O pasado arqueolóxico galego pasa de preto polas pezas de ourivaría castrexa: peines, cascos (ou cuncas), brazaletes… E, por suposto, torques. Son unha pegada de quen existiu, e que, deliberadamente ou non, reclamou un espazo na memoria futura. Así e todo, o valor histórico non abonda: múltiples factores entran en xogo ao falar de patrimonio material, e máis cando detalles como a procedencia ou a propiedade dunha peza están nun territorio impreciso. E xusto nese espazo de incerteza é onde se atopan os dous torques e o brazalete que se licitaron o pasado 14 de maio na casa de poxas Ansorena, en Madrid. Estas pezas, de sospeitada orixe castrexa, compuñan o lote 1496 e tiñan un prezo de saída de 195.000 euros. Ansorena recibiu unha única oferta de 210.000 euros; a identidade do particular ou organización que lanzou a cifra é descoñecida. Así e todo, xusto antes de que o mazo caera sobre a superficie do atril, o comprador anónimo retirou a oferta. A poxa quedou deserta.
Así llo confirmou a casa de poxas Ansorena a este xornal. No momento de redactar estas palabras, as pezas continúan en venda, nesta ocasión polo que fora o seu prezo de reserva: 210.000 euros. Este suceso abre un debate que xa non resulta descoñecido no sector arqueolóxico: Que debe facer a administración pública ante a posibilidade de que unha peza de presunta orixe autóctona vaia saír das lindes da comunidade?
A historia das pezas: un achado en tempos de incerteza
Para poder responder ás cuestións burocráticas que tan relevantes se presentarán neste caso, é preciso retroceder no tempo ao momento do achado das pezas que se poxaron a semana pasada. O arqueólogo ourensán Afonso Vázquez-Monxardín conta que os protagonistas do descubrimento xa faleceron —pois estes acontecementos tiveron lugar entre 1939 e 1940—, pero fala de que a lembranza do que pasou naquel momento permanece na memoria oral da familia. “Eladio Rodríguez, o fillo de quen atopou as pezas no 39, di que apareceron entre Ribadavia e o Carballiño. Aí está Beade”, conta Monxardín, e engade: “Pero eran os anos corenta, e a represión fixo que quixeran desfacerse delas. Non querían ter problemas por cousa das requisas voluntarias”.
Bieito Pérez Outeiriño, arqueólogo, concorda con esta visión: “Todo o mundo sabe as circunstancias daqueles anos, de medo, de fame e miseria. Nese contexto, un achado dun tesouro de ouro tería que ser algo espectacular, pero en realidade habería que calalo. Faltaba ouro nos bancos”.
Polo tanto, o que seguiu a este achado foron anos de silencio e escuridade administrativa. E, en realidade, isto é o máis importante: non hai probas oficiais nin documentación que avale a orixe, nin a propiedade, destas pezas.
Pezas castrexas, de Ourense… ou non
Aínda que a burocracia non xoga do lado das pezas, no sector arqueolóxico alúdese a outros factores para explicar a súa procedencia. Pérez Outeiriño sinala que esta circunstancia é habitual nos achados casuais, polo que se escuda nas características morfolóxicas das pezas para explicar a súa orixe castrexa: “Os torques teñen unha hasta de sección cadrada ou romboidal e os remates son en dupla escocia, unha escocia moi marcada e de perfil moi esbelto”. O arqueólogo descríbeas como pezas de tipo flaviense, o que reduce a súa procedencia a algún punto entre o norte de portugal e o norte de Galicia.
O arqueólogo indica que o brazalete tamén responde a unha tipoloxía moi característica e que presenta unha morfoloxía que se pode seguir dende os primeiros momentos da idade dos metais. Pérez Outeiriño sitúa as tres pezas como parte da cultura castrexa, na segunda Idade do Ferro.
A posición administrativa
A Xunta decidiu non participar na poxa debido aos problemas de trazabilidade que existen en torno ás pezas. O director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, sinala que esta situación xa vén de atrás: “Houbo varios intentos para adquirilas, pero nun primeiro momento o Ministerio detectou certas feblezas que non permitían unha compra segura que cumprira todos os requisitos. Isto para nós é un antecedente moi claro”, afirma con rotundidade.
Miramontes enumera, así, as tres razóns que levaron a Xunta a non exercer o dereito de tanteo: “O prezo pareceunos excesivo. Ademais, hai incerteza sobre a propiedade e outras características; non temos a certeza absoluta de que sexa galego, podería ser portugués ou asturiano. E tamén está o antecedente de 2022, cando o Ministerio e a Xunta fixemos análises e non puidemos confirmar a procedencia”.
Non obstante, a casa de poxas asegurou que, como medida cautelar, o Ministerio de Cultura declarou os dous torques e o brazalete como pezas inexportables, é dicir, que non poderán abandonar as fronteiras do país.
E agora, que?
“A situación é a que é”, admite Miramontes. O director xeral de Patrimonio Cultural explica que os próximos pasos estarán marcados por decisións conxuntas co Ministerio, pero que, polo de agora, a falta de documentación relativa á procedencia e a propiedade das pezas son obstáculos con suficiente peso para contrarrestar o valor histórico das xoias de ouro.
Os arqueólogos ourensáns xa demostraron o seu entusiasmo e esperanza ante a posibilidade de traer estas pezas á provincia, onde, como apunta Monxardín: “Poderían ser benvidas no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense”.














