie endémica das illas Baleares, onde hai arredor de 2.000 parellas. En verán e outono son moitos os exemplares que migran fronte ás costas galegas, onde permanecen continuamente no mar, onde se alimentan de pescados e descansan. A súa principal ameaza é a predación de ratas e gatos durante a súa época de cría, así como a presión turística nos seus hábitats. En Galicia achéganse varios centos de exemplares, tamén afectados pola morte accidental en artes de pesca e pola contaminación mariña.

Mazarico real (Poboación nidificante) (Numenius arquata)

Galicia conta coa única poboación reprodutora actual da península de mazarico real (Numenius arquata). Son menos de cinco parellas que ocupan pasteiros de sega e matogueiras na Terra Chá entre os meses de febreiro e xullo. A súa principal ameaza, como na meirande parte das especies, é a destrución dos seus hábitats.

Millafre real (Milvus milvus). Foto: Hans Hillewaert / Wikimedia Commons
Millafre real (Milvus milvus). Foto: Hans Hillewaert / Wikimedia Commons
Sisón (Tetrax tetrax). Foto: Veroni / Flicker / Wikimedia Commons
Sisón (Tetrax tetrax). Foto: Veroni / Flicker / Wikimedia Commons

Millafre real (Milvus milvus)

A área de distribución do millafre real (Milvus milvus) é pouco coñecida e segundo a Xunta, en Galicia poderían aparecer parellas escasas en certos puntos de Lugo e Ourense. É unha especie que aproveita as zonas abertas con soutos e bosques nas marxes. O envelenamento e a modificación dos seus hábitats, sobre todo a causa da intensificación agraria, son as súas principais ameazas.

Sisón (Tetrax tetrax)

O sisón (Tetrax tetrax) non supera o medio centenar de parellas en Galicia, con poboacións reprodutoras na marxe da área de distribución. De igual modo que acontece con outras especies, a intensificación agrícola e o cambio nos tipos de cultivo son as principais ameazas.


Os moluscos

Ameixa perlífera de río. Foto: Ministerio de Alimentación, Agricultura e Medio Ambiente
Caracol de Quimper. Foto: Gilles San Martin / Wikimedia Commons

Ameixa perlífera de río (Margaritifera margaritifera)

Catro especies de moluscos galegos corren perigo. Un deles é a ameixa perlífera de río (Margaritifera margaritifera), que habita os tramos superior e medios dos ríos de augas limpas nas provincias de Pontevedra, A Coruña e Lugo. De feito, Galicia acolle as mellores poboacións desta especie de toda a península ibérica. Malia ser tan característica do noso territorio, está ameazada e é “altamente necesario” facer un seguimento das súas poboacións. A solución sería mellorar a contorna dos ríos.

Caracol de Quimper (Elona quimperiana)

A segunda especie de molusco ameazada é o caracol de Quimper (Elona quimperiana), que habita exclusivamente en zonas de clima oceánico e atlántico. A súa presenza é moi localizada e céntrase, sobre todo, no litoral cantábrico. Todo apunta a que as súas principais ameazas son as repoboacións forestais e os incendios. En Europa, de feito, xa se extinguiu no suroeste de Francia.

Bolma rugosa (Bolma rugosa)

Tamén está o Bolma rugosa (Bolma rugosa), un gasterópodo mariño de gran tamaño, que chega a medir cinco centímetros de altura e seis de anchura. Adoita vivir en zonas rochosas e distribúese dende o Cantábrico ao Mediterráneo. Nas áreas galegas nas que habita, malia a dificultade para inspeccionar o seu hábitat, todo parece indicar que se atopa “en franca regresión”.

Eastonia rugosa (Eastonia rugosa)

A cuarta e última especie de molusco en perigo de extinción en Galicia é a Eastonia rugosa (Eastonia rugosa) que ten unha ampla presenza en Europa. Na nosa comundiade, todo parece apuntar a que non é demasiado frecuente. Porén, o seu estado de conservación é preouante debido, sobre todo, ás verteduras contaminantes no litoral e a construción de infraestruturas que alteran as dinámicas das mareas.


Os artrópodos

Bolboreta arlequín. Foto: Luis Fernández García / Wikimedia Commons
Caranguexo de río. Foto: David Gerke / Wikimedia Commons

Bolboreta arlequín (Zerynthia rumina)

As colonias de bolboreta arlequín (Zerynthia rumina) en Galicia están moi localizadas e illadas entre si. Exemplos disto son as do Parque Nacional das Illas Atlánticas e a do Parque Natural da Serra da Enciña de Lastra. Como tantas outras especies, a súa principal ameaza é a alteración do hábitat que se deriva, sobre todo, das repoboacións forestais. Máis especificamente, pola eliminación dos espazos abertos. Así mesmo, os insecticidas e o gando caprino —que consome a súa planta nutricia— son outros dos principais perigos para esta especie.

