Descuberta unha salina romana no xacemento do Aguncheiro de Oia

Os arqueólogos escavan unha primeira área de 100 m2 de pavimentos e estruturas cuxa extensión estimada podería alcanzar os 4.000 m2

Unha recente escavación achega novas evidencias sobre a explotación do sal na antiga Gallaecia: os traballos arqueolóxicos realizados no parque do Aguncheiro (Oia) sacaron á luz unha pequena parte dunha gran salina da época romana cunha extensión estimada provisional de 4.000 metros cadrados (m2). A intervención, executada pola empresa Tempos Arqueólogos baixo a dirección técnica de Mario César Vila e Guadalupe Castro, e a dirección facultativa de Noelia Goce, só explorou sobre o terreo nunha superficie de 100 m2, onde se documenta pavimento e diversas estruturas asociadas á produción de sal, entre elas restos dos muros que delimitaban os tanques de cristalización.

“En todo o Imperio Romano non se coñecen unhas salinas tan ben conservadas como as da costa galega; aparecen por ducias”, apunta Brais X. Currás, investigador do Instituto de Historia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e director científico do proxecto. Estes son os primeiros resultados achados tan só uns meses despois do inicio da escavación no Concello de Oia. Non obstante, non apareceron materiais que revelaran a súa ocupación, xa que as cubertas da fachada atlántica colmataron de xeito natural as estruturas durante miles de años.

Publicidade

Os seguintes pasos, tal e como informa o investigador, pasarán por flotar a terra, seleccionar e identificar os carbóns, e enviar as mostras a datar con radiocarbono 14. Con todo, saben que son romanas pola súa morfoloxía, xa que están dotadas cunhas pequenas cubetas dun metro de lonxitude perfectamente pechadas por laxes de pedra, nomeado por Currás como “o fósil director das salinas romanas”. Exemplos de localizacións mellor datadas comezan a funcionar no Alto Imperio, dende o século I ata arredor dos III-IV, cando se abandoan.

A investigación continuará, pois se trata dun proxecto que abrangue tres anos para desentrañar todas as pezas da salina romana do Aguncheiro. Na primavera de 2027 comezarán a ampliar a escavación para intentar determinar a verdadeira dimensión do enclave e o alcance desta actividade produtiva na costa de Oia.

Estudo con xeorradar

O descubrimento vén confirmar sobre o terreo o potencial arqueolóxico da prospección realizada polo xeorradar no mes de xuño por Allen Gontz, profesor da Clarkson University (Nova York). Os datos obtidos permitiron identificar anomalías compatibles coa antiga explotación salineira e formular a hipótese de que o xacemento podería ocupar unha superficie próxima aos 4.000 metros cadrados: “Coinciden plenamente; alí onde identificamos salinas, hai salinas”. Así, en principio, os investigadores pensan que esa primeira aproximación podería corresponder na súa totalidade á infraestrutura. Non obstante, os investigadores sabían por onde comezar a escavar tras os traballos realizados nas súas proximidades en 2017.

Un primeiro procesado dos datos obtidos polo xeorradar permitiu determinar onde aparecen os pavimentos enlousados. Tamén contan con outras evidencias: a salina do Aguncheiro está rota, algo habitual en todas as que parecen na fachada atlántica, que son, en calquera caso, unha parte dun todo que nunca se vai coñecer.

“A virtude é que están especialmente ben conservadas”, apunta Brais X. Currás. Con todo, sinala que son un elemento afectado polo cambio climático de orixe antrópica e natural, xa que se está a alterar a liña de costa: “Están expostas á desaparición, con maior ou menor velocidade”, apunta, e engade que “detrás do traballo de escavación, prospección e rexistro hai unha arqueoloxía preventiva de salvagarda“.

Salinas de Gilheta (Portugal). Imaxe extraída do estudo ‘The roman saltworks of the Atlantic coast of Gallaecia: Traces and evidence of a large sea salt production comple’
Salinas de Gilheta (Portugal), entre as dunas. Imaxe extraída do estudo ‘The roman saltworks of the Atlantic coast of Gallaecia: Traces and evidence of a large sea salt production comple’

Os segredos da produción salineira

Nos 100 m2 escavados, aparecen os coñecidos como talleres salineiros, tanques de diversos tamaños onde se forma o sal nestas infraestruturas. “Non sabemos a que fase do proceso produtivo pertence o que atopamos”, sinala o investigador do CSIC, e explica que cada un destes tanques ten unha función concreta.

O mar non está formado só polo que se coñece como sal, o cloruro de sodio, senón tamén por magnesio, xofre, calcio ou potasio. En todas as salinas procúrase controlar o proceso de coprecipitación dos distintos sales do mar. “Se precipitan todos os sales xuntos o resultado é amargo e non desexable“, explica Brais X. Currás. Así, nunha primeira fase do procesamento do sal, a auga vai pasando por diferentes tanques onde se cristalizan e separan os diferentes tipos de sales.

Chega un momento no que o sal consegue un grao de saturación moi concreto e lévase a cabo a labor de “sacar o sal”: extráese unha salmoira concentrada, auga totalmente saturada de sal. “O feito de usar distintos tamaños de tanque baséase no desexo de control da salinidade“, indica tras explicar o que sería a súa hipótese publicada no Journal of Roman Archaeology.

Un proxecto para recuperar o patrimonio do litoral

Salinas de Mougás. Imaxe extraída do estudo ‘The roman saltworks of the Atlantic coast of Gallaecia: Traces and evidence of a large sea salt production comple’
Salinas de Mougás. Imaxe extraída do estudo ‘The roman saltworks of the Atlantic coast of Gallaecia: Traces and evidence of a large sea salt production comple’

Os traballos forman parte do proxecto “Camiños do Sal”, promovido polo Concello de Oia co obxectivo de investigar, escavar, conservar e poñer en valor as antigas salinas romanas do Aguncheiro. A iniciativa conta cun investimento global de 119.343,65 euros distribuídos ao longo de tres anualidades. Deles, 112.183,03 euros proceden dunha subvención cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), no marco das axudas xestionadas polo GALP Ría de Vigo-A Guarda, mentres que o Concello achega os recursos propios necesarios para completar o financiamento da actuación. 

O proxecto pretende avanzar no coñecemento científico deste enclave arqueolóxico, garantir a conservación dos restos descubertos e favorecer a súa divulgación. Os resultados acadados ata o momento permitiron confirmar a existencia da salina romana e documentar parte das súas estruturas, establecendo as bases para futuras actuacións de investigación, protección e apertura ao público.

A próxima fase do proxecto permitirá ampliar a área de escavación dos 100 ata os 600 m2 e continuar investigando a organización e funcionamento da explotación salineira. Os traballos retomaranse na primavera de 2027 e incluirán actuacións de consolidación e conservación das estruturas descubertas.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha intervención arqueolóxica na Illa de Ons revela novos restos castrexos

O descubrimento produciuse fóra da muralla do castro do Castelo dos Mouros, onde ata agora só se atoparan elementos romanos

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Os segredos que agocha o xacemento de Armea: 15 anos de escavacións e unha nova casa castrexa

A escola de verán cumpre unha década e media cunha intervención que confirma a presenza de restos arqueolóxicos no Alto dos Fornos

Un proxecto galego analiza dous séculos de presenza humana na Antártida a través de obxectos

A investigación está liderada pola arqueóloga María Ximena Senatore e conta cunha Advanced Grant pola que recibirá case dous millóns e medio de euros durante cinco anos