Da saúde á loita contra os incendios: estas son as máis de 20 iniciativas con uso de IA da Xunta

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica anuncia dez proxectos en fase de produción, e o resto en desenvolvemento, pilotaxe ou proba

A intelixencia artificial (IA) está cada vez máis instaurada no día a día. A raíz deste feito, a Xunta de Galicia ten en marcha máis de 20 iniciativas de IA para a Administración, os servizos públicos ou a xestión do territorio, dos que 10 están xa en fase de produción, segundo o informe que hoxe foi presentado ao Consello de Goberno pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Para garantir a eficiencia, os dereitos e seguridade das persoas, e o aliñamento cos valores institucionais e normativos de Galicia, estes sistemas están a seguir un modelo de goberno que establece as diferentes fases para o seguimento da súa evolución —dende que son ideados ata que son desactivados—, así como as funcións de cada un dos órganos administrativos implicados.

En fase de produción: saúde, lumes e mercado laboral

Entre os proxectos que están en fase de produción, destacan os relacionados coa saúde, como AZMed ou Gleamer, con algoritmos de intelixencia artificial para axudar ao diagnóstico de radiografías. 

Publicidade

Tamén hai iniciativas relacionadas coa xestión do monte ou a loita contra os incendios, como AILume, que detecta lumes a partir de imaxes de vídeo en tempo real; LumeIA, que detecta lumes na rede de videovixilancia forestal; ou SAVFOR_savia, que detecta pragas en árbores e vexetais a partir de incidencias comunicadas pola cidadanía.

A Xunta ten en marcha EMIEG, para identificar necesidades do mercado laboral e propoñer accións formativas en función das demandas. No ámbito da Administración, hai ferramentas para axilizar os sistemas de rexistro de entrada de documentos, para as tramitacións de Política Social ou unha adaptación de Copilot para as persoas que traballan na Administración pública de Galicia.

Publicidade

En desenvolvemento: servizos públicos e turismo

Na fase de desenvolvemento atópanse asistentes virtuais para facilitar as tarefas e prestar soporte a traballadores públicos, ou ferramentas de linguaxe para facilitar a comprensión por parte das persoas usuarias dos procedementos e servizos da Administración electrónica. No ámbito do turismo, estase a desenvolver un asistente virtual para profesionais e outro para facilitar aos visitantes o deseño de rutas turísticas personalizadas. A memoria dixital de Galicia recollida en Galiciana contará con novas capacidades de IA para responder consultas formuladas en linguaxe natural, así como para a xestión dos datos.

En fase piloto: uso do galego e expedientes xudiciais

Entre os proxectos que están en fase de probas destacan os relacionados coa promoción do uso do galego, a tradución automática ou a síntese de voz; un asistente conversacional para o persoal das oficinas de emprego; un sistema de análise de audios para avaliar a aprendizaxe en centros de FP de Hostalería e Turismo; ou o uso de capacidade de IA para a consulta de expedientes xudiciais con linguaxe natural. Tamén está en fase de probas a integración da IA na Plataforma Territorio Intelixente para, entre outros aspectos, poder facer simulación de escenarios.

Proceso controlado polo humano

Para o desenvolvemento e funcionamento dos sistemas de IA, a Xunta conta cun modelo de goberno que establece as diferentes fases do ciclo de vida dos proxectos de intelixencia artificial que teñen en conta as esixencias do Regulamento (UE) 2024/1689, que é a lei europea de IA, e da Lei 2/2025 de Galicia, de 2 de abril, para o desenvolvemento e impulso da IA en Galicia.

Así, haberá unha fase preliminar (con tres etapas) para identificar as oportunidades, valorar a viabilidade e analizar os riscos. Na fase de deseño (con dúas etapas), detállanse as necesidades funcionais e a arquitectura técnica, e defínense e prepáranse os datos que vai necesitar o sistema de IA. A terceira fase, de implantación (con tres etapas) afronta a construción, integración e validación do sistema, garantindo a súa fiabilidade técnica, o cumprimento normativo e a coherencia cos principios éticos. A última fase, de operación, conta con dúas etapas para a monitorización do rendemento, o mantemento ou a mellora continua; así como o control da retirada progresiva do sistema de IA no caso de desactivación.

Todo este proceso será xestionado pola Oficina de Intelixencia Artificial, coa implicación da dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a participación da Comisión Estratéxica de IA, as persoas comisionadas de IA en cada departamento, as unidades tecnolóxicas responsables, as unidades promotoras funcionais, e as persoas delegadas de Protección de Datos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Usar a IA sen entendela: que consecuencias ten para os estudantes?

Aínda que un 'chatbot' responda con confianza isto non garante a súa veracidade. Por Juan José Lorenzo Castiñeiras, Andrea Fernández-Sánchez e Isabel Fernández-Menor

Máis servizos electrónicos para administracións e cidadáns: así foi o balance dixital galego do 2025

O balance anual da Estratexia Galicia Dixital 2030, elaborado pola Amtega, recolle as medidas levadas a cabo no último ano e actualiza os obxectivos de cara ao final da década

Por que todos os carteis feitos con IA son iguais?

A intelixencia artificial acelera a estandarización visual ao empregarse os mesmos 'prompts' e ferramentas. Por Iria María Santos López

Unha plataforma desenvolvida en Vigo abre novas vías para a rehabilitación da cognición social con IA

O proxecto ET-Plus, impulsado polo IIS Galicia Sur, personaliza o adestramento de habilidades en persoas con patoloxías mentais graves ou adiccións