Venres 26 Abril 2024

Alumnos da UVigo compiten co seu coche autónomo no campionato SEAT

Cun quinto posto rematou a participación do equipo AutoCAR da Universidade de Vigo no Autonomous Driving Challenge, celebrado a pasada fin de semana en Madrid e no que o grupo formado por un egresado e catro estudantes da Escola de Enxeñería Industrial mediu as capacidades do seu vehículo autónomo aos de outras seis universidades españolas.

“O resultado da proba non foi moi bo debido a problemas de hardware no vehículo. Descoñecemos a razón dos fallos, pero cremos que pode ser debido ao transporte en furgoneta desde Vigo”, explica Alejandro Fernández, coordinador do equipo, que lamenta que o primeiro día de competición o seu vehículo fose cambiado por outro diferente ao que eles desenvolveran, o que os obrigou a pasar a xornada adaptando os seus programas.

Publicidade

O coche autónomo vigués.

Doutra banda, a deficiente iluminación do espazo, “pois non era uniforme en todo o percorrido do circuíto, o que nos obrigou a tratar de arranxar este problema sen éxito, modificando o algoritmo de visión artificial para as adversas condicións do lugar”, así como o mal posicionamento dos códigos Artag empregados para a identificación dos sinais na estrada, dificultaron a consecución dun bo resultado. “Destes feitos queixámonos todos os participantes e espero que sirva como feedback para sucesivas edicións do torneo”, sinala o coordinador do equipo, integrado por Yasmina González, Jesús Iglesias, Carlos Lago e Raúl Riera.

A pesares do resultado acadado na proba promovida por SEAT e na que a Universidad Politécnica de Madrid alzouse coa vitoria, o equipo vigués fai unha valoración positiva da súa participación. “A nosa quinta posición foi recibida de maneira un tanto amarga, debido aos problemas co vehículo que tivemos durante os tres días da competición, aínda que non nos preocupa demasiado, xa que conseguimos aprender moito e levamos unha experiencia moi positiva e enriquecedora para todos, ademais das posibles colaboracións en proxectos con compañeiros doutras universidades”, sinala o coordinador do equipo AutoCAR.

Para Alejandro Fernández a vitoria do equipo da Universidade Politécnica de Madrid é moi merecida, “pola súa capacidade de adaptarse ás condicións adversas do circuíto”, un equipo co que compartiron experiencias e do que aprenderon moito “sobre o seu método de procesado de imaxe”. Así mesmo, no caso do equipo da Rovira i Virgili, que acadou o terceiro posto na competición, os representantes da Universidade de Vigo aseguran que “tamén fixemos moi boas migas e non descartamos volver a atoparnos en futuros concursos de robótica ou mesmo compartir algún proxecto”, explica o coordinador de AutoCAR.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

A UVigo deseñará sensores fotónicos para identificar células tumorais

Membros de atlanTTic participan no proxecto europeo Retina para a mellora de procesos nos ámbitos da saúde, da automoción e da agricultura

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas