Martes 17 Xuño 2025

Os arqueólogos que escavan os ‘puticlubs’ galegos: “Algúns parecen granxas de polos”

Xurxo Ayán e Carlos Otero crean unha cartografía de 130 prostíbulos de Galicia e o Bierzo para reconstruír a súa historia de explotación e precariedade

Unha muller sen nome pasa as páxinas dunha revista do corazón e detense na longa reportaxe sobre a voda de Eugenia Martínez de Irujo, filla da Duquesa de Alba. Corre o ano 1998 e na radio soa unha canción de Julio Iglesias. A ávida lectora está sentada no seu catre, cunha raiola tenue que entra por un cadrado de 30×30 centímetros. Exerce a prostitución nun club de alterne da Galicia rural, á beira dunha estrada nacional. É vítima da explotación sexual e da absoluta impunidade dos seus proxenetas.

Esta é unha escena recreada tras escoitar o relato do arqueólogo galego Xurxo Ayán. Hai tres anos iniciou un proxecto pioneiro en España da man de Carlos Otero, compañeiro de profesión. O seu obxectivo é facer “arqueoloxía dos puticlubs”, é dicir, escavar os prostíbulos de igual maneira que se faría nun castro ou nun xacemento romano. Centran a súa atención nos clubs de alterne de Galicia e do Bierzo nas décadas dos oitenta e dos noventa para reconstruír as precarias condicións de vida das mulleres que os habitaron. “Eran auténticos cárceres. Movíanas como se fosen gando. De feito, dende o punto de vista arquitectónico, algúns puticlubs parecen granxas de polos”, sinala Ayán, antes da charla que celebra este martes o Ateneo Atlántico de Vigo.

Publicidade

Unha historia de explotación dende unha perspectiva crítica

O seu proxecto traballa a diferentes niveis. O máis amplo trata de radiografar o número de prostíbulos repartidos entre Galicia e o Bierzo e nestes tres anos xa levan contabilizados 130. “É un problema estrutural da sociedade galega. Hai demanda, consumo e, polo tanto, explotación”, apunta o arqueólogo da Universidade Nova de Lisboa. Amais desta completa cartografía dos clubs de alterne en Galicia —que realizan de xeito amateur durante calquera viaxe por estrada—, fixeron escavacións en catro prostíbulos: o Blanco y Negro, en Bembibre; un situado ao lado da central térmica de Anllares, no norte de León; o Soraya, no Corgo; e o Eros, no polígono de Lugo, epicentro da operación Carioca.

“O noso estudo achega unha perspectiva crítica da sociedade galega e española ante un fenómeno de absoluta impunidade. Utilizamos a arqueoloxía para facer público o que non queren que se vexa“, incide Ayán, asentando as bases do seu proxecto. Unha iniciativa pioneira e innovadora no contexto da península ibérica, mais con antecedentes noutras partes do mundo. En Chile, por exemplo, estanse a estudar os prostíbulos abandonados de Atacama. Unha liña de estudo, a destas escavacións “contemporáneas”, moi innovadora, pero xa nutrida de innumerables teses de doutoramento sobre o exercicio da prostitución nos campamentos romanos ou en Pompeia.

Publicidade

“Dende o punto de vista metodolóxico, escavamos unha cova paleolítica do mesmo xeito que unha casa de 1990“, subliña o investigador da Universidade Nova de Lisboa. Non hai diferenzas: aplican sistemas de información xeográfica, realizan fotogrametrías dixitais, reconstrucións en 3D, recompilan material e aplican técnicas topográficas. Exactamente igual que farían nun castro, nun campamento militar romano, ou nunha aldea da Alta Idade Media. A única diferenza é que a realidade das prostitutas dos oitenta e dos noventa aínda está próxima.

  • Restos dunha celebración de Nadal. Foto: Agostiño Iglesias
  • Unha revista atopada durante as escavacións. Foto: Agostiño Iglesias
  • A bandeira do Brasil colgada nunha habitación abandonada. Foto: Agostiño Iglesias
  • Cintas de música.
  • Obxectos atopados durante o traballo de campo.

