Venres 19 Abril 2024

A previsión anuncia un verán seco e caloroso en Galicia

O próximo trimestre estará marcado por temperaturas anormalmente altas e poucas precipitacións, panorama similar ao da primavera

A primavera chegou á súa fin e xa damos a benvida ao verán, que comeza hoxe. As previsións avanzan que será unha época máis cálida e seca do habitual en Galicia, tal e como anunciaron na rolda de prensa que celebrou esta mañá a Axencia Estatal de Metereoloxía (Aemet) na Coruña. Ademais, adiantaron que máis alá de temperaturas anormais e altas, o próximo trimestre estará marcado por unha seca xeneralizada, sendo o interior e o norte peninsular os máis afectados pola falta de precipitacións, tendo en conta o periodo de referencia de 1981-2010.

Ademais, a Aemet realizou un resumo climático do que foi a primaveira deste ano 2022, concluíndo co que todos puidemos presenciar nestes últimos tres meses: temperaturas anormalmente altas para a época en toda Galicia.

Publicidade

Unha primavera máis cálida do normal

O resumo da primavera para o conxunto de Galicia mostra unha temperatura media case dous grados por enriba do normal (12.0 ºC) e valores altos tanto na media de máximas como na de mínimas. Isto amosa, sen dúbida, que presenciamos un dos escenarios climáticos máis abrasadores dos últimos anos, sendo a esta a séptima primavera máis cálida dende 1961.

No gráfico pódese apreciar un exemplo do panorama habitual do periodo marzo-maio en Galicia. Fonte: Aemet

Aínda que os meses de marzo e abril foron máis acordes coas temperaturas habituais, o mes de maio trouxo consigo un clima extremadamente cálido, tres graos por enriba da media doutros anos, tan só superado polo pasado maio de 2020. O resumo destacou que as máximas da primavera en Galicia foron rexistradas en Ribadavia o 28 de maio, con 37 ºC, mentres que as mínimas producíronse en Xinzo, o 5 de abril, con -8,6 ºC.

Escasas precipitacións na época de maior humidade

No que se refire ás precipitacións, o balance hídrico do pasado trimestre de 2022 de Aemet expón que marzo foi o único mes no que as cantidades acumuladas de auga superaron lixeiramente o valor medio, o que mostra unha primavera máis seca do habitual. En xeral, abril foi un mes seco, cunha porcentaxe de precipitación acumulada do 65% en comparación coa media anual, que é de 105%. Porén, o mes máis destacable en canto a seca foi maio, que rexistrou un déficit de precipitación próximo ao 60%, coincidindo co récord de altas temperaturas do trimestre.

A primavera de 2022 foi na súa maioría seca e maio foi o mes con menos precipitacións rexistradas na comunidade. Fonte: Aemet
A imaxe mostra o exemplo dunha primavera con acumulacións medias normais, comparado coa imaxe da dereita, con un claro déficit de precipitacións. Fonte: Aemet

Os valores máximos de precipitación, destaca Aemet Galicia na roda de prensa, foron os 58.4 l/m2 recollidos en Mazaricos, o día 8 de abril. En maio, as cantidades acumuladas en toda Galicia resultaron moi inferiores ao 40% do valor normal, oscilando entre o 25% en Ourense e o 43% na zona do aeroporto de Vigo. Como consecuencia, esta situación de escasez derivou nunha primavera máis seca que a doutros anos, no que a media de déficit de precipitación roldaba o 71%. Con todo, dende o ano 1961, Galicia xa rexistrara valores similares e incluso viviu primaveras de menos choivas, como aconteceu o pasado 2021.

O monitor do CSIC amosa a severidade de sequía meteorolóxica, cunha situación crítica no territorio galego. Fonte: CSIC

Un mes de xuño marcado pola onda de calor

Superada a primeira metade de xuño, con temperaturas medias de ata dous graos por enriba dos valores normais, principalmente no interior. As máximas detectáronse entre os días 13 e 15 na zona de O Barco, Ribadavia e Verín, chegando aos 40 ºC. Tamén foron altas, superando os 30 ºC na zona das Rías Baixas, sobre todo en Boiro e Vilagarcía. Con todo, as mínimas rexistrada superaron puntualmente os 20 ºC.

No tocante ás precipitacións, a distribución foi algo irregular, condicionada pola existencia de varias tormentas, con descargas nos 11 dos primeiros 20 días do mes. As cantidades máximas van asociadas a estas tormentas, que deixaron valores importantes en só unha hora: 23.4 l/m2 en Allariz, por exemplo, no día 2 de xuño, ou 30.8 en Padrón, ao día seguinte.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

Francisco Infante, delegado da Aemet: “En Galicia está cambiando o patrón de precipitacións”

O experto apunta que a comunidade suma meses máis cálidos do normal e que non será unha excepción á subida do nivel do mar
00:00:12

Karlotta azouta Galicia con refachos de máis de 200 km/h

A borrasca mantén á comunidade en alerta laranxa por vento e chuvia este xoves e provoca varias incidencias

Os días de neve nas montañas de Lugo e Ourense reduciranse á metade a finais de século

O meteorólogo Benito Fuentes analiza o impacto do quecemento global sobre as estacións de esquí, con Cabeza de Manzaneda como a única de Galicia