A Doñana de Galicia: como os regadíos na Limia secan os ríos dende hai 25 anos

A extracción de augas subterráneas para as plantacións impacta na biodiversidade da comarca, con especies en perigo de extinción

Durante os meses de verán os ríos do complexo húmido da Limia secan tanto que se pode camiñar por eles como por un monte. A peor parte foi para a Lagoa de Antela coa desecación iniciada en 1958 pola ditadura franquista para a obtención de novas terras para cultivar. Considerábase a “xoia da coroa” desta paraxe natural, e é precisamente ese fin, a produción agrícola, o que está desencadeando un drama ecolóxico nos caudais dos ríos que conforman a cabeceira da Limia. O motivo: a ampliación dos regadíos e a extracción de auga a 30 metros de profundidade para abastecer as plantacións. A comarca é a principal produtora de pataca do país e agora tamén sementa cereal e cebola. Os datos da última década aportados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil confirman que se chega a unha situación de emerxencia tódolos anos. Serafín Gónzalez, biólogo do CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), afirma con contundencia: “A Limia ten os mesmos problemas que Doñana”.

O Parque Nacional de Doñana, nas provincias de Huelva e Sevilla, é un dos espazos protexidos máis importantes do territorio andaluz e atópase nunha situación tremendamente delicada: ata o 59% das lagoas temporais de maior tamaño non se inundan dende 2013, coa conseguinte desaparación de fauna e flora. Actualmente, esta crise medioambiental centra unha parte do debate político español debido á ampliación dos regadíos de fresas, nun lugar de incalculable valor ecolóxico e que resiste, agonizando, o baleiramento das súas arterias de auga. A chaira da Limia é un dos sistemas paisaxísticos máis relevantes de Galicia e o colapso hidrolóxico crónico afecta, inevitablemente, a varias zonas amparadas: Zona de Especial Protección (ZEC) para as Aves da Limia; Zona de Especial Protección (ZEC) de Veiga de Ponteliñares; Reserva da Biosfera Área de Allariz; e a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, que inclúe o Parque Natural da Baixa Limia e Serra do Xurés en España e o Parque Nacional da Peneda Gêrés en Portugal.

Publicidade

Segundo o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), os invernadoiros de froitos vermellos en Doñana, de 54.252 ha., pasaron de 2.162 ha. a 3.542 en só 10 anos. A chaira da Limia ten unha superficie aproximada de 30.000 hectáreas. Os últimos datos coñecidos sobre a superficie de pataca sementada ascenden a 3.500 ha., máis de 10.000 ha. de cereal e iniciáronse plantacións de cebola en 60 ha., como mínimo.

Tralo precedente que sentou a Lagoa de Antela hai 60 anos e perante o estrago da meirande parte dos humidais en Galicia, a SGHN alerta do perigo que corre a riqueza ecolóxica do complexo húmido da Limia trala aprobación por parte da Xunta de 40 pozos, co obxectivo de modernizar os regadíos na comarca e “optimizar os recursos hídricos co fin de mellorar a produción das terras agrarias e incrementar o seu rendemento”. Así o explicou a Xunta nun comunicado de prensa. Estes pozos xa entregados captarán augas subterráneas. Na actualidade estase a tramitar un convenio entre a Consellería do Medio Rural e a Comunidade de Regantes Nova Limia para a instalación dos grupos de bombeo nos pozos de regadío. “O acuífero non o soporta e non se está a recargar o río como debera despois da temporada de regos. Non se respectan os réximes de medranzas. Ademais do caudal mínimo, fai falta un caudal rexenerador, unha enchenta para que renove o leito do río”, explica o biólogo.

Publicidade

Índice de escaseza no Sistema Limia. Fonte: Sociedade Galega de Historia Natural.

Inés Sante, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dirixiuse ao Goberno español para que “asuma” o seu compromiso en torno ao regadío para afrontar os proxectos de modernización. Segundo explica a Xunta de Galicia, o executivo central comprometeuse a asumir o 80% do custe total deste proxecto que instalará grupos de electrobombas e válvulas de peche de pozos, o “último paso” é a firma do convenio. Paco Vello, xerente da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) explica que este proxecto é necesario para distribuír a auga de maneira uniforme na Limia, polo que dende o sector están agardando que se faga efectivo. “Os agricultores precisan continuar coa actividade de regadío como ata o de agora, cunhas infraestructuras máis modernizadas que permitan reducir o consumo de auga” alega. Na súa opinión, A Limia atópase en “excedente de auga” e “sempre se acaba culpabilizando o agricultor”, cando o único que precisa é “regar”. “Os ecoloxistas cren que a auga é deles e que son os donos do territorio, cando os agricultores son os que viven na zona. Se non houbese agricultores na comarca, sería todo abandono”, apunta.

