A innovación galega consolídase no mapa internacional coa posta en marcha de OSSIE (polas súas siglas en ingles Orbit Solutions to Simplify Injection and Exploration), un avanzado vehículo de transferencia orbital deseñado para facilitar que os pequenos satélites e CubeSats acaden o seu destino final no espazo. O proxecto está desenvolvido integramente pola compañía UARX Space nas instalacións da Zona Franca de Vigo, o que sitúa a cidade olívica como un punto neurálxico do sector aeroespacial europeo.
OSSIE conta coa colaboración da NASA, referente en tecnoloxía espacial a nivel mundial. “É un reflexo do potencial que ten a área de Vigo e a Zona Franca para atraer talento”, recoñece o delegado de Zona Franca de Vigo, David Regades. Engade que esta iniciativa empresarial amosa, do mesmo xeito, a evolución do consorcio a través dos anos. “Hai 10 anos comezamos con proxectos do sector espacial. Agora vemos que é un éxito: OSSIE xa está en Estados Unidos listo para saír”, afirma Regades.
Porque, como indica o delegado da Zona Franca, o dispositivo xa non se atopa en terras galegas. UARX compartiu a través da súa conta de X as seguintes palabras: “A conta atrás final xa comezou. OSSIE xa está integrado no vehículo de lanzamento!”. Está xa situado no lanzador dun foguete Falcon 9 de SpaceX e agarda o momento de emprender unha misión histórica para a tecnoloxía aeroespacial galega. O lanzamento, cuxa data exacta é aínda descoñecida, está previsto para este outono.
Unha tecnoloxía única
“A tecnoloxía de OSSIE é tan avanzada que só a teñen cinco países no mundo”, declara David Regades. O delegado da Zona Franca de Vigo resalta, deste xeito, a capacidade de UARX para situar tanto Galicia como España á vangarda da elaboración de vehículos de transferencia orbital punteiros. “É unha tecnoloxía aeroespacial que busca optimizar os lanzamentos ao espazo. O maior custo está nos foguetes que levan nanosatélites e satélites. Con OSSIE, búscase chegar a levar 20, 30, 40 nanosatélites en vez dun só”, asegura Regades, que engade: “Está democratizando a tecnoloxía espacial”.
Máis alá da súa innovación tecnolóxica, o proxecto de UARX supón un importante impulso ao sector industrial galego. “Este proxecto ten un carácter moi especial, porque se desenvolveu de xeito íntegro nos laboratorios de Zona Franca”, conclúe David Regades.
As capacidades de OSSIE
OSSIE é capaz de realizar: inxección directa, cambios orbitais en altitude e inclinación, cambios de fase para a distribución de constelacións no mesmo plano e cambios de LTAN / LTDN (parámetros empregados en guías orbitais para determinar a hora local exacta na que un satélite cruza o ecuador da Terra).
Entre os tipos de cargas útiles que pode transportar este dispositivo están: PocketQubes (un tipo de satélite miniaturizado de forma cúbica), CubeSats (un tipo de nanosatélite estandarizado), pequenos satélites e cargas útiles aloxadas (IoD / IoT; isto é, sistemas de comunicación).
Novas rutas cara ao espazo profundo
Como comparte UARX dende o seu espazo web, o deseño modular e escalable de OSSIE permítelle adaptarse aos requirimentos específicos de cada cliente mediante o uso de propulsión química ou eléctrica, ofrecendo unha gran versatilidade que vai moito máis alá dos modelos tradicionais de lanzamento compartido ou rideshare. Entre as súas principais capacidades técnicas destacan a inxección directa, os cambios orbitales en altitude e inclinación, e a xestión de múltiples cargas útiles como PocketQubes e pequenas plataformas tecnolóxicas.
Esta tecnoloxía de vangarda non só optimiza a posta en órbitas de cargas satelitais e nanosatelitais, senón que reduce a dependencia das rutas estándar ao abrir a porta á exploración de órbitas menos habituais. Como sinalan dende o portal wbe de UARX, “OSSIE permitirá a inxección precisa de satélites en órbitas terrestres non tradicionais, así como órbitas arredor da Lúa e traxectorias cara ao espazo profundo”.
A misión inaugural deste vehículo espacial, que definiron dende a empresa en múltiples ocasións como un “taxi espacial”, supón, deste xeito, un paso sen precedentes a nivel nacional para consolidar un novo modelo operativo máis flexible e autónomo na exploración espacial.