Caranguexo de río (Austropotamobius pallipes)

A presenza do caranguexo de río (Austropotamobius pallipes) en Galicia é pequena e dispersa, localizándose tan só nas provincias de Lugo e Ourense. Adoitan vivir en charcas e regatos de augas frescas e pouco profundas. A súa situación está moi comprometida, sobre todo polo fungo Aphanomices astaci, causante do “enorme declive” das súas poboacións. Así mesmo, as verteduras orgánicas e de deterxentes, a pesca furtiva, a dragaxe de ríos e regatos e as canalizacións de encoros e novas construcións contribúen a poñer en perigo esta especie.

Crédito: Adolfo Cordero Rivera / Ministerio para la Transición Ecológica
Foto: Adolfo Cordero Rivera / Ministerio para la Transición Ecológica

Gomphus graslini (Gomphus graslini)

En Galicia só consta unha poboación desta libélula na provincia de Ourense, sen que se saiba o número de individuos que a compoñen. Segundo Patrimonio Natural, adoita estar asoaciada a augas máis lentas en leitos con marxes sombreadas pola vexetación. As ameazas ao seu hábitat tamén son os seus principais perigos: a contaminación das augas e a variación do réxime hídrico dos ríos.

Macromia splendens (Macromia splendens)

De igual modo que a anterior, esta libélula tamén é considerada unha especie rara en Galicia e conta con poboacións illadas. Só se ten constancia de nove en todo o territorio galego, asociadas tamén a tramos lentos con vexetación acuática de ríos anchos e relativamente profundos. Debido á dificultade para detectar individuos adultos, non se coñece con exactitude cantos exemplares conforman cada poboación. De igual modo que a anterior, as alteracións do seu hábitat son as principais ameazas.


Tres réptiles en perigo

Sapoconcho común. Foto: Dudva / Wikimedia Commons
Tartaruga de coiro. Foto: Bernard Dupont / Wikimedia Commons

Sapoconcho común (Emys orbicularis)

No que respecta aos réptiles, hai tres especies ameazadas. Dúas delas son tartarugas, como é o caso do sapoconcho común (Emys orbicularis). Malia que a Xunta a inclúe como especie en perigo de extinción, o catálogo de Patrimonio Natural recoñece que a súa presenza en Galicia é “moi rara”, confirmándose en espazos moi concretos e illados do sur de Pontevedra e Ourense. O seu número en Galicia, polo tanto, é moi reducido e descoñécese a cifra total de exemplares que pode haber na comunidade.

Esta especie ocupa masas de auga doce con pouca corrente e con abundante vexetación nas ribeiras. Porén, a alteración deste hábitat, así como a captura de exemplares, son as súas principais amezadas. De igual modo, hai dúas especies introducidas que tamén contribúen a poñer en perigo ao sapoconcho común: o sapoconcho de Florida (Trachemys scripta elegans) e a perca americana (Micropterus salmoides).

Tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea)

A outra especie ameazada é a tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea) que, a diferenza da anterior, ten unha presenza regular nas costas galegas. De feito, é un dos sapoconchos mariños máis frecuentes nestas zonas. Agora ben, o seu estado de conservación está moi comprometido por dúas razóns principais: as capturas accidentais debidas á pesca e a contaminación mariña. Esta última, segundo indican dende Patrimonio Natural, está protagonizada pola inxestión de plásticos, que se adoitan confundir con medusas e provocan a morte da tartaruga.

Un exemplar de engonzo ibérico. Foto: Nano Sánchez / Wikimedia Commons

Esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai)

O terceiro réptil é o esgonzo ibérico (Chalcides bedriagai) que, como xa parece indicar o seu nome, é endémico da península. Porén, a súa presenza en Galicia é máis ben escasa e só se rexistran poboacións desta especie en zonas dispersas da costa atlántica, do interior da provincia de Ourense e nas illas Cíes e Ons. Malia que dende a Xunta aseguran que “se observou un importante retroceso” das súas poboacións, non se sabe o número de exemplares que pode haber en Galicia. De momento, as poboacións residentes nas illas son as que están en perigo de extinción. As do resto do territorio, de momento, só figuran como vulnerables.


Só un mamífero

Foto: Magnus Johansson / Wikimedia Commons

Oso (Ursus arctos)

En Galicia, seguindo o catálogo de Patrimonio Natural da Xunta, tan só hai unha especie de mamífero en perigo de extinción. Trátase do oso (Ursus arctos), que se distribúe exclusivamente nas serras orientais. De cando en cando, os exemplares que habitan na cordilleira Cantábrica —o seu principal núcleo poboacional— visitan estas cordilleiras galegas. E malia que a comunidade conta cun Plan de Recuperación do Oso dende 1992, a situación desta especie é moi preocupante. As súas principais ameazas son a morte directa, ben polo furtivismo ou o veleno, e a alteración do seu hábitat, afectado principalmente polos lumes que asolan a zona e pola construción de novas infraestruturas.

4 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Primeira imaxe en luz polarizada do burato negro da Vía Láctea

Grazas a esta nova vista de Saxitario A*, a rede global de radiotelescopios EHT revela a existencia de fortes campos magnéticos xirando arredor do seu borde

Un novo método da USC axudará a combater o furtivismo marisqueiro en Galicia

Tres investigadores estiman que entre 2012 e 2020 máis de 1.700 persoas extraeron de forma ilegal 660 toneladas de marisco