A evolución dos prostíbulos galegos

A través deste estudo, Ayán e Otero, investigador no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC), reconstruíron como foron evolucionando os puticlubs en Galicia e, por tanto, a forma de consumo da prostitución. O exemplo máis claro para eles, que empregan como punto de partida, é a recreación da película A Esmorga, baseado no clásico atemporal de Blanco Amor. “Amosa claramente os clubs de alterne das zonas periurbanas galegas, cando a prostitución era un tabú”, sostén Ayán, facendo referencia á década dos cincuenta.

A partir dos setenta comeza a mudar o escenario. Os barrios que acollían clubs de alterne estaba estigmatizados, o que levou a traslados ás aforas das cidades. Tamén se impón un novo modelo de masculinidade coa chegada da democracia e a entrada de novos produtos no mercado, como o tabaco rubio americano e bebidas como o whisky e o vodka. A estes dous factores súmase a construción das estradas nacionais e a popularización do vehículo individual, que permitía os desprazamentos. “Nos oitenta, nun tramo de 120 quilómetros entre Monforte de Lemos e Ponferrada, había 40 puticlubs”, asevera Ayán, dando conta dos estendidos tentáculos da explotación sexual.

“Casas labregas tuneadas. Así define o arqueólogo os primeiros prostíbulos que apareceron ás aforas das cidades no último terzo do século XX. A arquitectura vernácula era combinada con cores rechamantes como o violeta, o rosa e o lila. Eran casas, ademais, situadas á beira mesma das estradas nacionais. Coa chegada dos oitenta apareceron as barras americanas nos prostíbulos, que comezan a vincularse con outros negocios dos mesmos propietarios, como os talleres mecánicos e os restaurantes de autoestradas. “Formaban todos parte dunha mesma cadea industrial do capitalismo depredador que explota corpos”, asente Ayán.

Unha das celas, que non habitacións, dos prostíbulos escavados.
Unha das celas, que non habitacións, dos prostíbulos escavados.

Co progresivo declive demográfico do rural e a crise económica de 2008 prodúcese un cambio de negocio. “Convértense en nodos puteiros. Zonas de concentración de dous ou tres grandes puticlubs. Parecen moteis, adoitan estar rodeados de sebes, coas bandeiras ondeando e un aspecto fachendoso. Sempre a uns 15 minutos en coche de capitais de provincia e ao lado dunha rotonda de acceso á autovía”, continúa. Unha configuración pensada para facilitarlle a vida (e o anonimato) aos seus clientes. “Nos setenta e nos oitenta primaba o espazo sobre o tempo. Agora prima o tempo sobre o espazo”, remarca Ayán.

O último gran cambio que eles perciben a través da súa investigación é a pandemia. “O actual modelo de negocio é 50% grandes puticlubs e 50% apartamentos privados e casas. Estes últimos agromaron durante a covid”, expón. A impunidade e o silencio de acudir a residencias particulares era unha boa forma de ocultar o consumo de prostitución nunha época na que as relacións sociais estaban limitadas. Máis iso non supuxo un hándicap para os donos dos clubs de alterne, senón todo o contrario: unha forma de cambiar habilmente o modelo de negocio.

Sen rastro dos seus nomes

A arqueoloxía, igual que acontece nos xacementos paleolíticos, romanos ou medievais trata de sacar a luz aquilo que non quedou por escrito. Intenta reconstruír as condicións materiais de vida de quen habitou un determinado espazo nun determinado tempo. Ayán e Otero tratan de imaxinar, a través dos lugares que escavan e dos obxectos que atopan, as penosas circunstancias das prostitutas. “O 90% son estranxeiras e moitas delas compradas ou secuestradas por mafias. A xeopolítica tamén nos explica como foi mudando o seu perfil. Primeiro eran maioritariamente portuguesas, despois brasileiras. Tras a caída do muro de Berlín chegaron as mulleres do leste. Despois as dominicanas e nos últimos anos as venezolanas. É impresionante como o capitalismo responde á súa época”, sinala Ayán.

