Descuberta unha nova especie fúnxica na illa de Cortegada

O achado de ‘Xylaria polyphaga’ eleva a sete o número de especies novas para a ciencia identificadas no enclave do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia

A illa de Cortegada, integrada no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, volve situarse no mapa internacional da investigación micolóxica coa descrición dunha nova especie de fungo para a ciencia: Xylaria polyphaga. Foi descrita recentemente na revista Life, nun estudo científico centrado na diversidade do xénero Xylaria nos bosques de laurisilva atlántica europea, no que se identificaron oito especies novas para a ciencia. Entre elas atópase Xylaria polyphaga, descuberta en Cortegada e presente tamén noutras áreas de grande valor ecolóxico, como as laurisilvas dos Azores e das Illas Canarias, así como nos bosques de néboa do Parque Natural dos Alcornocales.

O descubrimento converte a Xylaria polyphaga na sétima especie nova para a ciencia descuberta na Illa de Cortegada, consolidando este enclave do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia como un dos espazos máis relevantes para o estudo da biodiversidade fúnxica europea. A nova especie destaca pola súa capacidade para desenvolverse sobre distintos substratos vexetais, unha característica pouco habitual dentro do seu grupo e que inspirou o seu nome científico, polyphaga.

Publicidade

Máis de 1.000 especies de fungos en 44 hectáreas

Este novo taxón súmase ás especies descritas previamente a partir de exemplares recollidos na illa: Atheniella lauri, Calycina cortegadensis, Mollisia cortegadensis, Physalacria auricularioides, Pseudobaeospora cortegadensis e Ramariopsis coronata. Cun total de sete especies novas para a ciencia descubertas nun territorio de apenas 44 hectáreas, Cortegada constitúe un caso excepcional no contexto europeo e internacional.

Os traballos de investigación desenvolvidos durante os últimos anos permitiron documentar máis de 1.000 especies de fungos na illa, unha cifra que representa aproximadamente a metade das especies rexistradas en Galicia. Esta extraordinaria riqueza biolóxica resulta especialmente notable se se ten en conta a reducida superficie da illa e supera amplamente a diversidade coñecida noutros espazos naturais de moita maior extensión.

Publicidade

Refuxio de biodiversidade

A relevancia do descubrimento transcende o ámbito galego. A distribución coñecida de Xylaria polyphaga revela unha estreita asociación cos ecosistemas húmidos de influencia atlántica, desde as laurisilvas macaronésicas ata os bosques relictos do sur da península ibérica. Esta conexión biolóxica reforza a importancia destes hábitats como refuxios de biodiversidade e como reservorios de especies aínda descoñecidas para a ciencia.

Segundo explica o investigador Saúl de la Peña, autor do estudo: “Cada nova campaña de mostraxe continúa revelando o extraordinario patrimonio natural que alberga Cortegada. A illa constitúe un laboratorio natural excepcional para comprender a diversidade fúnxica dos bosques atlánticos e a súa evolución ao longo do tempo”.

As condicións ambientais, forestais e históricas da illa, entre as que destaca a presenza dunha das mellores representacións de laurisilva atlántica do continente europeo, favoreceron a conservación dunha comunidade fúnxica de enorme singularidade. Esta riqueza converte Cortegada nun enclave de referencia para a investigación micolóxica e para a conservación da biodiversidade.

Unha tese con datos inéditos

O investigador adianta ademais que nos próximos meses verá a luz a súa tese doutoral, resultado de varios anos de investigación sobre a biodiversidade fúnxica dos ecosistemas de laurisilva atlántica. O traballo incorporará numerosos datos inéditos e descubrimentos de especial relevancia científica que permitirán ampliar significativamente o coñecemento actual sobre estes hábitats e sobre a extraordinaria riqueza micolóxica da illa de Cortegada.

A sucesión continua de novos descubrimentos confirma que Cortegada constitúe un auténtico tesouro biolóxico de relevancia internacional e reforza a necesidade de preservar este ecosistema único, fundamental para a conservación da biodiversidade galega e europea.


Referencia: Diversity of the Genus Xylaria in European Atlantic Lauroid Forest: New Records and Description of Eight New Species (Publicado en Life)

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

De campamento neandertal a enterramento: os achados das escavacións en Cova Eirós e Monte Penedo

Os traballos, liderados dende a USC, permiten descubrir restos óseos infantís e adultos e amplían os períodos de ocupación humana das cavidades

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

O outono comeza este mércores ás 2.05 horas despois dun verán de temperaturas récord

A terceira estación do ano vaise estender ata o 21 de decembro ás 21.50 horas