Un método creado na UDC predí a liberación de fibras nos téxtiles para reducir o seu impacto ambiental

A tese de Mercedes Pereira analiza 25 estruturas elaboradas con poliéster, algodón, la, viscosa e elastano en escenarios próximos á vida real

Por que algúns tecidos liberan máis microfibras ca outros co tempo de uso ou durante os lavados? Que características da súa estrutura fan que sexan máis ou menos propensos a este desgaste invisible? Unha tese realizada no Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC) aborda estas cuestións e analiza os factores que condicionan este fenómeno, considerado xa un dos retos ambientais emerxentes da industria téxtil.

O traballo, desenvolvido pola investigadora do Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) Mercedes Pereira, busca comprender como e por que se produce a liberación de fibras desde a propia concepción do tecido, indo máis alá do uso ou do lavado e poñendo o foco na súa estrutura e no seu comportamento físico. Para iso, deseñou un novo método que predí como evoluciona a liberación de fibras ao longo da vida útil dos téxtiles co obxectivo de reducir o seu impacto ambiental.

Publicidade

Tecidos baixo a lupa

A investigación examinou 25 estruturas téxtiles de uso habitual na industria —16 tecidos planos e 9 de punto— elaboradas con materiais como o poliéster, o algodón, a la, a viscosa e o elastano. Os materiais foron estudados con diferentes técnicas de caracterización que permiten “ver” como se comportan por dentro.

Entre elas, empregáronse a análise termogravimétrica (Thermogravimetric Analysis, TGA), que mide como perde masa un material cando quece e permite avaliar a súa estabilidade térmica; a calorimetría diferencial de varrido (Differential Scanning Calorimetry, DSC), que detecta como o material absorbe ou libera calor e axuda a identificar cambios na súa estrutura interna; e a análise mecánico-dinámica (Dynamic Mechanical Analysis, DMA), que analiza como responde o tecido cando se estira ou se somete a esforzos, simulando condicións reais de uso.

Publicidade

A liberación de microfibras estudouse en escenarios próximos á vida real, en dous ambientes experimentais diferenciados en húmido e en seco: por un lado, mediante lavados domésticos; e, polo outro, con ensaios de desgaste con tambor aleatorio acelerado (Rotary Tube Processing Technology, RTPT), que simula o rozamento e o uso continuado dos tecidos ao longo do tempo.

Datos que axudan a entender

Tras a recollida de todos estes datos, empregáronse ferramentas estatísticas que permiten atopar padróns para discriminar as variables que son as realmente decisivas na liberación de fibras. Ademais, desenvolveuse unha nova metodoloxía analítica capaz de identificar con maior precisión a composición dos tecidos, mesmo nas mesturas máis complexas, e de predicir como evolucionará a liberación de fibras ao longo da súa vida útil, tanto en condicións húmidas como secas. En conxunto, os resultados amosan que pequenas diferenzas na estrutura dos tecidos poden traducirse en grandes diferenzas na liberación de microfibras, máis alá do efecto do uso continuado ou dos ciclos de lavado.

En colaboración coa industria

A tese, dirixida polos investigadores do grupo PROTERM Ramón P. Artiaga e Jorge J. López, contou coa colaboración de Inditex. O traballo foi defendido o pasado 10 de xullo no Salón de Actos da Vicerreitoría de Ferrol e Responsabilidade Social ante un tribunal presidido por Rossana Bellopede (Politecnico di Torino), con María Belén Montero (UDC) como secretaria e Carlos Alberto Gracia (TA Instruments – Waters Cromatografía, SA) como vogal. Obtivo a cualificación de sobresaliente e foi proposto para a mención cum laude. Os resultados contribúen a avanzar cara ao desenvolvemento de tecidos máis duradeiros e con menor liberación de microfibras, achegando novo coñecemento para afrontar un dos principais desafíos ambientais asociados á industria téxtil.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

Como xerar máis electricidade coa calor residual da industria? Así o fan dende Ferrol

Persoal investigador do CITENI da UDC mellora o rendemento dos ciclos Rankine orgánicos mediante un algoritmo inspirado nos enxames de abellas

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento

Residuos do lúpulo para fabricar téxtiles sostibles: así é o novo proxecto do CITIC co MIT

A investigación, financiada por Inditex, explorará o potencial das follas e talos de lúpulo para desenvolver fibras e tinguiduras naturais