Herpetólogos galegos propoñen actualizar as especies ameazadas tras case dúas décadas sen cambios

Un libro publicado pola Asociación Herpetolóxica Española, con participación da USC, revisa o estado de conservación de 40 especies autóctonas de réptiles e anfibios

O Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) nace no ano 2007 como instrumento para recoller aquelas especies de flora e fauna que presentan algún tipo de ameaza para a súa supervivencia, e para ás que as medidas de protección deben ir mais aló da mera protección. Neste contexto, aparecen dous grupos do reino animal as veces esquecidos: os anfibios e réptiles (hérpetos). Fernando Martínez Freiría, profesor de Zooloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), publica xunto a outros seis herpetólogos galegos e co apoio da Asociación Herpetológica Española (AHE) o libro Estado de Conservación de los anfibios y reptiles continentales de Galicia, que busca dar solución a unha problemática: a falta de actualización do Catálogo Galego. “Non mudou dende a súa publicación no Diario Oficial de Galicia hai 19 anos“, comparte o experto.

Así, a partir do seu coñecemento e a revisión dunha extensa literatura científica, os profesionais elaboran un documento divulgativo e científico para usalo como ferramenta para o coñecemento da diversidade de hérpetos galegos e para aprender sobre a súa xestión e conservación. O libro foi publicado en maio e presentado oficialmente o 9 de xullo no Museo de Historia Natural da USC, a fin de compartir o diagnóstico sobre o estado dos anfibios e réptiles galegos. Segundo Martínez-Freiría, está dirixido a todas aquelas persoas interesadas nestas especies, xa que aínda que non é o mellor para identificalas —non é unha guía de campo—, si que ofrece información detallada sobre a súa distribución, ecoloxía, evolución e conservación.

Publicidade

“Hai factores de ameaza que ademais de non cesar, tamén aumentaron, e novos factores que aínda non se consideraban”, explica Fernando. Esta clave súmase a outras como a información obsoleta que descansa no catálogo, unha información que os autores tratan de actualizar a partir do estudo de 40 especies de hérpetos continentais autóctonos —14 anfibios e 26 réptiles—, avaliados a partir dos criterios do CGEA e da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN).

Case dúas décadas sen novos datos

O Catálogo Galego recolle oito especies de anfibios como Vulnerables, e nove e dous de réptiles continentais como Vulnerables e En Perigo, respectivamente. Con todo, no libro avalíanse a totalidade de anfibios e réptiles continentais de Galicia pois, segundo advirte Fernando, existen especies nas que o seu estatuto de conservación ten empeorado en case vinte anos.

Publicidade

“Factores de ameaza como a perda e fragmentación do hábitat, o cambio climático e, principalmente nos anfibios, as enfermidades emerxentes como virus e fungos, teñen incrementado durante este período”, sinala o investigador. Ademais, súmanse problemáticas como as especies exóticas invasoras ou os cambios nos patróns de diversidade das especies en Galicia, xa que, tal e como explica Martínez-Freiría, ao longo das últimos dúas décadas, rexistráronse novas especies en Galicia. “Existe un baleiro na incorporación de información”, subliña.

As verdadeiras especies ameazadas

O traballo realizado polo equipo detrás do libro permite establecer comparación entre o Catálogo Galego actual e os resultados da súa investigación. En primeiro lugar, perden a protección especies mal identificadas en determinadas poboacións, como a cobra de colar (Natrix astreptophora) nas Illas Atlánticas, onde non existe. En segundo lugar, non están contempladas algunhas especies cunha distribución moi complexa ou fragmentada, como a víbora fociñuda (Vipera latastei), a cobra lisa meridional (Cornella girondica) —ambas baixo a categoría de Vulnerable—, a lagartixa rabuda (Psammodromus algirus) —identificada en Perigo de Extinción para a provincia da Coruña— ou a cobra de Esculapio (Zamenis longissimus) —recentemente atopada en Galicia e tamén identificada En Perigo—. “Non están contempladas e están moi ameazadas”, sinala, aplicando os criterios do Catálogo.

