A UVigo deseñará sensores fotónicos para identificar células tumorais

Membros de atlanTTic participan no proxecto europeo Retina para a mellora de procesos nos ámbitos da saúde, da automoción e da agricultura

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo (UVigo) é un dos 13 socios que participan no proxecto europeo Retina, un traballo dirixido a desenvolver dous sensores baseados en tecnoloxías fotónicas para mellorar diferentes procesos no ámbito da saúde, a automoción e a agricultura. Na área da saúde destacan, por exemplo, a identificación de células tumorais e monitorización da perfusión sanguínea en cirurxías; en automoción, os sistemas avanzados de detección de colisións de vehículos ADAS (Sistemas Avanzados de Asistencia ao Condutor); e en agricultura, as plataformas terrestres e montadas en drons para viticultura de precisión.

O proxecto, que arrancou o pasado mes de decembro e durará catro anos, conta cun orzamento de 6,2 millóns de euros e está coordinado polo centro tecnolóxico AIMEN. O obxectivo é desenvolver un concepto novidoso de tecnoloxía LiDAR baseado en PIC altamente escalable, desenvolver xeradores de imaxes espectrais instantáneas para sistemas sensoriais rendibles e de alta resolución, establecer técnicas de software innovadoras e servizos para o despregue dunha plataforma de detección baseada en aplicacións fiables e precisas, e apoiar o liderado tecnolóxico do ecosistema fotónico da UE impulsando o crecemento en industrias estratéxicas.

Publicidade

Solucións baseadas na tecnoloxía LiDAR

Francisco Díaz Otero, investigador de atlanTTic e líder do proxecto na UVigo, destaca que Retina desenvolverá os seguintes xeradores de imaxes: un sistema LiDAR fotónico integrado nun chip para capturar imaxes en 3D e sensores de imaxes baseados en Quantum-Dots para aumentar o rango espectral e a sensibilidade á luz. 

No marco deste proxecto crearanse dous tipos de sensores distintos desta tecnoloxía que demostrarán as vantaxes da fotónica fronte aos sistemas tradicionais, nos que os circuítos electrónicos onde se representa a información se procesan mediante sinais eléctricas a diferenza dos sistemas fotónicos, onde se emprega a luz e son capaces de transmitir e procesar a información dun xeito máis rápido.

Publicidade

“LiDAR é unha tecnoloxía que utiliza luz para detectar as dimensións de obxectos en 3D. Aplicar a fotónica aos sistemas LiDAR permítenos reducir o tamaño do sistema LiDAR para que caiba nun só chip. Ademais, podemos lograr moitos outros beneficios, como maior resolución espacial, menor consumo de enerxía, detección de obxectos en movemento ademais de obxectos estacionarios e supresión do ruído de fondo (luz)”, explica Francisco Díaz.

Rol estratéxico do QOPHI Lab de atlanTTic

O traballo que levará a cabo o equipo do laboratorio QOPHI (Quantum, Communication, Photonics & Integration) de atlanTTic, do que forman parte Francisco Díaz, director do laboratorio, Francisco Soares, David Álvarez e Miguel Carbonell Valin, permitirá establecer sinerxías coa coordinación do proxecto e co resto de socios participantes a nivel internacional.

Nesta liña, desde o laboratorio sinalan que en Retina “demostrarase que a través da colaboración directa entre desenvolvedores e fabricantes de solucións fotónicas, persoal experto en procesado de datos, intelixencia artificial e líderes de sectores estratéxicos, pódese dirixir o desenvolvemento áxil de sistemas sensoriais personalizados e o seu despregamento e validación en contornas operativas que abarquen solucións de hardware e software. Ademais, mostrarase o potencial de adaptabilidade, escalabilidade e transferencia destas solucións baseadas na fotónica ao abordar unha serie de necesidades industriais de maneira eficiente e rendible”. 

Socios de sete países

O consorcio está composto por socios académicos, pequenas e medianas empresas e grandes actores clave de sete países da Unión Europea: catro RTO (a Asociación de Investigación Metalúrgica do Noroeste en España; o IMEC en Bélxica; a Universidade de Vigo e o Instituto Fraunhofer Heinrich-Hertz, en Alemaña); unha grande empresa (Quest Medical Imaging B.V, nos Países Baixos), cinco pemes (Photonfocus AG de la Suissa, Aeromedia Uav SL e Abraia Software SL de España, Xenomatix de Bélxica, e Tematys de Francia), dúas asociacións empresariais (a Associação para o Desenvolvimento da Viticultura Duriense de Portugal, e o European Photonics Industry Consortium de Bélxica) e un hospital (o Leiden University Medical Center, dos Países Baixos).


Podes ler a noticia completa do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pint of Science: “É fantástico pasar do contexto pechado da investigación á contorna afable dos bares”

O investigador de atlanTTic Diego Cajaraville dará o 19 de maio ás 19:30 horas unha charla no bar De Catro a Catro de Vigo

Fernando Aguado: “A variación do sinal con respecto a Vigo axudará a situar Orion na Artemis II”

O catedrático da Universidade de Vigo cualifica de “soño” a participación do seu equipo no percorrido cara á Lúa na nova misión da NASA

Robots agricultores e gandeiros armados de intelixencia artificial: así son as granxas do futuro

A tecnoloxía avanzada transforma a produción agropecuaria e mellora a xestión dos recursos para aumentar a eficiencia e sostibilidade

Galicia, na misión Artemis II da NASA: así traballa a UVigo no seguimento de Orion

Un grupo de atlanTTic analizará unha monitoraxe continua durante dez días para asegurar a correcta traxectoria da cápsula