Cales eran os seus nomes e cal foi a súa historia son dúas preguntas sen resposta. Os dous arqueólogos, que escavaron en campos de concentración do franquismo, aluden ao intento humano de deixar sempre unha pegada; de dignificar o teu paso. Poden ser gravados ou graffitis que nos contan a historia de quen os creou e que permiten indagar o que agochan os seus debuxos. “Nos puticlubs nunca hai un elemento de identidade das mulleres. Nin como se chamaban, nin onde estaban, nin quen eran. Moi propio do capitalismo depredador”, asevera.

Das drogas ás revistas do corazón

A intervención arqueolóxica nos catro clubs de alterne ofreceu unha radiografía aproximada da vida das prostitutas que o habitaban. No caso do Blanco y Negro, lembra Ayán, atopáronse medicamentos funxicidas e para o ácido úrico nas celas: “Eran drogadas e alcoholizadas”. Tamén atoparon revistas do corazón, como a da voda de Eugenia Martínez de Irujo, que miraban nos seus tempos mortos. Incluso nun dos puticlubs intervidos quedou “fosilizada” a última festa de fin de ano, cos adornos e os papás noel tirados no chan. Un verdadeiro campo de traballo para reconstruír aquela realidade dos noventa.

Fotogrametría dun dos locais escavados.
Fotogrametría dun dos locais escavados.

En canto ás condicións de hixiene, varían considerablemente duns locais a outros. “Dependía do grao de miseria dos propietarios. Un deles investiu nun equipo de son e nun microondas e só alimentaba as mulleres con bocadillos”, expón. Non obstante, o dono do Soraya puxo calefacción e as condicións de vida eran “bastante dignas”.

Urxe facer pedagoxía

Ayán advirte que, segundo datos oficiais, está a aumentar o consumo de prostitución entre xente nova. Neste escenario de “banalización do mal” e de “impunidade total”, os arqueólogos recalcan as décadas de fracasos das campañas de concienciación. E lembran as cifras anuais de asasinatos machistas, que mostran un problema estrutural de gran calado. “Gustaríanos facer unha ruta guiada. Que estes espazos abandonados puidesen ser unha aula didáctica. Amosarlles aos rapaces de hoxe en que se poderían converter nun futuro”. E así empregar a educación como a ferramenta máis poderosa para cambiar a historia.

O proxecto de Ayán e Otero é puramente amateur. Non reciben fondos, senón que empregan o seu tempo libre na cartografía destes puntos de explotación sexual hoxe abandonados. Aproveitan a primavera e o verán para internarse nestes espazos esquecidos, escavar os escombros e atopar retallos de voces silenciadas. De mulleres sen nome que ollan revistas do corazón nunha cela asfixiante, sen apenas luz e sen apenas vida.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

1 comentario

  1. Sempre se dixo que a prostitución e o oficio mais vello do mundo. Hai moitas formas de prostitución porque todo depende dos intereses . As clases altas casaban mais por intereses das duas partes que pola relación amorosa.
    Carolina Otero era mais prostituta que bailarina pero ten un monumento en Valga porque “tirouse” a toda a realeza europea. A hipocresía da sociedade. E evidente que as prostitutas que xogan en primera división coñecidas como “amantes” teñen outros previlexios dos que carecen as putas das clases baixas pero o fin ben sendo o mismo. Traballar en “palacio” ou nun puticlub de carretera. Esa e a cuestión.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSIC consegue un avance clave para frear a dexeneración neuronal da enfermidade de Huntington

A activación dunha proteína no cerebro pode ser clave para frear o desenvolvemento desta doenza rara con poucas opcións terapéuticas

Mámoas milenarias, foxos para lobos e acubillo de foraxidos: os segredos da serra do Suído

Investigadores do CSIC traballan para identificar e protexer o patrimonio arqueolóxico das montañas que separan Ourense e Pontevedra

Atopada a pegada dactilar máis antiga do mundo? Luces e sombras do achado do CSIC

Expertos critican as conclusións e interpretacións dalgúns datos facilitados polo centro público e aseguran que é necesaria máis evidencia

Toleran mellor o estrés os polbos en catividade? Un estudo con selo galego di que si

Os investigadores aseguran que o achado que separa a resposta dos cefalópodos da dos vertebrados abre a porta a súa cría en acuicultura