A Xunta de Galicia non aprobará o proxecto para a explotación mineira de cobre nos concellos de Touro e O Pino. Así o anunciou este martes a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ángeles Vázquez. Un proxecto de “gran calado”, en palabras da titular da consellería, que se pecha debido unha declaración de impacto ambiental (DIA) negativa por parte da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en atención a informes “desfavorables” e “insalvables” por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e de Augas de Galicia. Con esta decisión, despois de ter en conta 15 informes sectoriais (13 deles favorables) e máis de 1.200 alegacións, ponse “fin á tramitación ambiental da iniciativa mineira, que se iniciara en outubro do ano 2018″.
A Consellería salientou que o ditame negativo “está avalado por informes técnicos e polo propio marco lexislativo actual”. Concretamente, o sentido negativo da DIA baséase en dous informes “concluíntes”. Por unha banda, na constatación dunha afección real na zona derivada da actividade proposta e por outra, no recoñecemento de que o proxecto aumentaría a presión hídrica sobre o río. Así, o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural sinala que esta actividade desenvolveríase nun espazo próximo a unha Zona de Especial Conservación (ZEC), sen que queden acreditadas as correspondentes medidas protectoras e correctoras necesarias en caso de accidente na explotación.
Asemade, outro informe solicitado a Augas de Galicia conclúe que “a actividade mineira aumentaría a presión hídrica sobre as augas da contorna, non podendo garantir un estado ecolóxico óptimo”.
Agora a decisión continuará cos trámites establecidos, coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e remitirase á Consellería de Industria, da que depende a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, para que finalice o proxecto. Con todo, os promotores, segundo explicou a conselleira, poden recorrer a decisión ante os tribunais.
O debate da mina de Touro-O Pino
O anuncio por parte da Xunta marca, por tanto, un fito relevante na historia do proxecto, que estaba previsto desenvolver nunha zona onde xa se extraera cobre nos anos 70 e 80 do século XX. Desde o anuncio da posta en marcha dos trámites para a reapertura, a explotación xerou un amplo debate na zona, con partidarios e detractores da iniciativa. Nestes anos, varios informes xa advertiran de “deficiencias e contradicións” (como o redactado pola Sociedade Galega de Historia Natural).
Neste tempo, plataformas veciñais como Mina Touro-O Pino Non e a rede Contaminacción organizaron sucesivas mobilizacións para protestar contra o novo proxecto, ao tempo que denunciaban o mal estado no que quedara a zona non recuperada pola anterior explotación, causante de vertidos periódicos nos regatos da zona.
Informes da Xunta alertan de eivas na mina de Touro e O Pino
Documentos asinados pola propia Xunta de Galicia xa subliñaban en 2018 eivas na redacción da iniciativa mineira: nas explotacións gandeiras “poden ver afectados tanto o subministro como a calidade da auga da que se abastecen ao producirse a destrución dos acuíferos e a contaminación química derivada da disolución química e arrastre dos diferentes compostos químicos na auga de chuvia”; “as explosións e voaduras poden repercutir no benestar animal”; “pode ocasionar unha intoxicación por cobre na gandaría”; respecto ás voaduras “non se fai unha avaliación detallada sobre o seu impacto na poboación”; “non se fai unha avaliación dos posibles materiais radioactivos naturais que se poden atopar asociados ao cobre na explotación (uranio, torio e radio e produtos da súa desintegración, como o radon)”, son algunhas das apreciacións realizadas por organismos dependentes do Executivo autonómico.

Alén disto, a posible apertura da mina xerou preocupación na bacía do Ulla e mesmo na ría de Arousa, polos riscos para os ecosistemas e as especies que viven nel, claves para o sector marisqueiro. Por exemplo, un estudo de científicos do CSIC, a USC ou a UVigo advertía de que un aumento dos niveis de cobre nas augas do Ulla deixaría ao salmón “ao bordo da extinción”.