Investigadores do Museo Nacional de Ciencias Naturais (MNCN-CSIC) e o Instituto Mixto de Investigación en Biodiversidade (IMIB), ambos do CSIC, lideraron unha investigación que se publica na revista Scientific Reports e que detalla como tratar os corpos de auga onde se reproducen os anfibios. É a primeira vez que se consegue combater a quitidriomicose sen necesidade de retirar os animais antes de aplicar o tratamento.
A quitidriomicose é unha enfermidade provocada polo fungo Batrachochytrium dendrobatidis (Bd) que afecta á pel dos anfibios e impide a correcta regulación da auga e os electrolitos, o que pode chegar a xerar un fallo cardíaco nos animais. Este fungo atópase por todo o planeta e é unha das causas do declive xeneralizado e a extinción de especies de ras, sapos, tritóns e outros anfibios. Transmítese dun animal a outro e esténdese rapidamente pola natureza causando mortalidades catastróficas en moitas especies, mentres que outras non experimentan cambios significativos.
Con anterioridade, un equipo liderado polo mesmo investigador do IMIB que participa neste estudo, Jaime Bosch, obtivo éxito con poboacións de sapo partero balear (Alytes muletensis), en Mallorca, pero era necesario retirar os exemplares dos corpos de auga e baleiralos antes de aplicar o tratamento, o que resultaba moi custoso.
Para este estudo, o persoal investigador traballou con poboacións de sapo partero bético (Alytes dickhilleni), unha especie endémica da cordilleira bética, ao sueste da península ibérica.
“Os anfibios son o grupo de animais máis ameazado do planeta pola perda de hábitats e pola enorme incidencia desta enfermidade”, contextualiza o investigador. “Tras moitos anos de estudo buscando posibles vías para reducir a incidencia desta enfermidade, logramos eliminar ao fungo na contorna natural sen que sexa necesario retirar primeiro aos animais, e esa é unha noticia moi esperanzadora”, engade.
Un funxicida efectivo contra a infección
O equipo de investigación utilizou un funxicida agrario, o tebuconazol, para tratar as augas infectadas onde se reproduce o sapo partero bético, unha especie especialmente sensible á enfermidade.
“Trátase dunha especie que está catalogada como ‘en perigo’ pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza, xa que a súa tendencia poboacional é claramente negativa”, apunta a investigadora do MNCN-CSIC Barbora Thumsová.
Con dúas aplicacións do fungicida, o equipo logrou reducir significativamente a carga infecciosa dos animais na maior parte das masas de auga tratadas. Ademais, en seis dos dez puntos tratados, a desinfección mantense tras máis de dous anos. Afortunadamente, as trazas do produto desapareceron á semana da súa aplicación sen deixar efectos significativos nas características químicas e biolóxicas da auga.
“Temos claro que o uso de químicos na natureza nunca é desexable, pero dada a situación de extrema gravidade na que se atopan algunhas especies de anfibios en todo o mundo por culpa do ser humano, é imprescindible realizar intervencións efectivas nalgunhas poboacións especialmente ameazadas”, explica Thumsová.
“É tarde para moitas especies que vimos extinguirse ante os nosos propios ollos, pero quizá non o sexa para outras moitas”, conclúe Bosch.














