No pasado, uns grans de cor escura eran o cultivo predilecto dos galegos. Tratábase da avea moura (Avena strigosa), unha especie diferente xeneticamente á que se vende hoxe nos supermercados —comparten o xénero Avena, pero a comercial é da especie Sativa— que desapareceu a finais do século XX a causa de diversos motivos sociais e económicos, ademais da perda xeralizada das variedades tradicionais. Dende setembro de 2023, o Grupo Operativo Avea Moura, coordinado dende Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), investiga arredor da súa recuperación; non só das súas variedades, senón da súa capacidade para volver a ter interese económica. Os resultados de tres anos de investigación foron expostos o mércores 23 de setembro nunha xornada na sede do instituto de investigacións en Pontevedra.
Todo emerxe dunha mostra limitada: hai catro anos, o líder do proxecto, Bernardo Ordás López, investigador principal do GO Aveas, só atopou un agricultor que cultivara avea moura na actualidade, mentres esta continuaba na memoria de Galicia. “Desapareceu completamente”, subliña o experto, unha regresión que se produciu en toda a súa área de distribución. Ata o inicio do estudo, apenas se coñecía a orixe e as relacións xenéticas entre variedades de avea moura.
Con todo, o cultivo segue a ter moito interese en canto a condicións ambientais. Segundo explica Ordás López, ten unha adaptación moi rústica que fai que non precise nin de fertilizantes nin de herbicidas: “A avea moura é a que ten un menor custo ambiental“. Así, esta recuperación convértese nunha oportunidade única para revalorizar un cultivo propio de Galicia.
A diversidade marchou coa avea moura
A partir de estudos xenéticos de ADN, Bernardo Ordás e o equipo detrás do GO Avea Moura analizaron o pasado desta especie: “É un cultivo que se orixinou en Galicia e estendeuse cara á zona Atlántica”. Foi a avea silvestre (Avea lusitanica) a que deu lugar á Avena strigosa, no contexto dunha sociedade agraria e pouco industrializada; o cultivo dedicábase ao autoconsumo, que se foi perdendo co abandono do campo e a tendencia ao monocultivo. “Non desapareceu por desinterese ou porque houbese outros mellores; foi por falta de diversidade“, subliña.
A súa desaparición a partir dos anos 80 levou á expansión dos cultivos maioritarios, como o trigo ou o arroz, o que inflúe na sostibilidade dos ecosistemas agrarios, con especial interese no cambio climático. “O problema non son os cambios estables, senón que son erráticos; con máis diversidade, habería máis cultivos”, sinala o investigador, xa que en determinadas tempadas habería plantas que resistirían mellor ás chuvias e, noutros casos, que soportaran as situacións de seca. Súmase o factor dieta: como normal xeral, unha maior diversidade favorece á flora intestinal e a unha microbiota máis sa.
Como o fixeron?
Coa axuda da investigadora da Universidade da Coruña (UDC) Elvira Sahuquillo conseguiron a variedade de avea moura do banco de sementes do CSIC —coñecido cientificamente como banco de xermoplasma—. Ademais, antes de comezar o proxecto con MBG, Bernardo Ordás avaliou variedades galegas de avea moura dende o Centro de Investigacións Agrarias Mabegondo (CIAM), onde escolleu as dúas que máis producían: unha delas da Pastoriza (Lugo) e outra da Estrada (Pontevedra). Engadiu, ademais, variedades de Padornelo (Zamora) —onde se seguía cultivando—, Agolada, Herves, ademais de sollo silvestre e unha avea comercial.

Con todo, esta preselección de variedades non era suficiente: “Non podemos quedarnos nos bancos de semente; a clave é atopar produtos de alta calidade para que o cultivo sexa economicamente viable para o agricultor”, explica. Así foi como apareceron os diferentes usos da avea moura.
Múltiple revalorización: da mesa á cosmética
O obxectivo principal da investigación é a recuperación da avea moura dende a revalorización: dende os restaurantes á mesa e á cosmética.
En primeiro lugar, un dos principais colaboradores do proxecto é Javier Olleros, cociñeiro do restaurante Culler de Pau (O Grove), quen impulsa a avea moura a través da alta cociña. Realizaron máis de 50 elaboracións e prototipos, con dous que inclúen un 100% e 90% do cultivo. A fase final centrouse en tres “productos estrela”: unha bebida fermentada en avea que, sen practicamente azucre, sabe doce; unha allada; e un garum, unha salsa fermentada de peixe, sal e herbas aromáticas, esencial na cociña da Antiga Roma. A pesar do peche do proxecto, o restaurante cultiva avea moura e continúa a investigar: presentarán esta experiencia nun congreso en Gran Canaria e nos Fórums Gastronómicos de Barcelona e A Coruña.
En segundo lugar está a cosmética, da man de Muuhlloa, que emprega o leite e as plantas galegas para crear cosméticos de alta calidade. Agora, están a traballar coa avea moura aproveitando a súa casca —que non serve na cociña— para elaborar unha crema facial para peles sensibles ou reactivas (rosácea e acné), e un xel hidratante íntimo externo dirixido a mulleres, a causa da demanda. A casca presenta un maior contido de polifenoles e unha maior actividade antioxidante que o gran enteiro, un achado interesante para a economía circular. Agora, lanzarán unha campaña de crowdfunding para poder comercializar estes produtos cosméticos. De feito, Granxa Maruxa (Monterroso) é unha das empresas colaboradoras neste proxecto, que conseguiu cultivar este ano ata 50 quilos de avea moura.
Finalmente, Panadería Da Cunha está a probar unha posible vía de valorización: entre o 20-30% de avea moura ofrece a mellor combinación de sabor, textura e manexabilidade en formatos de pan. Tras a cocción, mesmo permanecen os compostos de alto valor, como as avenantramidas e os ácidos hidroxicinámicos, con capacidade antioxidante e potencial para modular procesos inflamatorios. Con todo, están máis lonxe de acadar a comercialización.
Continuará…
A recuperación está nas mans da agricultura: ata 10 voluntarios decidiron plantar a variedade Pastoriza —que tratan de rexistrar na Oficina Comunitaria de Variedades Vexetais (OCVV) para favorecer á súa venda— para formar parte dun novo ensaio experimental. “Precisamos que o agricultor plante, pero este necesita demanda e financiamento”, conclúe Bernardo Ordás López. Así, a nova fase de desenvolvemento continuará co avance dos prototipos obtidos da man de Culler de Pau, Muuhlloa e Grupo Da Cunha cara á súa posible transferencia comercial.














