Os episodios de elevadas temperaturas alzaron as alarmas en toda a comunidade con diferentes intensidades. En múltiples puntos de acadáronse os 40 graos e MeteoGalicia aínda mantén activo o aviso laranxa no sur de Ourense, no este de Pontevedra e da Coruña e o norte de Lugo, e vermello no noroeste de Ourense e o centro e sur de Lugo. Agora, unha aplicación desenvolta polo investigador de Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) Dominc Royé permite coñecer o impacto real desta vaga de calor á que se enfronta o país. Segundo os seus datos, o 92,33 % dos municipios galegos en alerta amarela ou laranxa.
O programa chámase Shiny e ofrece unha visualización en tempo real do volume de poboación española que se atopa baixo a influencia de calquera alerta meteorolóxica. O sistema non só pon o foco nos cidadáns residentes, senón que tamén incorpora estimacións sobre a poboación turística grazas a datos procedentes da Estatística de Movementos Turísticos Receptores por Municipio (INE, 2025). A plataforma actualízase de xeito automático cada seis horas para manter unha información acorde co avance das previsións meteorolóxicas e, máis concretamente, dos avisos.
A poboación afectada
Actualmente, a poboación afectada polas alertas ascende a 657.396 residentes e 78.793 turistas en aviso amarelo, seguido de 223.334 locais e 10.651 visitantes no nivel laranxa. Isto implica un total de 289 municipios nalgún dos dous traos de alerta dos 313 que hai en Galicia; é dicir, o 92,33% dos concellos están baixo algún nivel de alerta por calor. Ademais, tamén se atopa vixente un aviso amarelo sobre 443.249 residentes e 45.226 turistas en 98 municipios.
A nivel nacional, a calor impacta 29.910.240 residentes e 3.718.891 turistas repartidos en 7.430 municipios. A maior parte (3981 localidades) atópanse en aviso laranxa por calor, mentres que 4214 poboacións están en alerta amarela e 275, en vermella. Tamén hai 98 municipios en nivel amarelo por tormentas.
A precisión mediante a metodoloxía
A plataforma nútrese de fontes de información oficiais. Mentres que os avisos meteorolóxicos se obteñen directamente da API da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), a localización da poboación estímase a través do raster de alta resolución do Joint Research Centre da Comisión Europea, cuxa definición de 100 metros mellora notablemente as versións anteriores. Esta infraestrutura compleméntase cos datos do Padrón Municipal do INE de 2020 e coas estatísticas de movementos turísticos, ponderando os factores segundo a fracción do territorio municipal afectado polo aviso correspondente.
O índice de risco ponderado
O ‘Índice de risco ponderado‘ é unha métrica que sintetiza nunha única cifra a magnitude e a gravidade de todas as alertas activas nun territorio e nun momento dado. Calcúlase multiplicando a poboación de cada concello polo peso específico do nivel de alerta decretado polo organismo estatal: o amarelo, que require precaución ante fenómenos non inusuais; o laranxa, que sinala perigo ante eventos de intensidade elevada; e o vermello, que activa a urxencia por riscos excepcionais para bens e persoas.
A fórmula completa empregada é a que segue: Índice (abs) = Σ (Poboación_municipio × Peso_nivel) / 1 000 000
A ferramenta ofrece tanto un valor absoluto, medido en millóns de habitantes, como un índice normalizado en porcentaxes. Esta última cifra permite realizar comparacións xustas entre as distintas comunidades autónomas, xa que sitúa o nivel de perigo nunha escala de 0 a 100 sen importar o tamaño demográfico da rexión. Con todo, Royé, o creador da páxina, lembra que a distribución da poboación nunca é uniforme e que estes cálculos constitúen unha aproximación, polo que non deben empregarse de xeito exclusivo para tomar decisións críticas de protección civil.