Segundo o Informe de desarrollo y seguimiento. Año 2020. Plan hidrológico del ciclo 2015-2021. Parte española de la Demarcación Hidrográfica del Miño-Sil, publicado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o problema hidrolóxico na cabeceira do Limia non é algo circunstancial, senón “estrutural”, explica a SGHN. Un de cada tres días incumpriuse o caudal ecolóxico mínimo (1.172 días) e durante máis de tres meses consecutivos (anos 2013, 2014, 2016, 2019 e 2020); e un de cada nove días non se chegou nin á metade do caudal ecolóxico mínimo (417 días). “Nos últimos 10 anos non medraron os ríos. Lamentablemente o complexo da Limia perdeu moitísima auga. Un quilogramo de patacas pode estar consumindo entre 60 litros de auga. A Limia é menos coñecido que Doñana e non se está a actuar”, indica o investigar do CSIC. Dende a Xunta de Galicia explican o proxecto de pozos previsto na Limia conta coa Declaración de Impacto Ambiental (DIA), na que se recollen as condicións da Confederación relativas á dispoñibilidade de recursos hídricos. A Consellería de Medio Rural non respondeu ás preguntas sobre as ampliación dos regadíos da Limia nos últimos cinco anos.

Río Limia de Xinzo sen auga. Foto: Sociedade Galega de Historia Natural.

A finais dos anos 90 os caudais das masas de auga comezaron a diminuír no período de xullo a setembro. Cales son as causas que se lle achacan a estas perdas? Queda descartado o consumo humano, xa que a poboación da Limia diminúe un 1,1% ao ano, explica o biólogo. Con todo, a lenta agonía que sofren estes ríos coincide co aumento das explotacións gandeiras industriais e co incremento do regadío. Entre os ríos afectados ademais do Limia, conta González, atópase o Faramontaos, o Biduedo ou o emisario de Antela. A SGHN pide ás administracións que non se concedan novos aproveitamentos de augas agás para o abastecemento de poboacións; a revisión de todas as concesións para axeitalas á realidade hidrolóxica e garantir os cumprimentos dos caudais ecolóxicos; un protocolo de actuación para as situacións de prealerta, alerta e emerxencia; a instauración dun 10% para definir os caudais mínimos; e medidas de conservación e de recuperación de flora e fauna.

Batería de cinco motores bombeando auga directamente do río Limia (2022). Foto: Sociedade Galega de Historia Natural.

Ao incrementarse as plantacións increméntanse as extraccións de auga subterráneas, o que impacta non só nas zonas acuáticas, senón no conxunto da biodiversidade do Limia. Nela vive o fento Pilularia globulifera e o cardiño da lagoa, ambos en perigo de extinción; o peixe espiñento, a estroza, o sapo de esporóns, incluídos na categoría de vulnerables; as aves cerceta común, pernileiro, sisón, avefría, becacina en perigo extinción; e a cegoñela común e o avetorillo común como vulnerables. Todas estas especies están incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA).

Cegoñela, ave considerada “vulnerable” en Galicia. Fonte: Sociedade Galega de Historia Natural.

A páxina web A Lagoa de Antela recolle testemuños da desecación que sufriu este ecosistema, que albergaba en Galicia unha biodiversidade única, cando os regadíos comezaron a pronunciarse na Limia. Os seguintes conforman dous relatos vixentes na actualidade arredor das explotacións de regadío na comarca e, en definitiva, deste modo de vida:

“Antes todo era humidade, a Lagoa só era boa para os patos e as aves, non había produtividade ningunha. Iso non valía para nada, só era un charco no que vivían as ras e os patos”

Veciño de Lamas, 78 anos

“Estou totalmente en contra de que se desecara a Lagoa, foi unha perda moi grande, había moita fauna e moito tipo de flores, e ahora o único que hai é patacas”

Veciña de Xinzo, 82 anos
Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O crecemento industrial en Galicia será superior ao de España en 2025

O sector da agricultura e pesca galegas mostran unha mellor evolución que a media española, mántendose no tempo con taxas uniformes

A UVigo deseñará sensores fotónicos para identificar células tumorais

Membros de atlanTTic participan no proxecto europeo Retina para a mellora de procesos nos ámbitos da saúde, da automoción e da agricultura

A Limia asfíxiase coa instalación de 42 pozos para regadíos: “Non hai auga, os ríos están secos”

Tres sociedades científicas presentaron alegacións contra o proxecto por poñer en risco a biodiversidade e o patrimonio natural

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos