Un proxecto galego analiza dous séculos de presenza humana na Antártida a través de obxectos

A investigación está liderada pola arqueóloga María Ximena Senatore e conta cunha Advanced Grant pola que recibirá case dous millóns e medio de euros durante cinco anos

Adoita pensarse que as mentes máis brillantes están lonxe, que se atopan noutras cidades, noutras comunidades, noutros países. Mais a realidade ten o hábito de demostrar o contrario: dous proxectos galegos recibiron unha Advanced Grant do European Research Council (ERC), unha convocatoria dirixida a persoal investigador consolidado e cunha traxectoria científica remarcable. Lograr este título non só supón un recoñecemento a unha carreira brillante, senón que tamén financia aquelas iniciativas máis innovadoras e ambiciosas. Un deles é o proxecto ‘AWAY’ do Instituto de Ciencias del Patrimonio (INCIPIT – CSIC), que conta co apoio do programa Oportunius da Xunta de Galicia.

A iniciativa está a cargo da arqueóloga María Ximena Senatore, vicedirectora científica do INCIPIT-CSIC e especialista en colonialismo moderno, patrimonio polar e a Antártida. O proxecto que lidera contará cunha financiación de 2.497.000 euros e terá unha duración de cinco anos. AWAY parte dunha premisa sinxela que moi rápido acada reflexións complexas sobre a existencia e a pegada humanas. Así se presenta a iniciativa a través do portal web adicado á mesma: “A Antártida é amplamente imaxinada como un continente prístino e inhabitado, a pesar dos máis de dous séculos de presenza humana. Adoita representarse como un lugar ao que a humanidade aínda está chegando agora. Como resultado, aínda se carece dunha examinación crítica e sostida do que implicou a expansión humana na Antártica”.

Publicidade

AWAY, unha nova concepción da Antártica

O proxecto AWAY (‘Antártica reformulada: historias materiais e xenealoxías da presenza humana’) é a segunda das investigacións galegas que recibiron unha Advanced Grant nunha convocatoria altamente competitiva e esixente. AWAY nace, como adoita acontecer no sector científico, dunha dúbida, unha pregunta nada da observación e a curiosidade: “Por que, despois de 200 anos de presenza humana na Antártida, aínda se pensa que está deshabitada? Por que no imaxinario colectivo se configura como unha natureza intacta á que a humanidade aínda está chegando?”, reflexiona a líder do proxecto, a arqueóloga María Ximena Senatore.

Para comprender a importancia da investigación, é preciso dar un paso atrás e ampliar a vista, pois é o resultado da realidade social e climática do presente. “A Antártica, no contexto da crise climática global, tómase como un proxecto de interacción internacional e colonización extraplanetaria, pero non hai unha análise das implicacións desta decisión”, explica Senatore. E, en concreto, AWAY xa determinou que para levar a cabo este estudo, para afondar nesta cuestión, non seguirá as premisas da arqueoloxía tradicional, senón que se estruturará en torno a tres eixos que terán como centro o papel dos obxectos na historia da humanidade no continente de xeo. “O proxecto parte da premisa de que os obxectos, as cousas, non só permitiron a presenza humana, senón que son activos que a configuraron. AWAY reflexiona de xeito crítico sobre que significa isto: que é a presenza humana na Terra? E explora esta cuestión a través dunha perspectiva material”, conta a arqueóloga.

Publicidade

AWAY está configurado en tres aspectos analíticos: habitar (inhabiting), que estuda ata que punto a Antártica estivo ocupada dende o punto de vista material; lembrar (remembering), que investiga como os moitos pasados do continente se produciron a través do tempo a través dos obxectos; e proxectar ou prototipar (prototyping), que explora como as proxeccións da Antártida rompen ou continúan as súas concepcións previas.

