Luz verde ao Pacto Dixital entre a Xunta e o sector das TIC para a modernización tecnolóxica de Galicia

A iniciativa impulsada pola Amtega busca abrir novas oportunidades de negocio, reducir a fenda dixital e promover a colaboración no ámbito da tecnoloxía

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vén de asinar o Pacto Dixital 2026 para promover a colaboración público-privada e avanzar cara a unha Galicia máis moderna, competitiva e soberana tecnoloxicamente: “Esa colaboración público-privada hai que aterrala e facela entendible para todo o mundo. E a mellor maneira é deixar claro que temos un mesmo obxectivo e que remamos na mesma dirección”, resaltou.

Rueda lembrou que a sociedade está a vivir unha dobre transformación, verde e dixital, na que a tecnoloxía abre novas oportunidades de negocio e é fundamental seguir traballando para contar cun tecido produtivo máis innovador e especializado así como para reducir a fenda dixital. Nesta liña, agradeceu que o novo Pacto Dixital —que substitúe ao de 2013— implique case o dobre de empresas e entidades. En concreto, 21 compañías e clústeres do sector das TIC veñen de asinar este documento, fronte aos 12 que o fixeron hai 13 anos.

Publicidade

Fenda dixital e alfabetización tecnolóxica, os grandes retos

Os obxectivos principais do Pacto son reducir a fenda dixital en Galicia e acelerar a inclusión e capacitación dixital da cidadanía; ampliar ou abrir novas oportunidades de negocio do sector TIC de Galicia; fomentar un espazo dixital inclusivo, aberto, seguro e protexido e impulsar a adopción de tecnoloxías innovadoras que favorezan o crecemento do ecosistema dixital galego.

Na súa intervención, Rueda lembrou os grandes avances en materia de dixitalización que realizou a comunidade nos últimos anos. Resaltou que Galicia foi a primeira comunidade en universalizar o uso da receita electrónica, que o 100% das salas de vistas xudiciais e das aulas educativas xa están dixitalizadas e que case o 90% das persoas que empregan internet en Galicia fan os seus trámites coa Administración autonómica a través da Sede Electrónica. A este respecto, Rueda apuntou que “esa Galicia Calidade da que falamos ten que plasmarse como un exemplo de que aquí facemos ben as cousas e de que, para quen busque a excelencia, aquí en Galicia vai a atopala”.

Publicidade

Ademais, a comunidade está a situarse como referente na tecnoloxía cuántica —con novos ordenadores no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga)—, albergará unha das 19 novas fábricas de intelixencia artificial de Europa e xa está a usar esta ferramenta na loita contra os lumes forestais, a prevención da saúde ou mellorar o Servizo Público de Emprego.

Sector das TIC

Na súa intervención, Rueda resaltou o peso do sector TIC na economía galega, e celebrou que “Galicia sexa un lugar moi atractivo para que tantas empresas desenvolvan aquí a súa actividade”. Galicia é a quinta comunidade con maior número de empresas deste eido, que representan o 2,5% do PIB galego e suman máis de 24.000 traballadores, a maioría de alta cualificación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A revolución intelixente da Xustiza galega: o Plan Senda 2028 propón un sistema máis inclusivo

O Goberno galego aproba unha estratexia que introduce a intelixencia artificial no sistema xudicial, ten unha xestión bilingüe co programa Atenea e dota de ferramentas tecnolóxicas ás 268 oficinas municipais

A Amtega ofrece un catálogo de servizos para unha dixitalización inclusiva nos concellos

A axencia da Xunta ofrece máis de 40 solucións que engloban ámbitos como a administración dixital, a xestión do territorio, a ciberseguridade e a capacitación da cidadanía para a Internet

Madrid adopta tecnoloxía galega para xestionar as súas explotacións gandeiras

Amtega mantense como referente da xestión de recursos agrogandeiros coa sinatura dun novo convenio para ceder o uso de sistemas da oficina virtual de gandería