A cidade onde se deseña o coche do futuro

A creación do World Car Center é unha aposta da Zona Franca que promove innovacións como o deseño de baterías, a conectividade e a autonomía

Un automóbil conectado a todo, sinxelo, accesible. Tecnoloxías con sodio ou hidróxeno, conectividade e eficiencia. Novos vehículos autónomos e mellor adaptados ás cidades. Definir o coche do futuro non é doado, pero pode ser máis sinxelo se miramos os novos cambios que se propoñen desde o centro da industria automobilística galega: Vigo.

A cidade prepárase para unha etapa de cambios no que se pretende propoñer como un dos grandes centros tecnolóxicos de España. E unha das súas claves está vencellada ao coche. A intención de realizar un automóbil innovador pretende potenciar unha das maiores industrias de todo o país e a que ata agora é a maior de Vigo.

Publicidade

O gran foco industrial de Galicia

España é o segundo fabricante europeo de automóbiles, só por detrás de Alemaña, como explica David Regades, delegado do Estado da Zona Franca de Vigo. “Galicia achega un 25% á automoción nacional”, destaca. Ademais, é un foco de exportación cara a Europa. A principal empresa, Stellantis, axuda a situar á provincia como unha das máis tecnolóxicas do país, considera o delegado.

O impacto na área de Vigo, ademais, é moi elevado. Stellantis concentra o 21% da riqueza xerada do tecido empresarial, o 5% de todo Galicia, segundo Zona Franca. Isto ten consecuencias tamén no emprego: o 12% dos traballos de toda a comarca están vinculados a este ámbito. “Un investimento de 7.500 millóns de euros en salarios desde hai 25 anos”, recorda o delegado.

Publicidade

A presenza de Stellantis xerou diversas ideas innovadoras e empresas do sector na zona. “Igual que Google se sitúa en Silicon Valley e ao seu redor empezan a saír empresas estatais”, afirma Regades. Para amplificar o impacto e a capacidade de avanzar desta rede de empresas, Zona Franca impulsou o Business Factory Auto e Helpec Auto, unha aceleradora e unha incubadora de alta tecnoloxía, respectivamente. A segunda, coa intención de aproveitar ideas innovadoras e transformalas en empresas que poidan achegar máis ao tecido produtivo.

World Car Center

Para facer o Silicon Valley do automóbil máis forte e unir forzas, nace o World Car Center (WCC). Será un lugar de traballo para fortalecer o deseño de novas solucións e un punto de reunión para os expertos do sector. O que se busca é unha maior colaboración e a creación de novas sinerxías entre empresas, profesionais e a posibilidade de atraer novos investimentos. “Nós podemos presumir que a vida media das empresas das nosas incubadoras está moi por enriba da do resto”, afirma Regades. A idea do WCC é ter espazos de coworking, laboratorios, postos para formación e áreas de exposición.

De por si, as aceleradoras e incubadoras actuais xa son moi innovadoras, pero a intención do WCC é combinar e potenciar a súa utilidade. Ademais, constan dun alto grao de especialización nun sector que ten relación directa coa industria privada local, especialmente con Stellantis.

Se falamos do coche do futuro, Regades ten unha definición en catro palabras: un smartphone con rodas. A partir de aí, todo pode ser máis difuso, pero hai certos puntos claros. Por exemplo, a transición ecolóxica é fundamental. Os automóbiles serán eléctricos pero, de que material estarán feitas as baterías? Actualmente, son de litio. Porén, as novas tecnoloxías tamén nos levan a materiais como o sodio ou o hidróxeno, que poderían ser máis eficientes e deixar unha menor pegada no ámbito ambiental.

O coche do futuro

O que si ten claro o delegado é que vai ser un vehículo con conectividade e de moita accesibilidade. E ese é un dos puntos nos que traballan algúns dos proxectos que xa incuban e aceleran, moitos centrados na IA, na electrificación ou na propia conectividade. Por exemplo, Tracking NW, que ten como obxectivo mellorar a xestión das empresas de transporte e loxística a través da conexión de software de xestión de cargas, o GPS e o tacógrafo. Xesol Drive, que forma parte do Business Factory Auto, desenvolve produtos para a asistencia á condución autónoma a través da identificación do usuario. E estes só son dous exemplos.

Desde as plataformas que estarán englobadas co World Car Center hai decenas de proxectos. Para promovelas, o delegado destaca que a Zona Franca de Vigo é exemplo da colaboración público e privada, que considera imprescindible para poder apoiar ás empresas. Desde o Consorcio teñen como obxectivo que as compañías poidan centrarse nos procesos industriais e axudarlles a ser máis competitivos. Para isto, buscan tamén a colaboración non só coas empresas do sector, senón tamén coas universidades para captar o talento ou a realización de proxectos colaborativos.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona