Cada día empréganse millóns de billetes de euro nos 27 países nos que se atopan en circulación. A gran cantidade de movemento propicia a aparición de falsificacións, polo que os bancos centrais deben incorporar máis elementos de seguridade e renovar periodicamente este sistema de transacción. Este é o motivo detrás da votación aberta lanzada polo Banco Central Europeo (BCE) para decidir a nova imaxe dos billetes de euro: as opcións van dende personaxes históricas, como Marie Skłodowska Curie ou Leonardo da Vinci, ata fermosas aves ambientadas en paisaxes acuáticas.
No anverso da convocatoria, atópanse seis especies de aves ligadas a unha paisaxe acuática e, no reverso, un edificio representativo da Unión Europea. Segundo explican na páxina web do BCE, estes animais simbolizan a liberdade e a unidade entre os europeos, ademais da relación coa natureza e o obxectivo de protexer o medio ambiente.
Cabe destacar que, desas seis aves, todas teñen algún tipo de presenza en Galicia: o gabeador vermello (Tichodroma muraria), o picapeixe (Alcedo atthis), o abellaruco (Merops apiaster), a cegoña branca (Ciconia ciconia), a avoceta común (Recurvirostra avosetta) e o mascato boreal (Morus bassanus). A decisión definitiva chegará, previsiblemente, a finais de 2026.
Gabeador vermello
No caso de saír seleccionados, os billetes de cinco euros terán un gabeador vermello como imaxe principal, unha das aves máis enigmáticas e escasas do continente. Conta con dous núcleos de reprodución principal, un deles no sector centro-oriental da Cordilleira Cantábrica. Durante a invernada frouxa, esta especie descende cara a zonas menos frías, como o sureste galego.
É totalmente dependente do seu hábitat nas altas cimas calcáreas, polo que o Libro Vermello das Aves de España, actualizado en 2021, califícaa como ave “Case Ameazada”: unha vez avaliada, case cumpre os criterios para pertencer a un maior grao nun futuro próximo. Con todo, gran parte dos territorios onde se reproduce se sitúa en espazos naturais protexidos, o que reduce os problemas de conservación, a pesar do lixeiro declive. O seu rasgo máis chamativo só se pode descubrir mentres voa, pois é entón cando desprega as súas anchas e vistosas ás de cor carmín e plumas de voo negras con grandes puntos brancos.

Picapeixe
O picapeixe é unha especie representativa do norte de España, sobre todo de Galicia. Nesta zona da península aparece o Alcedo ispida, que ocupa o norte e o oeste peninsular —a especie que aparecerá nos billetes de dez será Alcedo atthis—. A pesar de estar presente en case todos os ríos e humedais, é unha das especies máis damnificadas pola deterioración das augas nas últimas décadas. As súas presas básicas son peixes medianos, explicación pola que non se describe en Ourense.
Ademais, a poboación estímase entre os 821.000 e 823.000 exemplares maduros, cunha tendencia crecente. Iso fai que sexa catalogada como “Preocupación Menor” na Lista Vermella, pois tras o seu declive no século XIX, volve a recuperarse dende os anos 70. O seu maior reto é que se trata dunha especie lonxeva, cunha baixa taxa reprodutiva e, por conseguinte, especialmente sensible.

Abellaruco
O abellaruco será —ao mellor— o protagonista dos billetes de 20 euros. É unha especie que se presenta de forma case continuada por toda a Península, agás en Galicia. Con todo, a súa penetración na cornixa cantábrica xa é unha realidade que coincide coas zonas influenciadas polo cambio climático. Por tanto, é cuestión de tempo que chegue a territorio galego. Trátase, ademais, dunha das aves máis vistosas da fauna.
O seu nome fai referencia ao seu consumo de abellas, aínda que tamén se alimenta doutros insectos voadores. Aparte do seu colorido, é característico polo seu reclamo, que emite constantemente mentres voa. A poboación reprodutora europea estímase entre 7.370.000 e 11.200.000 exemplares maduros, considerándose esta cifra estable, o que o posiciona como “Preocupación Menor”.

Cegoña branca
O billete de 50 euros está adxudicado a unha especie especialmente familiar dende o punto de vista faunístico: a cegoña branca. Aparece fundamentalmente na metade occidental da Península, e Galicia é un dos enclaves onde cría. Con todo, durante a migración pode ser vista en zonas húmidas, regadíos ou vertedoiros. Tamén catalogada como “Preocupación Menor”, tivo que soportar durante o pasado século cambios drásticos nas paisaxes e nos usos rurais que a levaron a desaparecer en moitas rexións, a pesar da súa recuperación actual.

Avoceta común
A avoceta común —imaxe proposta para o billete de 100 euros— pódese observar no punto máis ao sur das Rías Baixas durante a invernada forte. A simple vista, chama a atención: o seu peteiro cúrvase cara arriba, converténdose nunha das únicas aves que contan con esta característica.
É considerada unha especie sedentaria no territorio español, aínda que recibe un gran número de invernais que se instalan preferentemente en marismas, salinas e humedais costeiros. Por iso, está incluída como especie migratoria na Lista Vermella das Aves de España, baixo a categoría “Preocupación Menor”. A principal ameaza provén da perda de hábitat provocada pola degradación e a desaparición de zonas húmidas costeiras, ademais do aumento das precipitacións.

Mascato boreal
Os 200 euros, o máximo valor dun billete europeo, corresponderá ao mascato boreal, unha especie con escasa presenza en Galicia. Pode aparecerao longo da costa cantábrica-atlántica, sobre todo durante os pasos migratorios prenupciais e posnupciais —os momentos prenupciais transcorren ente febreiro e abril e, os posnupciais, de agosto a novembro—. Con todo, algunhas aves, principalmente as inmaduras, quedan todo o ano no litoral.
O Morus bassanus é unha das maiores aves mariñas por envergadura do litoral español, que se alimenta de peixes medianos; segue a liña do picapeixe. Segundo a información de SEO/BirdLife, a poboación reprodutora alcanza alcanza os 823.000 exemplares maduros, pero non se reproduce en España, a pesar de que, dende os anos 80, se rexistra un aumento de individuos de paso.

Podes consultar as propostas de deseño para os futuros billetes de euro na seguinte ligazón.














