A illa de Cortegada, na ría de Arousa, volve amosarse como un paraíso para os fungos en Galicia, despois do achado do científico Saúl de la Peña. O investigador do grupo Ambiosol da USC describe nun artigo publicado na revista Persoonia o achado de dúas novas especies “únicas no mundo”, que foron bautizadas na honra da illa como Calycina cortegadensis e Mollisia cortegadensis.
Trátanse de fungos ascomicetos, que medran en ramas mortas de castiñeiros e carballos, e que foron difíciles de atopar e identificar debido ao “reducido tamaño e cor pouco chamativa”. No relevante achado tamén participaron Pablo Alvarado, Óscar Requejo e Enrique Rubio.
“Os fungos de Cortegada son algo único, e están nunha situación complicada”
Cortegada, santuario de fungos
A Illa de Cortegada, parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, ten apenas 0,44 quilómetros cadrados de extensión pero conta con máis de 800 especies fúnxicas, que a converten nun espazo de gran importancia ecolóxica. Por exemplo, a illa arousá “cuadriplica en número de taxóns a Parques Nacionais coma Doñana, que nos seus 1.081 km2 presenta 252 especies de fungos, ou que case duplica os 526 taxóns identificadas no Parque Nacional de Garajonay, de 40 km2“, explica Saúl de la Peña.
O 40% das especies do Catálogo Micolóxico de Galicia están presentes nos 0,44 quilómetros cadrados de Cortegada
É, en palabras do investigador, “dunha das paraxes máis ricas en diversidade micolóxica non só de Galicia, senón tamén de España e probablemente de Europa”, sinala de la Peña. Estímase que a nivel mundial existen preto dun millón e medio de especies de fungos, “aínda que só coñecemos un 6,7% deles”. En Europa, a cantidade atribuída é de 12.500, mentres que o Catálogo Micolóxico Galego rexistra máis de 2.000 especies, das cales o 40% están presentes na Illa de Cortegada.
Segundo o autor, dos 15 Parques Nacionais e 195 Parques Naturais a nivel estatal, “só un 20% e 1,5% deles, respectivamente, presentan estudos micolóxicos”. Os fungos “posúen ciclos biolóxicos complexos, presentan variabilidades dentro dunha mesma especie e entre especies, e a súa observación non é doada”, apunta o autor, que denuncia “a falta de datos para a clasificación micolóxica e de investigadores de campo”.


Outro dos aspectos máis valorados dos taxóns de Cortegada, onde se estima que existen aínda máis de 200 especies fúnxicas aínda por identificar, é o seu valor ecolóxico. “Das 800 especies coñecidas en Cortegada, máis de 100 descubríronse nesta illa, catro están na Lista Vermella Europea e nove na Lista Vermella Preliminar de Fungos Ameazados da Península Ibérica”, explica de la Peña. Por outra banda, algunhas destas especies medran en lugares distintos aos dos seus lugares de aparición habituais, como é o caso de fungos de clima subalpino ou mediterráneo que se atopan nesta illa galega.
Estímase que en Cortegada existen máis de 200 especies de fungos por identificar
Cortegada presenta unhas condicións ambientais, forestais e históricas moi especiais, polo que o autor insiste en facer o posible por manter o seu estado. Na actualidade, de la Peña salienta dúas cuestións que levaron á desaparición de gran número de especies da illa. En primeiro lugar, a presenza de xabarís, que se alimentan dos fungos e destrúen o seu micelio ao deixalo en contacto co aire. “Unha densidade axeitada destes animais para un ecosistema insular sería de 1 xabaril/ km2, polo que á Illa de Cortegada lle corresponderían 0,44 xabarís”, explica o autor. En segundo lugar, a case total desaparición da cabra doméstica afecta de xeito negativo ao mantemento do sotobosque e ao desenvolvemento dos fungos da illa.
Referencia: Fungal Planet description sheets: 951–1041 (Persoonia).
Que interesante Saúl. Muy buen trabajo. Bicos e parabéns.
Unha marabilla. Parabens Saúl