Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos

O centro histórico está cheo de vida: atópanse os mellores restaurantes da cidade, é o lugar de moda para tomar o vermú do domingo e sempre hai grupos de turistas dando un paseo. Se botas a vista atrás, o panorama mudou radicalmente dende hai 20 anos, cando era unha zona desfavorecida e descoidada. Este cambio ten nome propio: xentrificación. Ou o que é o mesmo, un proceso polo que a poboación dun barrio se despraza, aparecen novos residentes de maior nivel socioeconómico, revalorízase o solo e incluso se producen cambios identitarios. Este fenómeno estudouse en profundidade en grandes cidades como Nova York, Londres e París, pero escasea a literatura científica en urbes de tamaño medio. Agora, un novo estudo reverte a tendencia e revela os patróns de xentrificación da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Detrás desta investigación están Pablo Villar-Abeijón, da Universitat Autònoma de Barcelona (UAB), e Alberto Rodríguez-Barcón, da Universidade da Coruña (UDC). Para analizar o fenómeno aplicaron e adaptaron á realidade galega o Índice Ding, un indicador moi empregado en Estados Unidos para a medición cuantitativa da xentrificación. Para iso analizaron as rendas medias por fogar, o número de residentes con estudos superiores e a evolución do prezo do aluguer segundo os datos recollidos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e o Ministerio de Vivenda. Suxeitos á dispoñibilidade da información, os investigadores estudaron o período 2015-2021. “Nestes últimos cinco anos puido haber cambios. A xentrificación é un fenómeno moi dinámico”, matiza Villar-Abeijón.

Publicidade

O indicador adaptado polos investigadores toma como referencia as seccións censais e, segundo os seus cálculos, Vigo ten a maior porcentaxe delas (12,3%) en proceso de xentrificación, seguida da Coruña (9,8%) e Santiago (7,2%). En canto á intensidade do proceso, é maior na capital galega (40%), despois na cidade herculina (29,4%) e, finalmente, na urbe olívica (27,6%).

A Coruña

“Cidade portuaria e de servizos”. Así definen A Coruña Villar-Abeijón e Rodríguez-Barcón. Os resultados da súa investigación concordan co que xa está tendo eco na prensa dende hai uns anos: a xentrificación do barrio de Monte Alto. “A literatura que había ata o momento centrábase máis no centro histórico, que parece que chegou ao punto de saturación e non semella que a xentrificación avance máis. Agora móvese cara a un barrio que antes era marxinal, e que se coloca como a nova zona de moda”, explica o investigador da UAB. O estudo vincula estes cambios no barrio de Monte Alto coa chegada de novos perfís profesionais vinculados a sectores económicos altamente cualificados, que introducen cambios no estilo de vida, no comercio e tamén presionan o mercado inmobiliario.

Publicidade

Malia que Monte Alto é o barrio coa maior concentración espacial de xentrificación, as seccións máis afectadas atópanse arredor da Ronda de Outeiro. Tamén se observan indicios deste fenómeno na Sagrada Familia e nalgunhas seccións dos Mallos. A investigación apunta que a aplicación de certas medidas urbanísticas, como a rexeneración da área de Vioño e a construción da estación intermodal, pode influír na transformación dos espazos e na creación de novas dinámicas xentrificadoras. Os resultados de Villar-Abeijón e Rodríguez-Barcón apuntan a unha “reconfiguración espacial” asociada a este proceso que traslada o interese dende o centro histórico a zonas máis periféricas.

Santiago de Compostela

O caso de Santiago de Compostela é “particularmente singular” porque nel conflúen dous factores clave: o turismo e o estudantado universitario. Os procesos que se levaron a cabo nos últimos anos para rehabilitar o patrimonio do centro histórico e crear espazos peonís tamén influíron no proceso de xentrificación que estudan os investigadores da UAB e da UDC. Segundo os datos recollidos no estudo, unha das áreas quentes é o eixo da rúa Vista Alegre, que está no norte da cidade e moi próxima a un dos campus universitarios. O outro punto fundamental está arredor do campus histórico da universidade, a Praza de Abastos, os arredores do parque de Belvís, a rúa do Castrón Douro ata rematar na Ponte do Sar. Os investigadores interpretan Santiago “como un contexto urbano no que converxen fortemente presión turística, especialización funcional e dinámicas vinculadas ao sistema universitario“.

“Na rúa de Vista Alegre hai máis vivenda social, o parque de vivenda é máis vello e nel vivían persoas máis desfavorecidas”, describe Villar-Abeijón. Esta dinámica foise transformando pola presión do estudantado universitario: “Moitas persoas prefiren alugar a súa casa ao alumnado porque dá máis rendemento económico”. Esta tendencia repítese dun xeito case análogo co turismo, e desbota os alugueres de longa duración por outros temporais que van dende os nove meses para as estadías universitarias ou de días, enfocados ao uso turístico.

Vigo

Das tres cidades analizadas, Vigo experimenta un proceso de xentrificación máis fragmentado. As áreas máis vulnerables a este fenómeno son os barrios máis próximos ao centro urbano, como Teis, Lavadores, Bouzas e Coia. Tamén hai moita concentración no centro histórico, no monte do Castro, ao sur da estación intermodal de Urzáiz, na rúa Pizarro, na parroquia de Castrelos e nos arredores do centro comercial Gran Vía. Mais un dos aspectos que máis salienta da historia recente da cidade é o caso de state-led gentrification, é dicir, as políticas públicas que se impulsaron para a rehabilitación da zona histórica.

“Vigo fixo moitos esforzos nos anos noventa, 2000 e 2010 por renovar o parque de vivenda da zona vella co obxectivo de atraer residentes e crear unha veciñanza socialmente mixta”, apunta Villar-Abeijón, quen salienta que este mecanismo é común a moitas outras cidades. Fóra do caso paradigmático da zona vella, as circunstancias inherentes da cidade fan que o seu proceso de xentrificación estea menos concentrado que na Coruña e Santiago. As dinámicas creadas pola transformación da fachada marítima e a construción da nova estación de Vialia tamén amosan certa influencia na evolución do proceso.

Os factores que hai detrás

O investigador da UAB pon énfase na interrelación entre a oferta e a demanda, e como isto vai configurando o proceso de transformación das cidades. Por unha banda, a chegada de poboación con niveis altos de cualificación, a poboación universitaria e o turismo. Por outra, as características dos parques de vivenda e o papel de políticas públicas que impulsen a rehabilitación de certos espazos deteriorados. “Pensamos que a adaptación deste indicador serve como ferramenta de diagnóstico que poderían usar as administracións públicas para monitorizar a xentrificación”, apunta Villar-Abeijón.

A aplicación do indicador á realidade galega permitiu radiografar o fenómeno nas cidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela dun xeito sinxelo, pero os dous investigadores admiten que o seu estudo ten limitacións. Máis alá dun “diagnóstico exploratorio”, faltaría por analizar as dimensións relacionadas coa percepción da veciñanza e máis ligadas ao simbolismo. Por exemplo, como se modifican os sentimentos de pertenza ao barrio unha vez que se xentrificou. Ou, incluso, como van cambiando os comercios conforme se transforma o tipo de poboación residencial. Así, este estudo permite unha primeira ollada a un fenómeno que transcorre de forma paseniña, pero sen pausa, e que vai reconfigurando os espazos de sempre.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Coruña é a provincia galega con máis mortes por calor en 2026

O Instituto de Saúde Carlos III, a través do MoMo, contabiliza a cifra máis alta na última década, con 231 defuncións estimadas

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Unha nova campaña arqueolóxica da UDC indagará na historia dun edificio achado no Castro de Esmelle

A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e conta coa participación de nove persoas expertas en patrimonio galego