Vigo consolídase como referente aeroespacial grazas ao impulso da Zona Franca

A cidade olívica comeza a configurarse como un epicentro real no mapa europeo do espazo e a aeronáutica grazas ao complexo hub TIC

A Galicia aeroespacial xa non é só unha idea abstracta. Vigo, en concreto, comeza a configurarse como un epicentro real no mapa europeo do espazo e a aeronáutica grazas ao complexo hub TIC da área de Vigo, que busca transformar o país nun polo estratéxico da industria aeroespacial europea. Este complexo é un dos proxectos da Zona Franca, un consorcio público estatal que se encarga de promover o desenvolvemento económico e empresarial desta cidade e de toda Galicia.

“Hai 10 anos non tiñamos ningunha empresa vinculada a este sector, e hoxe temos un conxunto de empresas moi importante que xoga un papel crucial a nivel internacional”, comenta David Regades, delegado da Zona Franca viguesa. “Para que nos fagamos unha idea: o 100% dos nanosatélites privados que o ano pasado se mandaron ao espazo, foron fabricados na Zona Franca de Vigo. Isto significa que temos un potencial moi grande e que estamos sendo capaces de atraer novas empresas a este hub”.

Publicidade

O hub TIC de López Mora, situado no antigo edificio dos xulgados da cidade, con 19.000 metros cadrados dedicados ao emprego de alta cualificación e unha aceleradora de alta tecnoloxía financiada con fondos europeos, exemplifica, para o delegado, esta nova etapa.

Un motor de emprego tecnolóxico de calidade

Regades destaca que este crecemento non é só industrial, senón tamén social. Vigo lidera a creación de emprego tecnolóxico en España, con un 13,4% dos contratos vinculados a traballos tecnolóxicos, fronte ao 6% da media estatal.

Publicidade

“O noso obxectivo é claro”, afirma Regades. “Queremos emprego de calidade, ben remunerado e con valor engadido, porque sabemos que o futuro pasa pola competencia tecnolóxica, e iso non o imos poder facer con emprego de pouca calidade e low cost”, asegura.

Este impulso contribúe á chamada soberanía tecnolóxica europea, un concepto que cobra forza nun contexto global marcado pola dependencia asiática e estadounidense. Para Regades, Europa non pode quedar ancorada nos sectores primarios.

“Se nos centramos só neses sectores, corremos o risco de desaparecer”, afirma. “Por iso, proxectos como o noso garanten autonomía tecnolóxica e industrial, algo fundamental para o futuro de Galicia”, engade.

Un exemplo de proxecto chave para a soberanía tecnolóxica galega e a fábrica de obleas fotónicas pensada en colaboración coa empresa Indra como socio estratéxico. Estas obleas son chips de última xeración que transmiten información a través da luz, o que fai que teñan maior velocidade, capacidade e seguridade que os chips convencionais.

“Indra non escolleu Vigo de xeito casual, senón porque aquí atoparon garantía de produto, talento e infraestruturas axeitadas”, lembra Regades. “É importante recordar tamén que o 90% dos aeroportos do mundo teñen algunha tecnoloxía xerada por Indra, polo que esta empresa necesita asegurar o subministro de compoñentes como estes semicondutores fotónicos”.

Un ecosistema en expansión

O delegado da Zona Franca lembra que o desenvolvemento industrial de Vigo xa viviu transformacións similares: “Primeiro foron as conserveiras, logo a automoción e a construción naval; agora é a quenda da tecnoloxía e o desenvolvemento aeroespacial”, destaca.

Este novo horizonte está a atraer talento de fóra de Galicia, onde algúns dos traballadores e traballadoras deste sector foron formados en Asia, Estados Unidos ou Europa e traballan xunto con enxeñeiros galegos saídos das universidades locais. Para o delegado, todo isto indica un futuro prometedor.

O crecemento será exponencial nos vindeiros 20 anos”, destaca Regades. “Empresas galegas como UARX ou Allén & Space xa teñen homologacións da NASA e participan en programas directos coa NASA; e outras, como Kreios, trasladaron a súa sede desde Cataluña a Vigo”, apunta.

Para a Zona Franca todo isto é un indicativo de que o futuro galego como sector estratéxico da aeronáutica e do espazo só acaba de comezar.

Elena Martín
Elena Martín
Realizadora audiovisual, xornalista e tradutora. Licenciada en comunicación audiovisual por la USC, máster en documental creativo pola UAB e máster en tradución audiovisual pola UOC. Forma parte da cooperativa de comunicación social Xarda e colabora en varios medios de comunicación como O Salto Galiza, GCiencia, Traveler ou Pikara Magazine

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vigo como referente aeroespacial: o lanzamento da misión BIXO permitirá estudar a vida no espazo

O equipo de UVigo SpaceLab, apoiado por Zona Franca, analizará durante nove meses o comportamento de bacterias en condicións de microgravidade e radiación

Alén Space lidera un proxecto europeo para detectar interferencias de radiofrecuencia dende o espazo

A empresa galega coordina a iniciativa financiada pola Axencia Espacial Europea que terá unha duración de 24 meses

Alén Space pon a proba o seu satélite para manter aos barcos conectados en alta mar

O obxectivo do aparello creado en Nigrán é intercambiar mensaxes entre buques e portos, e mellorar a seguridade e eficiencia do tráfico marítimo grazas á tecnoloxía VDES

Alén Space completa un novo satélite para un instituto tecnolóxico de Corea do Sur

A partida do aparello, creado integramente en Nigrán, está prevista os próximos días desde o Centro Espacial Naro, situado na provincia de Jeolla do Sur