Un estudo da UVigo en ratas suxire que os microplásticos alteran a conduta e a función cerebral

A investigación indica que as partículas poden actuar como vehículos doutros contaminantes e ampliar os efectos neurotóxicos do glifosato

Paseas pola praia, xusto á beira do mar, e atopas unha botella de auga, o envase roto dun xeado e os restos dunha antiga bolsa de supermercado. Ningún destes plásticos está nunha papeleira, senón flotando sobre a auga. Tamén están presentes a escala microscópica, aínda que non poida velos o ollo humano. Diferentes estudos xa detectaron microplásticos no sangue, nas feces e na placenta. Co obxectivo de entender o seu impacto sobre o cerebro, un equipo da Universidade de Vigo (UVigo) analizou os efectos da exposición aguda a micro e nanoplásticos en ratas. A investigación suxire que tras admnistrárllelos mediante unha inxección, os roedores experimentaron alteracións no comportamento e cambios na bioquímica do cerebro en tan só 24 horas.

O artigo, publicado recentemente na revista Ecotoxicology and Environmental Safety, é unha aproximación ao que podería acontecer no corpo humano baseándose nun modelo moi empregado en ciencia: as ratas. Con todo, o experimento non reproduce a exposición ambiental, senón que os micro e nanoplásticos son administrados en laboratorio para analizar os seus efectos a curto prazo. “Non avaliamos unha exposición crónica, senón aguda. Queremos saber onde están a facer dano. Precisaríanse máis investigacións para ver os mecanismos exactos que o causan”, explica a primeira autora do estudo, Laura Bergantiños Lillo.

Publicidade

Primeiros indicios

A investigadora da UVigo matiza que, de momento, só atoparon indicios e unha relación entre o tóxico —os micro e nano plásticos— e os efectos que produce no comportamento e na función cerebral das ratas. Así, tras a inxección das partículas contaminantes, os roedores mostraron alteracións motoras, descoordinación e certa fatiga. “Adéstralos para correr nunha roda. Nunha situación normal fano durante un tempo determinado pero, tras a exposición a microplásticos, xa non eran capaces de acadalo”, sinala Bergantiños Lillo. Ademais dos problemas motores, tras someter as ratas a probas de exploración, o equipo decatouse de que tras a administración de microplásticos perdían parte da súa motivación e curiosidade.

O seguinte paso foi tratar de entender por que se producían os fallos motores nos ratos tras a exposición aos plásticos. “Analizamos marcadores específicos de toxicidade e avaliamos varios parámetros de estrés oxidativo. Con eles confirmamos que os microplásticos teñen certa toxicidade“, sinala a autora, que asinou o estudo xunto aos tamén investigadores da UVigo Martiño Barreiro Chapela, Lilian Rosana Ferreira Faro e Rafael Durán Barbosa. Mais un dos aspectos que máis lles sorprendeu foi a interacción dos micro e nanoplásticos con outros contaminantes. En concreto, co glifosato, un pesticida de uso moi común na agricultura.

Publicidade

Interacción co glifosato

“Se xa os microplásticos causaban efectos, cando os mesturabas con glifosato creábase unha bomba. É dicir, os danos eran máis evidentes”, sinala. A hipótese que barallan dende o equipo da UVigo é que os plásticos actúan como unha especie de vehículo ou vector doutros contaminantes e que, ao asociarse, potencian os seus efectos nocivos sobre o organismo. Bergantiños Lillo aclara que a dose empregada de glifosato foi moi baixa e, polo tanto, non debería ter “ningún efecto” sobre o organismo dos roedores. Porén, o estudo suxire que ao combinar ambos os contaminantes, amplifícase e poténciase a súa toxicidade.

As femias, máis sensibles

Outro dos aspectos máis relevantes do traballo, que empregou 72 ratas, é a diferente resposta aos contaminantes en función do sexo. Malia que o que atopan tan só son indicios, os resultados suxiren que as femias son máis sensibles aos efectos do micro e nanoplásticos que os machos. “Só podemos extraer hipóteses pero probablemente estea relacionado con cuestións hormonais“, explica Bergantiños Lillo. Non obstante, a primeira autora insiste en que o seu estudo é unha primeira aproximación e que continuarán a investigar nesta liña para xerar máis coñecemento e evidencia científica.

O equipo da UVigo centrouse no estudo do cerebro en ratas, dado que a literatura científica sobre o impacto dos nano e microplásticos está máis enfocada ao modelo de peixe cebra e ao sistema dixestivo. “O cerebro é especialmente delicado”, sinala Bergantiños Lillo, quen menciona estudos que xa describiron a capacidade dos micro e nanoplásticos de atravesar a barreira hematoencefálica, ás veces complicada de cruzar incluso para algúns fármacos. O obxectivo agora é indagar en máis profundidade que acontece coas moléculas que conseguen chegar a cerebro. “O que buscamos é previr, porque non sabemos o que vén”, advirte a investigadora.

Máis investigación

Bergantiños Lillo expón as grandes lagoas que hai sobre os efectos no corpo humano dos nano e microplásticos, e lembra o impacto mediático da crise dos pellets, que chegaron en masa ás costas galegas tras o accidente do buque Toconao en decembro de 2023. A liberación de plásticos no medio ambiente, e tamén a súa chegada aos tecidos humanos, dá pé a unha profunda reflexión. “Xa hai estudos que apuntan que a inxestión de plásticos podería estar asociada con enfermidades como o párkinson e o alzhéimer”, apunta a investigadora da UVigo. De momento tan só son hipóteses, pero Bergantiños Lillo e o seu equipo están xa un paso máis preto de entender o efecto dos micro e nanoplásticos no sistema nervioso central.


Referencia: Effects of acute exposure to polystyrene micro and nanoplastics, alone and in combination with the organophosphorus pesticide glyphosate, on the central nervous system of male and female rats (Publicado en Ecotoxicology and Environmental Safety)

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As microfibras son o principal microplástico detectado en bivalvos mariños

Un estudo do IEO de Vigo sinala que as febras azuis son as máis frecuentes e alerta de que as de celulosa rexenerada poden ter riscos comparables aos das sintéticas

A UE veta o uso do bisfenol A, o inimigo silencioso dentro dos plásticos

Despois de anos de controversia e 20 anos de estudos científicos, Bruxelas dá o paso de prohibir este composto tóxico para os organismos

Os microplásticos aumentan a resistencia aos antibióticos

Un equipo da Universidade de Boston subliña a importancia de abordar a contaminación dos residuos plásticos como unha prioridade de saúde pública

Un estudo en ratos revela que os microplásticos poden causar trombos no cerebro

O achado suxire que os residuos poden inducir disfunción neurolóxica a través da activación das células inmunitarias do órgano