Tomas té? Unha soa bolsa libera millóns de microplásticos na auga infusionada

Un equipo da Universidade Autónoma de Barcelona emprega técnicas láser para determinar a cantidade de partículas que soltan os envases das infusións

No tecido humano, en rochas antigas e na auga embotellada. Os microplásticos xa son omnipresentes e están en todas partes, incluso onde menos o esperas. Un estudo publicado por investigadores da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) revela que as bolsas de té individuais poden liberar miles de millóns de partículas micro e nanoplásticas na auga na que infusionan. Estas cifras coinciden con estudos previos que xa analizaran a combinación de plásticos coas altas temperaturas, como acontece dos recipientes alimentarios que se usan no microondas.

“Conseguimos caracterizar de forma innovadora os contaminantes cun conxunto de técnicas punteiras. Isto supón unha ferramenta moi importante para avanzar na investigación sobre os posibles impactos na saúde humana”, indica a microbióloga Alba García-Rodríguez, autora do estudo.

Publicidade

Tres tipos de bolsas de té

Investigacións anteriores xa suscitaran inquedanzas sobre a cantidade e o posible impacto na saúde das partículas sintéticas presentes nas bolsas de té. No estudo elaborado na UAB, os investigadores trataron de ser o mais exhaustivos posible e seleccionaron produtos que están actualmente á venda. Despois empregaron técnicas láser para medir a velocidade e a dispersión da luz. Isto proporcionoulles unha imaxe moi precisa das propiedades químicas e físicas das partículas liberadas polas bolsas de té.

Os investigadores traballaron con tres tipos diferentes de produtos. As primeiras bolsas estaban feitas principalmente de polipropileno e liberaron arredor de 1.200 millóns de partículas por mililitro cun tamaño medio de 136,7 nanómetros. As de celulosa soltaron unha media de 135 millóns e medían 244 nanómetros. Finalmente, as bolsas de té elaboradas con nailon-6 liberaron 8,18 millóns de partículas por mililitro cun tamaño medio de 138,4 nanómetros.

Publicidade

Interacción co intestino

Amais disto, os autores do estudo analizaron como os microplásticos liberados polas bolsas de té interactuaban coas células intestinais humanas. Descubriron que nas células produtoras de moco, os niveis de absorción eran suficientes para que os plásticos acadasen o núcleo celular. Este descubrimento é útil á hora de avaliar o impacto que teñen os microplásticos no corpo humano.

Os investigadores analizaron tres tipos diferentes de bolsas de té segundo a súa composición: polipropileno, celulosa e nailon-6.

“A súa composición polimérica inflúe significativamente nas súas interaccións biolóxicas, o que conduce a unha variedade de efectos sobre órganos, tecidos e células”, apuntan os autores no estudo. “Estas diferenzas poden dar lugar a patróns de acumulación específicos, perfís de toxicidade, respostas inmunes e efectos a longo prazo sobre a saúde“, indican.

Protexer a saúde pública

O equipo da UAB reclama un uso estandarizado dos plásticos nos envases para alimentos coa fin de protexer a saúde pública. Malia que aínda quedan moitas preguntas por resolver sobre os efectos que poden ter sobre o corpo humano, cada vez hai máis evidencia de que poden poñer en risco os ecosistemas e a propia saúde. Crese que os microplásticos e os nanoplásticos poderían interferir no funcionamento normal das células e aumentar a probabilidade de infeccións. Tamén se detectaron plásticos no intestino asociados con enfermidades como a enfermidade inflamatoria intestinal (EII).

“A medida que o uso de plásticos nos envases de alimentos continúa aumentando, a investigación científica e a formulación de políticas deben abordar os desafíos que expón a contaminación por microplásticos para garantir a seguridade alimentaria e o benestar do consumidor”, escriben os investigadores.


Referencia: Teabag-derived micro/nanoplastics (true-to-life MNPLs) as a surrogate for real-life exposure scenarios (Publicado en Chemosphere)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As microfibras son o principal microplástico detectado en bivalvos mariños

Un estudo do IEO de Vigo sinala que as febras azuis son as máis frecuentes e alerta de que as de celulosa rexenerada poden ter riscos comparables aos das sintéticas

A UE veta o uso do bisfenol A, o inimigo silencioso dentro dos plásticos

Despois de anos de controversia e 20 anos de estudos científicos, Bruxelas dá o paso de prohibir este composto tóxico para os organismos

Os microplásticos aumentan a resistencia aos antibióticos

Un equipo da Universidade de Boston subliña a importancia de abordar a contaminación dos residuos plásticos como unha prioridade de saúde pública

Un estudo en ratos revela que os microplásticos poden causar trombos no cerebro

O achado suxire que os residuos poden inducir disfunción neurolóxica a través da activación das células inmunitarias do órgano