Como recuperar o millo miúdo e o paínzo, dous cultivos tradicionais case extintos

O investigador galego Andrés Teira-Brión está a realizar un estudo sobre a funcionalidade e a diversidade ecolóxica da agricultura dos dous cereais

Dous cultivos “case extintos” moi presentes na historia, dos que pouco se coñece na actualidade, pero que poderían ter diversos beneficios no futuro. O millo miúdo (Panicum miliaceum L.) e o paínzo (Sataria italica (L.) P. Beauv.) son dúas especies vexetais que case non se traballan na península ibérica pero que o investigador galego Andrés Teira-Brión quere recuperar a través do seu proxecto. Ademais dun extenso estudo sobre a funcionalidade e diversidade ecolóxica da súa agricultura, tamén levou a cabo, xunto coa produtora galega Illa Bufarda, un documental para darlle voz ás persoas que na actualidade seguen cultivando “os millos ausentes”.

Como bolseiro posdoutoral Marie Sklodowska-Curie da Universidade de Oxford, o doutor Teira-Brión está a realizar unha investigación que presentará este ano na XX Conferencia do Grupo de Traballo Internacional de Paleoetnobotánica (IWGP polas súas siglas en inglés) en Groningen (Países Baixos). No bando máis académico, o doutor indaga sobre as estratexias agrícolas e a diversidade das prácticas de cultivo do millo miúdo en Europa tanto no pasado como no presente. Isto faino a través do estudo de isótopos estables, agricultura experimental e etnoarqueoloxía.

Publicidade

Ademais do traballo puramente científico, tamén realizou coa produtora Illa Bufarda un documental para tratar o eido máis etnográfico dun xeito máis visual.

Os millos ausentes

Andrés Teira-Brión

Teira-Brión leva 14 anos tratando a recuperación dos cultivos de millo miúdo e paínzo. “Comecei no 2012 con entrevistas etnográficas e actualmente levo máis 100 realizadas en Galicia, norte de Portugal e Asturias”, relata o investigador. A idea de realizar este documental, no que se dá a coñecer o testemuño de varios agricultores destes cereais, foi variando segundo ía poñéndose en contacto con máis xente. “Non quería ser eu o protagonista, senón darlle voz a todas estas persoas”, matiza.

Publicidade

Coa crenza de que “non se pode facer ciencia de costas á xente” e buscando un “discurso distinto ao científico”, o doutor uniuse coa produtora galega Illa Bufarda para crear este documental titulado Os millos ausentes. A peza audiovisual, cunha duración de menos de 24 minutos, explica a situación destas dúas especies vexetais en varias localizacións de Galicia, norte de Portugal e Asturias a través de declaracións de persoas que traballan con estes cereais.

O documental plasma, ademais dun resumo da investigación de Teira-Brión, a vivencia de tres agricultores de Asturias e un grupo de mulleres portuguesas que comercializaban co millo miúdo xa cociñado. Trátanse de Luis García, veciño de Degaña (Asturias); Luisa Rodríguez e Manuel Ardura de Cangas de Narcea (Asturias) e Adélia da Cunha, Lucinda Brandão e Maria Alice Barros de Paredes de Coura (Portugal).

Comida da xente e do gando

Testemuños como o de García destacan a transformación da vida en decrecemento do campo. Este veciño de Degaña asegura que cultiva o paínzo a día de hoxe para “entreterse e comer algo natural”, mais no pasado tamén era un alimento base para o gando.

Pola súa parte, Rodríguez e Ardura salientan o necesario que era este cultivo para alimentar as vacas e as galiñas. “Foise perdendo porque daba moito traballo, porque había que secalo e tratalo”, asegura a parella na peza audiovisual.

Por último, Os millos ausentes plasma o caso das “papeiras de Cunha”, un grupo de mulleres de Paredes de Coura que se dedicaban a realizar papas co millo miúdo. Durante o seu testemuño mostran tamén todo o proceso para levar a cabo esta receita tradicional. “O miúdo era bo para moita cousa, porque naqueles tempos pasabamos moita fame”, narran no documental.

Este último caso destaca porque, a diferenza dos dous primeiros, as mulleres “non cultivaban o miúdo como o facían as súas nais, cómprano nos mercados que o importan, mantendo así este elemento de identidade”, sinala o investigador.

Riscos asociados á perda

Os riscos que implicaría a desaparición total destes cereais son variados. Segundo apunta Teria-Brión non só se trataría da perda de especies como o millo miúdo, senón tamén dos sistemas de agricultura nos que estaban inseridas. “Na Coruña e en Pontevedra cultivábase co centeo e rotábase, pero estes ciclos xa non se fan”, explica.

Tamén se poden perder elementos de identidade a través da alimentación. No documental escoitase a cantiga “heicho de dar queridiña, papas de millo miúdo feitas nun pote pequeno”. “Por estas persoas lémbrase que a poboación comía estes produtos, algo que agora está máis pensado para o gando”, comenta o investigador.

Recuperalo como coa quinoa

Ante esta situación, sería posible algunha estratexia para recuperar o cultivo do millo miúdo ou o paínzo? O doutor galego aposta por algo parecido co acontecido coa quinoa. “Hoxe en día está presente en todos os lados e considérase un ‘superalimento’, pero ata a década de 1960 ninguén sabía dela”, sinala.

Este pseudocereal, que era recomendado como complemento nas dietas pobres en comunidades andinas, tivo unha explosión de notoriedade durante a década de 1990 en determinados foros de norte América. “Consideraban que podería ser un ‘superalimento’ e que sería interesante para o consumo humano e, dende hai 10 anos atrás, podémolo atopar en todos os supermercados de Galicia”, comenta.

Comparativa entre o millo e o millo miúdo. Foto: Illa Bufarda

“Foi un cultivo moi local que hoxe en día está moi presente e non é moito máis nutritivo que outros cereais, pero ten ese compoñente de exotismo e marketing que fai que teña a súa relevancia. Algo que tamén se podería facer co millo miúdo”, indica.

Ademais de ter un tamaño semellante ao da quinoa, este cereal tamén se considera un ‘superalimento’, non contén glute e conta cun perfil de aminoácidos complementario a outros cereais. “Por exemplo, se comemos trigo, cebada ou arroz, necesitamos comer carne para obter certos aminoácidos dos que son máis deficitarios estas especies vexetais”, explica o investigador.

“É difícil introducir isto nos supermercados, pero si que pode ser viable facelo a través de implementar receitas. Hoxe en día a xente ten moi interiorizado facer papas de avea, que é case o alimento máis vello do mundo, pero tamén se pode facer papas de miúdo”, conclúe.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea