Activada a alerta vermella por calor no interior de Pontevedra durante o martes

A Xunta acende o nivel amarelo por altas temperaturas no noroeste, interior e suroeste da Coruña, así como na montaña de Ourense e nas Rías Baixas

A Xunta de Galicia activa a alerta vermella por calor no interior de Pontevedra ao longo do martes e acende o nivel amarelo por altas temperaturas no noroeste, interior e suroeste da Coruña; así como na montaña de Ourense e nas Rías Baixas. Segundo explican dende Meteogalicia, as altas presións situadas ao norte da península ibérica atraen aire cálido do sur e impiden a influencia atlántica. Isto traducirase en temperaturas que superarán os 30 graos nas cidades galegas e poderán acadar os 37 en Ourense. O escenario manterase sen cambios significativos ata, polo menos, o xoves 24, cando as temperaturas volverán roldar os 30 graos en toda Galicia.

Por mor da alerta vermella, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta suspende este martes a actividade deportiva do programa Xogade no exterior entre as 12 e as 20 horas no interior de Pontevedra. Porén, non se suspende a actividade federada autonómica pero recoméndase non realizala entre as 13 e as 17 horas, dado que son as horas de maior calor, agás nos deportes náuticos e acuáticos aos que non lles aplica esta recomendación. A Xunta tamén pide á organizción que adapte os horarios da práctica deportiva ás condicións específicas de cada zona co obxectivo de minimizar o impacto das altas temperaturas na saúde.

Publicidade

Cales son os concellos afectados

Segundo indican dende Meteogalicia, a zona do interior de Pontevedra abrangue os concellos de Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Todos estes municipios estarán en alerta vermella durante o martes.

En canto ao nivel amarelo, afectará o noroeste, interior e suroeste da provincia da Coruña. É dicir, estas serán as localidades en alerta: Coruña: Abegondo, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Cambre, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Coristanco, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Laxe, A Laracha, Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, Oza Cesuras, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Valdoviño, Vilarmaior, Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra, Vilasantar, Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Rois.

Publicidade

En canto á montaña de Ourense, estarán en alerta amarela por calor O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Riós, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Xunqueira de Espadanedo.

Nas Rías Baixas, os municipios afectados serán Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Catoira, Gondomar, O Grove, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Pontevedra, Portas, Poio, Ponte Caldelas, Pontecesures, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa.

Consellos fronte á calor

Ante un novo episodio de altas temperaturas, a Xunta lembra beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas.

Así mesmo, usarase roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, ademais de calzado fresco, cómodo e que transpire. Igualmente, aconséllase permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; ventilar o fogar nas horas de menos calor e durante o día mantelo fresco e coas persianas baixadas; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.

No caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061. Recorde que, se ten parentes ou veciños que vivan sos é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, coa fin de comprobar que seguen as medidas
recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do bloqueo anticiclónico ao aire norteafricano: por que Galicia supera os 38 graos ás portas do outono

O alivio térmico podería chegar a partir do venres pero non se prevén chuvias no que queda de setembro

Galicia rexistra o verán máis cálido dende 1961, cunha temperatura media de 21,4 graos

O informe climatolóxico de Meteogalicia informa de que foi unha estación seca, cunha precipitación media acumulada dun 22% menos do habitual

Menos extremas, pero máis calor: así están a cambiar as estacións en Galicia

Os gráficos do meteorólogo Benito Fuentes sinalan que o inverno quenta máis rápido ca o verán, reducindo a distancia térmica

Unha fronte fría deixará 24 horas de choiva en Galicia e un decenso térmico de ata 8 graos

As primeiras precipitacións virán a partir das 11 horas da mañá do martes, con acumulados que superarán os 40 litros por metro cadrado nas rexións do norte