Camiñas relaxadamente pola praia de Rodas mentres admiras o horizonte do Atlántico. De repente, o teu pé tropeza cunha peza cilíndrica de plástico. Está medio soterrada na area e cústache identificala como algo máis ca lixo mariño. Pero en realidade é unha nasa, é dicir, unha gaiola que se utiliza para capturar polbo, peixe e marisco e que probablemente chegou á praia arrastrada pola marea e o vento. Rodas non é unha excepción, senón que é un máis dos areais de Galicia e Portugal aos que chegan frecuentemente estes aparellos de pesca. “É unha praga de plástico en praias e dunas”, din os investigadores Umberto Andriolo e Gil Gonçalves, do INESC Coímbra e da Universidade de Coímbra. Ambos acaban de publicar un estudo alertando da abundante presenza das nasas de polbo na costa atlántica ibérica. E urxen, tamén, a que se tomen medidas o antes posible para reducir o seu impacto no medio ambiente. Unha mensaxe que adquire máis forza, se cabe, no Día Mundial dos Océanos, que se celebra este xoves.
Segundo explican na súa investigación, as nasas fabricábanse tradicionalmente con arxila pero agora emprégase o polietileno de alta densidade. É dicir, un tipo de plástico que se caracteriza por ser moi ríxido e resistente, capaz de aguantar fortes impactos e grandes oscilacións de temperatura. É, polo tanto, un material ideal para colocar no leito mariño, onde os pescadores despregan as nasas dende as súas as súas embarcacións axudándose de cordas. Colocan, segundo indican Andriolo e Gonçalvez, centos de unidades que se destinarán principalmente a capturar polbo (Octopus vulgaris). Pero pese á resistencia do seu material e ao seu medio quilo de peso, é relativamente frecuente que se perdan algunhas nasas. Entre os motivos, o mal estado do mar, o mal tempo ou calquera outro imprevisto derivado da pesca. Ao moverse do leito mariño, o seu novo destino é a contaminación dos areais.
As nasas varadas nas dunas poden fragmentarse en partículas microplásticas e contaminar os sedimentos costeiros e a auga
“Cando quedan varadas nas praias, as nasas de polbo son propensas ao transporte eólico, xa que o vento pode entrar facilmente e mover o aparello”, sinalan os investigadores portugueses. Moitas delas quedan soterradas nas dunas, parcial ou totalmente, e poden chegar a fragmentarse en partículas microplásticas que contaminan os sedimentos costeiros e as augas. Por iso, Andriolo e Gonçalves instan a un mellor control e rastrexo das nasas de polbo, para saber cando, onde e como varan nas costa. Xunto cos datos das correntes oceánicas, tormentas e de actividade pesqueira, poderíanse debuxar “mapas dinámicos” de nasas de polbo. “Isto axudaría a predicir localizacións e períodos nos que quedan varadas e se acumulan na costa, o que apoiaría a planificación e a optimización das campañas de limpeza”, sosteñen os dous investigadores da Universidade de Coímbra.
Catro areais galegos, a estudo
Para o estudo, Andriolo e Gonçalves analizaron a contaminación por nasas de polbo en toda a costa ibérica do Atlántico norte. Contemplaron un total de 25 praias, 18 das cales estaban Portugal, catro en Galicia e tres en Andalucía. Ademais da praia máis coñecida das illas Cíes, a de Rodas, os areais galegos estiveron representados pola Lanzada, Baldaio e O Rostro, sendo os que están máis ao norte —é dicir, os dous últimos— os menos contaminados por plásticos. “A presenza de nasas de polbo estaba máis concentrada na costa ibérica central e norte, diminuíndo de inverno a verán”, sinalan os investigadores. Tamén subliñan que a zona norte de Galicia, representada por Baldaio e O Rostro, así como o sur de Lisboa, rexistraron “un número de exemplares case insignificante”. “Isto suxire que o transporte hidrodinámico costeiro e próximo á costa tamén pode desenvolver un papel no varamento das nasas de polbo, xa que as actividades de pesca de cefalópodos son populares en toda a costa“, apuntan no estudo.
Para ter unha visión completa da distribución das nasas de polbo e así estudar o seu impacto, os investigadores baseáronse en OSPAR, o Convenio para a Protección do Medio Ambiente Mariño do Atlántico do Nordeste. Ao seu abeiro realízanse unha serie de enquisas sobre a presenza de lixo nas praias, e que os autores portugueses empregaron para o seu estudo. Porén, eles cren que estas sondaxes presentan varias limitacións. OSPAR, por exemplo, só contempla un sector de praia curto, cun tramo que non supera os 100 metros. Esta lonxitude é escasa, dado que moitas praias de Portugal, pero tamén de Galicia, poden estenderse durante quilómetros. Así mesmo, OSPAR integra un número moi reducido de praias. Sen ir máis lonxe, en Galicia só se teñen en conta catro, o que limita considerablemente a análise da contaminación por nasas de polbo, que pode ser máis abundante noutros puntos da nosa xeografía. Finalmente, as escalas temporais que usa OSPAR poden non coincidir coas tempadas nas que as nasas de polbo chegan con máis frecuencia ás praias. Polo que, dalgún modo, tamén dificulta un estudo máis exhaustivo da situación.
Para superar as limitación da enquisa, e optimizar a recollida de lixo nas praias, Andriolo e Gonçalves propoñen censos de sucidade baseados no uso de drons. “Requiren moito menos esforzo no campo, polo que se poden utilizar para inspeccionar unha extensión de praia máis longa e con maior frecuencia. E nas imaxes de drons, as trampas de polbo pódense recoñecer e marcar facilmente mediante a detección manual de imaxes“, sinalan ambos investigadores. Amais disto, cren que facer uso dos drons non só beneficiará a identificación de nasas de polbo; senón que tamén podería servir para unha recolección automatizada do lixo e, eventualmente, mellorar os procesos de limpeza.
Máis concienciación e máis limpeza
Cando unha pensa en lixo mariño, véñenlle á cabeza bolsas de plástico e produtos de hixiene persoal. Pero dificilmente, entre toda esa sucidade, unha imaxina algo tan específico como as nasas de polbo. Por iso, Andriolo e Gonçalves tamén o poñen de manifesto, para concienciar sobre esta forma de contaminación e amosar a cara B das capturas deste famoso cefalópodo. “É urxente establecer medidas e estratexias para unha xestión sostible das nasas de polbo nas costas”, manifestan ambos investigadores, que apelan á sociedade, pero tamén á industria pesqueira, a xuntar esforzos. Así mesmo, cren que unha das medidas máis efectivas sería rastrexar e coñecer a localización das nasas no océano, con informes periódicos que deberían emitir os barcos pesqueiros. Finalmente, Andriolo e Gonçalvez insisten na importancia das campañas de limpeza e no mantra que, pese a ser tan repetido, non está tan instaurado como cabería no imaxinario colectivo: Reciclar, Reutilizar e Reducir.
Referencia: The octopus pot on the North Atlantic Iberian coast: A plague of plastic on beaches and dunes (Publicado en Marine Pollution Bulletin)