Publicidade
Xoves 15 Maio 2025
Publicidade

A fascinante historia do brazalete milenario de Toén que se fundiu para financiar a Guerra Civil

Un estudo da UVigo reconstrúe a andaina dunha xoia prerromana dende que foi descuberta nunha finca particular en 1932 ata a súa desaparición

Outubro de 1932. Un grupo de homes traballa arreo para a ampliación dun muro nunha finca da parroquia de Santa María de Toén (Ourense). O seu dono, Ramón Deprado, está a construír a primeira casa da zona. Durante as obras de nivelación do terreo para un mellor aproveitamento agrícola, levantan unha lousa que había preto das raíces dun carballo. Mentres removían a terra atopan unha peza tan estraña como valiosa: o brazalete de ouro prerromano de Toén, unha xoia única e datada a finais da Idade de Bronce e comezos da Idade de Ferro. É dicir, un auténtico tesouro.

A súa historia chega aos nosos días grazas ao incansable traballo dos intelectuais Florentino López Cuevillas —quen sacou a primeira e única foto que se conserva do brazalete— e Fermín Bouza-Brey. Os dous foron pioneiros na descrición e estudo da xoia prerromana hoxe desaparecida. Baseándose nestas primeiras análises, o investigador Pablo Sabucedo Santos publicou un estudo na revista Minius da Universidade de Vigo onde reconstrúe a historia do brazalete nas últimas décadas. Conclúe que foi doado en 1936 para ser fundido e así financiar a Guerra Civil española, como aconteceu con moitas outras xoias de gran valor artístico, histórico e cultural.

Publicidade

1934, última referencia ao brazalete

Destecer o enredo creado arredor do brazalete nas últimas décadas non é unha tarefa doada debido á falta de documentación e fontes fidedignas. A última referencia que se ten del é en 1934 e a partir de aí considérase que está en paradeiro descoñecido. Sabucedo foi quen te ir reconstruíndo a viaxe do brazalete grazas a unha investigación realizada pola asociación local Amigos do Patrimonio de Toén entre 2021 e 2022, que descubriu o descubrimento da xoia na finca de Ramón Deprado e concluíu que se atopou en “bo estado de conservación e a certa profundidade”. O estudo tamén indicaba que o brazalete foi atopado xunto a un fío de ouro dun milímetro de diámetro que funcionaría como unha cadea.

Como refire a investigación da revista Minius, a partir de 1934 hai un silencio absoluto sobre o paradeiro da peza prerromana. Con todo, Sabucedo logrou atopar pistas que o conduciron a crear a súa hipótese: “O 13 de agosto de 1936 aparecerá reflectido na prensa local o donativo dun “brazalete prehistórico” dentro do contexto da campaña de Subscrición Nacional Denominada Ouro para a Patria. Esta entrega […] será efectuada por S. Murias Carrión”, indica o investigador. As conexións familiares e culturais do doador apuntan a que adquiriu a peza da familia que o descubriu e, finalmente, entregou o brazalete na segunda semana de agosto para financiar a guerra.

Publicidade

Un cáliz de ouro e un colar de perlas

“As alfaias de ouro recollidas enviaríanse á sucursal do Banco de España en Burgos, onde se realizaría un inventario. En novembro estableceríase unha Xunta Técnica que traballaría no Laboratorio do Ouro Nacional, onde se manipularían e refundirían as pezas doadas”, indica o estudo. Tal e como se continúa matizando na investigación, algunhas das pezas foron “salvadas” polo seu valor histórico, mais a meirande parte delas —como se cre que aconteceu co brazalete de Toén— foron fundidas para crear lingotes . Ademais desta xoia, Ourense enviou 23 quilos de ouro o 29 de agosto de 1936; unha carga que incluía un cáliz de ouro de Verín e un colar de perlas.

Non obstante, Sabucedo recoñece que non se puido atopar ningunha referencia directa á fundición do brazalete. Pero el mantén a hipótese de que, ao ser unha peza maciza de ouro sen ningún tipo de incrustación, a posibilidade máis realista é a da súa desaparición en forma de lingote. “Debemos incluír o brazalete de Toén dentro da longa lista de patrimonio desaparecido ou destruído durante a Guerra Civil española e o franquismo”, resume o autor no estudo da revista Minius. Unha conclusión que encaixaría coa misteriosa desaparición da xoia e co feito de que hai 91 anos que non se teñen noticias dela. “Ningún investigador posterior a Cuevillas achega nova información sobre a peza”, insiste Sabucedo.

Ourivería da fachada atlántica

Investigacións posteriores, como a do arqueólogo Antonio Blanco Freijeiro, asocian a peza coa ourivería peninsular da época. O estudo de Minius adscríbea, baseándose noutros estudos, a outras pezas do tipo Villena / Estramoz, que se desenvolve nas últimas fases da Idade de Bronce, sobre todo no occidente peninsular. “A alta concentración deste tipo de pezas na fachada atlántica reflicte unha rede de circuítos comerciais que conectaban a área levantina co oeste peninsular durante o Bronce Final. Estas rutas, tanto terrestres como marítimas, facilitaron o intercambio de coñecementos, persoas e bens”, subliña Sabucedo no artigo.

Ademais, todo apunta a que a xoia de Toén foi elaborada nun obradoiro local próximo. Isto extráese da análise doutra peza semellante, o brazalete de Ourense, que foi atopado en 1921 e que garda relacións tanto tipolóxicas como ornamentais co de 1932. De feito, aparecen confundidos na bibliografía en numerosas ocasións. Non obstante, o de Ourense non correu a mesma sorte que o de Toén e o seu destino está claramente identificado. Forma parte da colección Blanco-Cicerón e está depositado no Museo Provincial de Lugo. A análise desta peza presenta “unha composición natural, con impurezas típicas e sen intervención humana, o que indica que provén do ouro nativo do noroeste peninsular”, sinala Sabucedo. Unhas conclusións que, dadas as similitudes, poderían aplicarse ao brazalete de Toén.

Unha peza singular

Unha xoia oculta durante milenios que mostrou a súa face máis fermosa aquel día de outubro de 1932, cando uns veciños de Toén atoparon un tesouro prerromano. Unha peza de ouro singular, única, á que se lle perdeu a pista tan só dous anos despois. Un brazalete que alguén vestiu algunha vez, que alguén fabricou algunha vez e que alguén, segundo a teoría de Sabucedo, fundiu algunha vez. Un ouro macizo que se converteu en lingotes para financiar unha contenda. Unha desaparición forzosa e un donativo que arrasou con parte da nosa historia. Unha historia que lamentablemente se extinguiu tan pronto como saíu á luz.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tradición, comparsas e disfraces: así celebraba Galicia o Entroido no século pasado

O arquivo fotográfico das institucións galegas permite unha volta ao pasado para desfrutar destes históricos festexos

▪️ Máis de 70 concellos en alerta por baixas temperaturas: 7 consellos a seguir fronte ao frío extremo

Meteogalicia amplía o aviso amarelo ata o venres en Lugo e Ourense por termómetros que poden baixar dos -4 graos

Descubertos os restos dunha ocupación prehistórica de hai 5.500 anos en Ourense

A última campaña no xacemento de Ceada das Chás-Castelo de Lobarzán, situado entre Oímbra e Monterrei, data o lugar a mediados do IV milenio a. C.

Unha voda entre dous homes no Ourense do século XI?

As expresións emocionais dun documento altomedieval do mosteiro de San Salvador de Celanova poderían suxerir un matrimonio homosexual