  • Cobra de Esculapio ('Zamenis longissimus'). Foto: Wikimedia Commons
  • Víbora fociñuda ('Vipera latastei'). Foto: Wikimedia Commons
  • Lagartixa rabuda ('Psammodromus algirus'). Foto: Wikimedia Commons
  • Píntega ('Salamandra salamandra'). Foto: Wikimedia Commons
  • Sapiño pinto ('Discoglossus galganoi'). Foto: Wikimedia Commons

Noutras, os autores indican unha modificación da súa categoría de protección respecto ao Decreto 88/2007. Así, a píntega (Salamandra salamandra), o limpafontes común (Lissotriton boscai) e o sapiño pinto (Discoglossus galganoi) manteñen a categoría de ameaza (Vulnerable) a nivel insular, se ben a poboación de Ons deste último é identificada como En Perigo de Extinción. No caso dos réptiles, a largatixa da serra (Iberolacerta monticola) rexistra poboacións En Perigo en Sobrado dos Monxes e o Macizo Central Ourensán, xunto coas poboacións da Coruña da lagartixa das brañas (Zootoca vivipara).

A importancia dos hérpetos

Os anfibios e réptiles adoitan espertar menos interese que outros vertebrados. Con todo, son especies de vital importancia dentro dos ecosistemas, sobre todo pola súa posición na cadea trófica. A pesar de atoparse en puntos intermedios, son grandes depredadores de moita diversidade. Fernando explica que, por unha banda, os anfibios son capaces de controlar pragas como os mosquitos, mentres que os réptiles se alimentan de insectos e micromamíferos. Ademais, “hai especies que son endémicas da zona do noroeste e polo tanto teñen un alto valor biolóxico único no mundo”, apunta.

Con todo, vense afectados por numerosas ameazas: “O factor máis importancia é a perda e fragmentación do hábitat, que continúa e está agravado por políticas como plantacións de eucalipto, construción de infraestruturas, incendios ou a contaminación de medios acuáticos”.

Como solventar o problema?

“As administracións públicas non adoitan ter en conta as recomendacións da comunidade científica en materia de conservación”, subliña Fernando Martínez-Freiría. Explica que a Xunta de Galicia fixo hai varios anos unha consulta pública para actualizar o Catálogo galego. Nese momento, os autores do libro presentaron un borrador con moitos datos e as avaliacións que aparecen na actual publicación, pero ningunha información foi actualizada ata o momento. “Non é só un listado de especies; a inclusión nunha categoría de ameaza débese traducir na elaboración por parte da Xunta nun plan de recuperación no caso das especies En Perigo ou dun plan de conservación no caso das especies catalogadas como Vulnerables”. Iso foi o que ocorreu en 2013, cando se aprobou o Plan de recuperación do sapoconcho común (Emys orbicularis) en Galicia. “No papel o plan prometía moito, pero o tempo mostrou que este non contaba con recursos, o que ten limitado enormemente a súa implementación”, engade.

Así, ademais do acceso a programas de ciencia cidadá para que a poboación poida colaborar co seguemento de especies —subir observacións, monitorización— e aprender a importancia destas especies animais, o profesor en Zooloxía Fernando Martínez-Freiría tamén anima ás administracións a actualizar as súas listaxes tendo en conta as necesidades de conservación actuais, tal e como se recolle nesta obra.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol

EN DIRECTO | A Coruña vive a eclipse entre nubes, cunha coroa solar apenas visible

A totalidade durou un minuto e 16 segundos na cidade, mentres que noutros puntos de Galicia, como Sigüeiro, durou menos con ceos despexados

Galicia vivirá unha xornada astronómica única: o máximo das Perseidas chega tras a eclipse total de Sol

As condicións serán favorables para contemplar ata 200 meteoros por hora durante a noite do 12 ao 13 de agosto, con nubosidade prevista no norte da comunidade