Novos modelos de predición reducen á metade os tratamentos fúnxicos no cultivo da pataca

Unha aplicación creada na UVigo ofrece información en tempo real para axudar os agricultores a tomar decisións sobre o manexo de enfermidades nas plantacións

Os modelos de predición creados polo Grupo Operativo XIPrisco —participado pola UVigo— reducen entre un 40% e un 50% os tratamentos fúnxicos no cultivo da pataca, sen que isto supoña unha perda de rendibilidade da produción. Estes son os resultados dun proxecto iniciado en 2023 co obxectivo de impulsar a innovación tecnolóxica neste eido e desenvolver ferramentas que apoien a toma de decisións para manexar da forma máis sostible posible as principais enfermidades que afectan a pataca, sobre todo o mildio e a alternariose. A iniciativa foi financiada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), por fondos europeos, polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e pola Xunta de Galicia. O financiamento total do proxecto foi de máis de 156.000 euros.

Entre os principais logros acadados nos últimos tres anos está a xeración de coñecemento científico sobre o comportamento do mildio e da alternariose nas dúas principais zonas produtoras de Galicia: A Limia e Bergantiños. Así mesmo, estudouse a adaptación do cultivo da pataca ás condicións climáticas actuais, influenciadas polas consecuencias do cambio climático. Para iso, levouse a cabo un ensaio no que se probaron diferentes datas de sementeira. Tamén se crearon fichas técnicas sobre o manexo das enfermidades das patacas e adaptadas ás diferentes zonas de produción de Galicia co obxectivo de compartilas cos agricultores.

Publicidade

Participación da UVigo

O Grupo de Investigación en Sistemas Agroambientais (GISA) da UVigo, con sede na Facultade de Ciencias do campus de Ourense, foi o responsable do deseño experimental e seguimento científico dos ensaios de campo, da caracterización epidemiolóxica do mildio e da alternariose, da análise dos datos agronómicos e meteorolóxicos e do desenvolvemento e validación dos modelos de predición do risco de enfermidade. Ademais, participou na transferencia dos resultados ao sector mediante a elaboración de material técnico e actividades de divulgación.

Pola súa banda, os membros do Grupo de Enxeñaría Informática, coa información obtida en campo polos membros de GISA, deron os primeiros pasos para a creación dunha aplicación na que se están implementando estes modelos de predición para achegar información útil e actualizada aos agricultores e que así poidan contar con axuda á hora de tomar decisións. Esta app conta cunha interface dixital sinxela e de fácil acceso dende soportes dixitais (como teléfonos móbiles e tabletas) que actualmente está en probas.

Publicidade

“Coa colaboración do grupo de Enxeñaría Informática desenvolveuse esta aplicación para informatizar todo o proceso, para que os agricultores poidan levar consigo os modelos de predición ao campo e recibir información en tempo real sobre o risco das principais enfermidades da pataca e para que lles axude á hora de tomar decisións. Así poden aforrar tratamentos fitosanitarios, que en moitos casos se aplican por seguridade ante o descoñecemento do risco das enfermidades”, explica Launa Meno, investigadora que lidera a participación da UVigo.

Avanzar nas políticas de sostibilidade

Sobre a importancia de levar a cabo este tipo de proxectos, desde o grupo operativo lembran que as políticas de sostibilidade, como o Pacto Verde Europeo e a estratexia Da Granxa á Mesa, promoven a redución do uso de produtos fitosanitarios, que en 2030 deberá ser dun 50%. Tamén impulsan unha produción máis respectuosa co medio ambiente, o que obriga o sector a adaptarse con rapidez. “Os agricultores enfróntanse a importantes desafíos derivados das consecuencias do cambio climático, como as choivas abundantes de primavera, que provocan inundacións na zona da Limia e obrigan a retrasar a sementeira”, indican dende o grupo operativo. Mencionan tamén as ondas de calor que xuño e xullo, que estresan os cultivos e requiren de máis auga para non perder a produción.

A todo isto súmase a aparición de novas enfermidades favorecidas polas consecuencias do cambio climático; as resistencias dos fungos máis agresivos aos fitosanitarios polo incremento no emprego destes para o control de pragas e enfermidades; e un mercado cada vez máis esixente, no que os consumidores buscan alimentos procedentes de agriculturas respectuosas co medio. “Neste contexto, os agricultores atópanse coa falta de ferramentas que lles permitan facer fronte aos desafíos sinalados sen incumprir coas normas lexislativas aprobadas”, apuntan desde a iniciativa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O método REPAG: como transformar os subprodutos de pataca nas proteínas alimentarias do futuro

O Centro Tecnolóxico galego desenvolve un proceso sostible e innovador para converter restos do procesado industrial en ingredientes de alto valor engadido para consumo humano

A pataca xurdiu a partir dun devanceiro do tomate fai 9 millóns de anos

Un novo estudo descubre que un evento evolutivo pouco común está detrás da enigmática orixe da pataca a través da hibridación natural

Sete países europeos unen forzas para mellorar o cultivo sostible de patacas, trigo e hortalizas

Os resultados do proxecto SoildiverAgro, posto en marcha en 2019, foron presentados nunhas xornadas en Santo Estevo de Ribas do Sil

A Doñana de Galicia: como os regadíos na Limia secan os ríos dende hai 25 anos

A extracción de augas subterráneas para as plantacións impacta na biodiversidade da comarca, con especies en perigo de extinción