As salinas romanas do Aguncheiro, situadas na costa da parroquia de Mougás, son un importante conxunto de salinas da época imperial. Agora, o Concello de Oia levará a cabo un ambicioso proxecto de recuperación e posta en valor do enclave nos vindeiros meses, co obxectivo de garantir a súa conservación e crear oportunidades de desenvolvemento patrimonial, cultural e económico. Baixo o nome “Camiños do Sal”, a iniciativa estará baixo a coordinación e dirección científica de Brais Currás, investigador do grupo EST-AP do Instituto de Historia do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).
A importancia do enclave reside en que, a día de hoxe, en todos os territorios do Imperio Romano, son moi poucas as salinas que se coñecen. Delas, aínda son menos os xacementos salineiros nos que se ten levado algún traballo de musealización. Concretamente, as salinas do Aguncheiro e as das Lagoas (Viladesuso) foran obxecto dunha escavación parcial por parte da Xunta de Galicia en 2027 que non incluía tarefas de musealización.
O proxecto conta cun orzamento de 112.183,03 euros, procedentes do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro GALP Vigo-A Guarda, que irán destinados ao estudo, escavación, consolidación e musealización das salinas romanas do Aguncheiro, así como de diversas actividades divulgativas destinadas á poboación local e visitantes. A través do proxecto “Camiños do Sal” realizaranse diversas actividades de estudo e posta en valor na zona do Aguncheiro onde, paralelamente, o Concello de Mia tamén está a desenvolver un proxecto de rexeneración ambiental das antigas instalacións do Camping Pedra Rubia para convertelas nunha área de recreo pública.
300 metros cadrados de estudo
Baixo a dirección do arqueólogo Brais Currás, o proxecto “Camiños do Sal” prevé levar a cabo unha escavación arqueolóxica nunha extensión de arredor de 300 metros cadrados. Tamén se realizarán prospeccións con xeorradar, a fin de continuar documentando e estudando a extensión da salina sen necesidade de ampliar a superficie de escavación.
Unha vez estudado e documentado o xacemento, procederase a restaurar e consolidar as estruturas para que podan perdurar no tempo en bo estado de conservación e apto para a súa visita. Tamén se instalarán paneis informativos que permitirán acceder a novos contidos resultantes da investigación, a material gráfico complementario e a recreacións virtuais a través de realidade aumentada. Ademais, as accións divulgativas incluirán a edición dunha guía arqueolóxica, visitas guiadas ás escavacións, a programación de charlas e rutas medioambientais e actividades cos centros escolares de Oia.
Folla de ruta
Neste contexto, a actuación arqueolóxica desenvolverase en coordinación coa arquitecta que dirixe os traballos de rexeneración e renaturalización deste futuro espazo de lecer. Así, as salinas quedarán integradas como un recurso patrimonial e atractivo turístico dentro do parque, situado na contorna próxima do Camiño Portugués da Costa.
Brais Currás, director científico do proxecto, destacou a “boa nova” que supón a concesión deste proxecto, pois dará a oportunidade de traballar e poñer en valor un “patrimonio moi valioso e de gran singularidade, que constitúe un grande potencial cultural e turístico para Oia”. Pola súa banda, a alcaldesa, Cristina Correa, destacou que a intervención nas salinas “dará como resultado un novo elemento enfocado cara un turismo de calidade e desestacionalizado”. Tamén destacou a importancia da integración do proxecto do antigo Camping Pedra Rubia co xacemento das salinas romanas, creando “unha actuación de referencia en materia de lecer e patrimonio, e que suma valor engadido ao Camiño de Santiago ao seu paso por Oia”.














