O achado casual dun torques de ouro en datas recentes non é unha anécdota illada en Galicia. Xa lle sucedera en maio á mesma familia de Betanzos, e ocorreulle hai máis de 40 anos a outra familia galega. O torques de Orbellido, como se lle coñece, está igualmente ingresado no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón (A Coruña) —xunto a outros oito da súa condición, sen contar as últimas incorporacións—; pero estivo a piques de rematar nas mans dun dentista suízo, que pretendía fundilo para a reconversión noutros obxectos. Foi o reputado escritor galego Suso de Toro quen, fortuitamente, coñeceu a existencia deste obxecto de valor patrimonial e interveu para que fose entregado ás institucións competentes naquel momento, aos inicios da década dos oitenta. “Era habitual. A xente descoñecía o seu valor histórico e desconfiaba das institucións”, asegura De Toro.
O escritor compostelán, graduado en Historia da Arte pola Universidade de Compostela, impartía por aquel entón clases nun centro de formación profesional agraria. Nunha das sesións ensinou a foto dun torques, e unha alumna comentou en alto: “Un destes teño eu na casa”. Ao profesor esa afirmación sorprendeulle: “Pero como vas ter un? Destes hai moi poucos e están nos museos”. “Si, téñoo na casa. Está nun caixón cos ferros vellos e os parafusos”, respondeulle de volta. “Efectivamente, fomos á súa casa e aí estaba”, confirmou o escritor. “Claramente”, era un torques de ouro e encontrárano cavando a cimentación para facer unhas cortes.
O pai da rapaza traballaba na construción en Suíza. Cando volvía a Galicia, empregaba os cartos que gañaba alí para facer arranxos ou obras. Neste caso, estaban cavando na casa dun familiar para facer unha loxa moderna, en plena transformación da gandaría galega, relata De Toro: “Isto foi un proceso que ocorreu en moitas casas labregas”. Ao darlle un golpe coa pala ao torques, separouse un dos dous extremos, “pero tíñano completo”, matiza o escritor e engade: “Fíxenlle ver que iso era de ouro”.
A marcha do torques a Suíza era ilegal porque dende 1911 está prohibida a saída de obxectos arqueolóxicos ao estranxeiro
Xa fose por descoñecemento do seu valor patrimonial ou por desconfianza, as intencións iniciais da familia respecto ao destino do torques eran ben distintas. “Cando o pai volvese a Suíza, quería levar con el o torques e vendelo a un dentista, que o fundía para facer pezas. Era unha práctica habitual”, sostén o escritor galego. Con todo, era ilegal, subliña Xosé Lois Armada, investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC) e un dos encargados do estudo dos torques atopados en Betanzos. Dende a lei estatal de 1911 está prohibida a saída ao estranxeiro de obxectos arqueolóxicos aínda que sexan da túa propiedade.
“Insistinlle moito en que tiña un valor, en que se lle pagaría polo valor do material, taxado correctamente sen engano”, explica Suso de Toro. Concertou unha cita co falecido catedrático de Arqueoloxía Fernando Acuña Castroviejo e alí foron este home máis o torques e alí o deixaron. Supón o mestre que o torques foi entregado directamente ao Castelo de San Antón. Foi taxado, chegouse a un acordo e pagóuselle. O escritor descoñece o valor: “Comunicáronllo a este home e aceptouno”. Trátase do torques de Orbellido
(Santoíño de Baíñas, Vimianzo, A Coruña), que o propio Acuña publicaría xunto coa profesora Raquel Casal na revista Brigantium, en 1985.
Esta anécdota é un dos puntos de partida d’O país de brétema, libro de Suso de Toro editado por Aguilar no 2000 e reeditado por Xerais no 2016. Emprega o achado deste torques e doutros obxectos arqueolóxicos asociados á cultura celta para realizar unha “defensa ideolóxica” do pasado celta de Galicia, resume o escritor.
A perda da frecuencia destes achados
A maioría dos achados de torques prodúcense en fincas particulares de maneira casual, aínda máis frecuentes cando se traballaba a terra de forma manual. Os achados dentro de escavacións arqueolóxicas “cóntanse cos dedos da man”, precisa Xosé Lois Armada. Algúns destes exemplares están desaparecidos porque se refundiron, pero coñécese a súa existencia pola prensa, e outros non están conservados en Galicia, senón que ingresaron no Museo Arqueolóxico Nacional (Madrid) ou no British Museum (Londres). En total, poderían sumar unhas 200 pezas coñecidas, aproxima o investigador do INCIPIT. O que sucedeu este ano é “excepcional”, cualifica Armada, pois aos torques aparecidos próximos a Betanzos súmanse outros dous en Asturias no mes de setembro.
A finais da século XIX e a principios do XX, cando se traballa a terra de forma máis intensiva, estes achados eran máis frecuentes. Naquel momento, aínda non había museos propiamente en Galicia, entón pertencían a coleccións particulares que logo remataron en museos e outros saíron a museos estranxeiros. Un torques adquirido polo Museo Arqueolóxico Nacional na década do 1920 apareceu na Serra da Capelada, no Concello de Cedeira. Un erudito local, Federico Maciñeira, non tiña recursos para adquirila el mesmo. El fixo de intermediario para que o mercase a institución localizada en Madrid.

Un torques a cambio da metade do seu valor
A Lei 5/2016, de 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia obriga a comunicar calquera achado arqueolóxico casual á consellería competente, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a cargo de Román Rodríguez. O mesmo artigo 99 da lexislación vixente establece a recepción dunha compensación económica igual “á metade do valor que en taxación se lle atribúa ao obxecto atopado”, repartida a partes iguais entre quen o descubrira e o dono do terreo. Este valor aínda non se coñece, avanza a Xunta: “Realizáronse os informes técnicos preliminares, cuxas conclusións foron expostas, e agora terán que ser completadas”.
A investigación preliminar fixérona Xosé Lois Armada e Carlos Otero, do INCIPIT, mediante o estudo analítico da composición do metal, observación microscópica e estudo da parcela onde se produciron os achados. A caracterización preliminar constata que ambos exemplares presentan os trazos habituais do tipo ártabro, unha tipoloxía definida polo arqueólogo Luis Monteagudo da que se coñecen uns 24 exemplos. “Puideron servir de ofrendas nalgún ritual relixioso. Incluso, pode que alguén intentase ocultalo nun momento de tensión e inestabilidade”, explicaba o arqueólogo Xosé Lois Armada a GCiencia sobre o achado.