Unha aplicación da UVigo permite detectar contaminantes na auga a través do móbil

O proxecto Aquasense emprega dispositivos portátiles de baixo custo para facilitar a vixilancia ambiental en contornas con poucos recursos

Detectar contaminantes na auga cun móbil xa é posible grazas ao proxecto Aquasense, unha iniciativa que combina innovación, química verde e responsabilidade social para mellorar a vixilancia ambiental das augas naturais. Desenvolto pola investigadora do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Vanesa Romero e financiado polo programa de axudas da Deputación de Pontevedra, o proxecto achega diferentes solucións analíticas máis accesibles, portátiles e adaptables a contornas non especializadas.

Fóra do privilexio dos grandes laboratorios

“A idea é que a detección de contaminantes non sexa un privilexio de grandes laboratorios”, explica Vanesa Romero, facendo fincapé na necesidade de achegar solucións que poidan utilizarse en contextos con recursos limitados, contribuíndo a coidar o medio ambiente e apoiar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, especialmente os relacionados coa auga limpa e a produción responsable. 

Publicidade

Romero centrouse no desenvolvemento de solucións sostibles e accesibles para detectar contaminantes como metais pesados ou compostos nitroxenados en augas naturais, apostando por dispositivos analíticos portátiles e de baixo custo feitos con materiais como celulosa. A maiores, recorreu tamén á miniaturización como alternativa ás técnicas convencionais, reducindo custos, residuos e complexidade. 

Rápido, económico e sostible

Para o deseño dos dispositivos empregou un substrato de celulosa comercial (papel de filtro) sobre o cal se marcan canles hidrofóbicas moi pequenas (coma camiños) para guiar os líquidos cara a zonas concretas do substrato. Estas zonas poden conter reactivos secos que xeran unha resposta química (“como un cambio de cor, emisión de fluorescencia ou quimioluminiscencia”) en presenza de determinadas substancias, permitindo detectar, por exemplo, se unha mostra contén un contaminante específico.

Publicidade

“Ofrecemos solucións analíticas máis accesibles e portables, demostrando a viabilidade de equipamentos en formatos compactos, de baixo custo, portátiles e facilmente adaptables a contornas non especializadas”, explica Vanesa Romero. 

O papel do móbil

Un dos avances máis destacados de Aquasense é a posibilidade de rexistrar a resposta química mediante a cámara dun teléfono móbil e procesar esa imaxe con software de acceso libre, o que permite interpretar resultados e cuantificar contaminantes cun menor tempo e custo. “A investigación confirma que a análise ambiental pode facerse máis democrática”, sinala Vanesa Romero. “Estes resultados abren a porta a ferramentas que poden empregarse en contextos con recursos limitados, achegando a vixilancia da calidade da auga á sociedade”, explica a investigadora. A maiores, o proxecto avaliou tamén o impacto ambiental do método analítico completo, aplicando principios de química verde para garantir que todo o proceso, dende a fabricación ata a análise, cumpra cos criterios de sustentabilidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM abre as súas portas para vivir a experiencia de ser científico mariño por un día

O evento celebrarase entre o 6 e o 8 de novembro en diferentes localizacións de Vigo, Ourense, Toralla, a ría de Vigo e as illas Cíes

Como protexer os peixes fronte aos contaminantes dos pensos acuícolas? Así o estudan dende a UVigo

O proxecto Toxi-Feed analiza os efectos na troita arco da vella e avalía solucións baseadas en aminoácidos para preservar o seu benestar e mellorar a produción

Un estudo identifica as claves xenéticas da “adaptación evolutiva única” das píntegas das Illas Atlánticas

A UVigo participou na investigación, que achou que en dúas localizacións do parque nacional as femias dan a luz crías terrestres, en lugar de larvas acuáticas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores