Dous proxectos galegos captan cinco millóns de Europa para investigar en IA e en arqueoloxía na Antártida

A USC e o INCIPIT-CSIC lideran iniciativas seleccionadas entre as máis competitivas do Consello Europeo de Investigación

A convocatoria Advanced Grant do European Research Council (ERC) diríxese a persoal investigador consolidado, cunha traxectoria científica salientable e financia proxectos de investigación na fronteira do coñecemento, altamente innovadores e de enorme ambición. Entre os proxectos recoñecidos no ano 2025 atópanse dous con selo galego: por unha banda, ‘GuruAI: A Global Anthropology of the Transformation of Guruship in the Age of Artificial Intelligence’, liderado dende a Universidade de Santiago (USC) polo investigador Jacob Copeman; por outra, o proxecto ‘AWAY’ do Instituto de Ciencias del Patrimonio (INCIPIT-CSIC, Santiago) baixo a coordinación de María Ximena Senatore. Entre ambos, reúnen arredor de cinco millóns de euros —2,5 millóns por proxecto— durante cinco anos.

O proxecto da USC afondará en como está a evolucionar a figura do gurú nos tempos nos que impera a Intelixencia Artificial. O proxecto realizarase ao abeiro da bolsa Advanced Grant con 2.495.054 euros, con socios como a University of Edinburgh e Regents of the University of California. Jacob Copeman está vinculado ao Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e ao grupo Análise Territorial (ANTE) da USC.

Publicidade

Mentres, o INCIPIT emprende o primeiro estudo materialmente fundamentado, a escala continental, sobre a presenza humana na Antártida dende comezos do século XIX ata a actualidade, co obxectivo de comprender como foi configurada, recordada e proxectada ao longo do tempo. O proxecto AWAY comezará en 2027 e concluirá en 2032, liderado por María Ximena Senatore, con tres décadas de experiencia no desenvolvemento de investigacións arqueolóxicas no continente.

Estudo pioneiro en IA

Coa eclosión da Intelixencia Artificial, proliferan tamén asistentes virtuais deseñados para ofrecer orientación espiritual e respostas a problemas da vida cotiá. Os gurús baseados en IA —sistemas que emulan a guía personalizada, o carisma e a devoción— están a multiplicarse a nivel mundial. “Lonxe de ser meras novidades, son provocacións conceptuais que cuestionan os fundamentos ontolóxicos da figura do gurú”, destaca Jacob Copeman.

Publicidade

Neste senso, GuruAI pon o foco en como o gurúismo —antes considerado inseparable do carisma encarnado e a herdanza divina— estase reconfigurando mediante código e datos. Trátase do primeiro estudo sistemático desta forma emerxente e introduce novos marcos conceptuais: o sacrilexio algorítmico, cando a replicación viola os límites teolóxicos; o sincretismo xerado por código, cando os conxuntos de datos xeran formas híbridas de devoción; o gurú ambiental, onde o carisma se difunde nunha presenza dixital sempre dispoñible; e o paragurú, onde a autoridade similar á do gurú emerxe máis aló da relixión.

Combinando a etnografía en múltiples lugares da India, Estados Unidos, Singapur e os Países Baixos coa construción dun prototipo experimental (MetaGuru), GuruAI ofrece perspectivas comparativas urxentes sobre a simulación e as dimensións éticas e relacionais do discipulado dixital. O proxecto ofrece unha nova visión teórica de como se está reinventando a figura do gurú a través de códigos, interfaces e simulacións.

Humanos na Antártida?

A Antártida imaxínase como un continente prístino e deshabitado, a pesar de máis de dous séculos de presenza humana. A miúdo represéntase como un lugar onde a humanidade apenas está a chegar. O proxecto do INCIPIT propón que o que hoxe aparece como unha paisaxe vacía é o resultado dun proceso histórico complexo de longa duración. Abordarase, por tanto, como as materialidades configuraron historicamente a presenza humana na Antártida e que nos revela este proceso sobre a presenza humana na Terra. Na Antártida as persoas rotan, pero as cousas permanecen. Dende esta perspectiva, AWAY adopta unha premisa fundamental: as cousas colonizan. Para iso, analizarase como as relacións entre obxectos configuraron os territorios, memorias e futuros no continente antártico, explica Senatore.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro