Atopada unha molécula que se segrega co exercicio e suprime a fame

Un estudo publicado en ‘Nature’ desvela un metabolito que aparece en ratos tras a actividade física e disminúe a inxesta de alimentos

Un novo estudo publicado na revista Nature indica a función relevante dunha molécula, producida durante a realización de exercicio físico, que pode chegar a reducir a sensación de fame e, por conseguinte, a inxesta de alimentos e de obesidade en ratos. Os investigadores, que buscaban información sobre os mecanismos moleculares e celulares que median os beneficios metabólicos da actividade física, atoparon que o exercicio estimulaba a produción de N-lactoi-fenilalanina (Lac-Phe), metabolito de sinalización transmitido polo sangue que suprime a alimentación e a obesidade.

Nabil Djouder, xefe do Grupo de Factores de Crecemento, Nutrinetes e Cancro do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), explicou para Science Media Center que o metabolito Lac-Phe, formábase pola combinación da fenilalanina, un aminoácido, xunto co lactato, un metabolito cuxa produción aumenta rapidamente cando o músculo é sometido a exercicio extenuante e non hai suficiente osíxeno dispoñible para o metabolismo aeróbico celular.

Publicidade

Coñecer mellor as consecuencias fisiolóxicas do exercicio

“É ben coñecido o efecto positivo do exercicio na prevención e mellora da obesidade, comorbilidades asociadas, como diabetes tipo 2 e as enfermidades cardiovasculares”, indica Francesc Villarroya, catedrático do departamento de Bioquímica e Biomedicina Molecular da Universidade de Barcelona e investigador principal IBUB e CIBEROBN. Porén, nos últimos anos levouse a cabo unha intensa investigación co obxectivo de identificar os principais medidores moleculares dos efectos positivos da actividade física. Neste estudo, coordinado dende a Universidade de Standford (California), realizáronse varias análises en ratos cuxos resultados identificaron moléculas que aumentaban a súa circulación no sangue tras realizar un exercicio intenso.

Diminuíu o peso corporal dos ratos pola perda de graxa corporal, ao mesmo tempo que mellorou a súa tolerancia á glicosa

“Viuse que a administración de Lac-Phe a ratos con obesidade inducida por unha dieta alta en graxas reduciu a súa inxesta de alimentos, sen afectar o gasto enerxético, a actividade locomotora nin os niveis circulantes de hormonas implicadas na regulación do apetito”, expón Nabil Djouder. Durante a realización do estudo, os investigadores comprobaron que a administración crónica de Lac-Phe diminuíu o peso corporal dos ratos, pola perda de graxa corporal, ao mesmo tempo que mellorou a tolerancia á glicosa. “Porén, isto non se observou en ratos alimentados cunha dieta normal e, por tanto, non obesos”, aclara Djouder.

Publicidade

O estudo tamén revelou que os ratos que carecían da enzima CNP2, involucrada na produción de Lac-Phe, tiñan unha maior inxesta de alimentos e non perdían tanto peso respecto aos ratos do grupo de control sometidos ao mesmo tipo e intensidade de exercicio físico. “Polo tanto, a produción de Lac-Phe, mediada por CNP2, sería un proceso dependente da produción de lactato muscular durante o exercicio”, explica Francesc Villarroya.

Lac-Phe probado en humanos

Os investigadores tamén estudaron este proceso en humanos e cabalos de carreiras e detectaron o mesmo metabolito Lac-Phe que nos ratos, despois de realizar exercicio físico. Porén, non se analizou aínda o seu efecto sobre a obesidade. “Fan falta máis investigacións para entender os mecanismos moleculares de actuación deste metabolito e por que cando se segrega diminúe a inxesta de comida”, explica Francesc Villarroya. “Sabemos que actúa no cerebro porque reduce o apetito e que deben ser mecanismos distintos aos da xa coñecida leptina (hormona asociada á sensación de saciedade)”, engade.

Aínda non foron analizados os efectos secundarios nin a concentración adecuada para humanos sen efectos tóxicos

Deste modo, estableceuse este metabolito como un efecto molecular asociado á múltiples modalidades de actividade e especies de mamíferos. Os datos acadados na investigación revelaron que Lac-Phe, inducido polo exercicio físico, controla a inxesta de alimentos e inflúe no equilibrio enerxético sistémico polo que, como indica Villarroya, “cabe esperar que existan persoas que non queiran facer exercicio físico pero si beneficiarse do efecto redutor da inxesta de Lac-Phe”.

Os investigadores destacan que aínda non foron analizados os efectos secundarios que poden derivarse da toma deste composto e, sobre todo, da concentración adecuada para ser inxectada en humanos sen ter efectos tóxicos. Por este motivo, seguen as investigacións arredor deste metabolito e das súas potenciais funcións no organismo, como o análise da relación de Lac-Phe coa inflamación e a rexeneración muscular tras a realización de exercicio.


Referencia: An exercise-inducible metabolite that suppresses feeding and obesity (Publicado en Nature)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución

As dietas pobres en cereais, verduras e sementes elevan o risco de infarto

A alimentación deficiente foi a responsable de catro millóns de mortes por cardiopatía isquémica en 2023