O proxecto AWAY está liderado por María Ximena Senatore. Imaxe: INCIPIT-CSIC
O proxecto AWAY está liderado por María Ximena Senatore. Imaxe: INCIPIT-CSIC

A chegada da humanidade á Antártica

De xeito contrario ao que adoita pensarse —en boa parte debido ás representacións dunha terra de xeo e neve salvaxe e allea á pegada humana—, a chegada e a presenza do ser humano na Antártica é unha realidade con dous séculos de historia. “A arqueoloxía enfocada nas ocupacións de principios do século XIX amosou que a chegada humana á Antártida foi froito dunha expansión capitalista“, afirma a arqueóloga que dirixe AWAY.

María Ximena Senatore apunta que os restos dos primeiros campamentos humanos na Antártida están nas illas Shetland do Sur. Pertenceron a persoas que tiñan como obxectivo a explotación de recursos, en especial a caza de mamíferos mariños ou cetáceos. “Non duraban moito: días, semanas ou meses. Eran ocupacións temporais, sobre todo no verán. Foi un proceso oportunista“, conta a investigadora.

A perspectiva materialista

Este proxecto cambia a concepción máis común do estudo arqueolóxico, tradicionalmente botada atrás, seguindo o rastro de tempos anteriores. “AWAY non estuda o pasado, senón o presente e o futuro que se proxecta sobre a Antártida. A mirada material da arqueoloxía contemporánea vai máis alá da análise do pasado, de escavar e atopar. Reflexiona sobre como a presenza humana se configura a través dos obxectos. As persoas rotan, pero as cousas permanecen“, explica Senatore.

Neste punto, é importante aclarar que a Antártida é un territorio no que conflúen moitas normativas internacionais, en especial no sentido ambiental. En 1959, o Tratado Atlántico declarou que sería un espazo no que se traballaría en favor da ciencia e a paz. Despois, o Protocolo de Madrid converteuno nun dos territorios máis protexidos do planeta, como conta a investigadora nun artigo.

“Os restos humanos non poden quedar aí a non ser que se usen, é dicir, sempre se borra a pegada humana. É unha práctica material con implicacións que van máis alá da arqueoloxía tradicional”, matiza a líder do proxecto. Así, un campamento en desuso, os aparellos que xa non teñen función, ou os residuos xerados desa actividade investigadora deben eliminarse do continente. É un espazo no que a presenza humana é temporal e cunha desaparición definitiva: non deben quedar rastros do paso das persoas polo xeo e a neve do lugar. “É como se o habitar humano na Antártida fora reversible“, comenta a arqueóloga. Hai excepcións, como os declarados ‘sitios e monumentos históricos’, mais a norma xeral é clara: os restos das actividades humanas, pasadas ou presentes, deben eliminarse. Por isto, as fontes que se empregarán serán arquivos, fotografías históricas, observacións das modificacións da paisaxe, etc.

“Cando se foron colonizando os continentes, pénsase en persoas ‘entrando’ neles, non se pensa nas cousas, nos obxectos, pero estes serven como evidencia material da historia. Por iso partimos de que a presenza humana se configurou materialmente. Agora, con AWAY queremos responder a como tivo lugar ese proceso e que significa a existencia da humanidade nun lugar”, conclúe Senatore.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De campamento neandertal a enterramento: os achados das escavacións en Cova Eirós e Monte Penedo

Os traballos, liderados dende a USC, permiten descubrir restos óseos infantís e adultos e amplían os períodos de ocupación humana das cavidades

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación

Unha investigación da USC descobre por primeira vez mercurio nas cerámicas galegas de hai 5.000 anos

Dous estudos científicos revelan que as mostras procedentes do illote de Guidoiro Areoso destacan por presentar os valores máis altos rexistrados na análise

Achada no Castro de Esemelle unha peza dun colar con posible orixe na illa grega de Rodas

A escavación, impulsada pola UDC e o Concello de Ferrol, tamén sacou á luz fragmentos dunha vaixela con decoración sogueada, moi característica da cultura castrexa