O Programa galego de detección precoz de cancro de colo de útero estenderase a todas as mulleres galegas de entre 30 e 65 anos. Tamén se incluirá neste cribado a poboación feminina de entre 25 e 29 anos no caso de que non dispoña dunha pauta de vacinación axeitada. Así o explicou esta mañá o presidente do Goberno autonómico, Alfondo Rueda, tras a celebración do Consello da Xunta. O dirixente marcou como obxectivo chegar a 76.000 mulleres máis ata o 2030.
Ata o de agora, este cribado abranguía as mulleres con idades comprendidas entre os 35 e os 65 anos. Neste senso, a ampliación da poboación diana en Galicia suporá a incorporación gradual de 57.946 mulleres que, entre 2026 e 2030, farán os 30 anos; e tamén preto de 18.000 que farán os 25 no mesmo período. Neste último caso, teranse en conta as mulleres que non teñen unha pauta vacinal axeitada fronte ao virus do papiloma humano de alto risco. A este respecto cómpre apuntar que unha muller está axeitadamente inmunizada se lle foi administrada polo menos unha dose da vacina antes de facer os 15 anos.
Con esta ampliación, o Executivo galego cumpre a modificación da carteira de servizos comúns acordada polo Sistema Nacional de Saúde para baixar a idade da poboación diana con proba primaria do test do virus do papiloma humano de alto risco (VPH-AR) ata os 30 anos.
Un circuíto único e o test do VPH como proba primaria
Entre as medidas aprobadas polo Consello da Xunta destacan a posta en marcha dun circuíto único e da adopción como proba primaria do VPG-AR. Así, a Xunta convidará á realización deste test a todas as mulleres que participen no cribado, independentemente da súa idade. A diferenza doutras comunidades autónomas, que combinan a realización de citoloxías ou test segundo a súa idade e perfil de vacinación, Galicia aposta por unificar o proceso nun circuíto homoxéneo de proba única primaria que abranguerá dos 25 aos 65 anos, co que se garantirá unha maior precisión e homoxeneidade dos resultados.
Esta decisión atende ás recomendacións do Grupo de Traballo da Comisión Europea sobre o cancro de colo de útero, ao permitir superar as limitacións das citoloxías tradicionais, cuxos resultados presentaban unha taxa superior ao 28,7% de falsos negativos en patoloxías invasivas.
Un cribado que detecta o 75 % dos cancros en estadio I
Desde a posta en marcha do Programa de detección precoz de cancro de colo de útero en 2019, a Consellería de Sanidade cursou máis de 397.000 invitacións ás mulleres galegas, o que posibilitou a realización de 248.872 probas (participación do 62,55%). Durante estes anos, detectáronse 105 cancros ata decembro de 2025. Cómpre destacar que o 75,7% destas lesións se atoparon en estadío I, é dicir, a fase máis temperá e con máis posibilidades de ser atallada.
Do mesmo xeito, o cribado de cancro de colo de útero posibilitou o tratamento de preto de 3.000 lesións precursoras que se atopaban en diferentes estadios, o que evitou a súa evolución cara a fases invasivas, ao tempo que preservou a saúde reprodutiva das mulleres. Para levar a cabo a ampliación da poboación diana deste programa, a Xunta realizará un investimento de 51.000 euros, destinado á subministración e envío dos dispositivos de autotoma, así como para as determinacións das análises de laboratorio.














