A día de hoxe, só entre o 10% e 11% do téxtil se está a reciclar. A raíz destas cifras nacen proxectos como Rudi 1944, unha start up situada en Bergondo (A Coruña) e creada pola deseñadora galega Elena Hinrichs que converte roupa reciclada en elementos de decoración. Na procura de apoio, a marca estableceu unha colaboración de transferencia coa Universidade da Coruña (UDC) a través do grupo de investigación en Construción ao que pertence Diego Carro López, quen levan a cabo probas para desenvolver materiais con cabida no mercado.
“Buscamos crear produtos coa mínima pegada de CO2 e mínimo impacto“, explica o investigador. Así, ademais do mobiliario, entre os produtos probados recentemente destacan os paneis térmicos, que poderán servir como illamento para vivendas, para remodelar a envolvente térmica e para conseguir un menor gasto de enerxía. Desta forma, prodúcese unha sorte de metáfora: a tela dos abrigos que se tiran pode transformarse no abrigo dos fogares.
Para iso empregan mestura sintética procedente dunha empresa téxtil que se dedica á xestión de residuos: o equipo da UDC traballa cos descartes desta empresa, xa que, o que non poden reciclar, derívase a este proxecto. Pero son moitas as dificultades no procesamento dos residuos téxtiles, como o algodón, pois as súas fibras orixinais son longas e finas. No caso das mesturas, denominadas tecnicamente blended fabrics, como aquelas que unen poliéster e algodón, a fibra é máis dura e recta. “Non ten ningunha vía de reciclaxe”, subliña o investigador.
A reciclaxe dos téxtiles
O principal problema da reciclaxe téxtil está na ensamblaxe das prendas. Ao reciclar, Diego Carro explica que unha camiseta pode ter botóns e unha falda pode ter forro, cremalleiras e tela; para poder reconverter, débense separar todos estes elementos. O mesmo ocorre coas camisetas con print: a zona da prenda que contén o estampado ten pegamentos que non poden ir mezclados co resto de residuos. Por iso, como solución, cúrtanse as áreas pintadas e arráncanse os elementos sobrantes. Co tecido que resta, se o algodón ten cor, rompen as fibras a fin de xerar fibra nova e branquealo. “Non pode haber unha prenda 100% reciclada de algodón”, sinala o investigador da UDC, “todo o que non sexa puro é difícil de desfacer”, engade.
Da tela á decoración
Despois de procesar adecuadamente cada resto de téxtil, o produto machacado xúntase cun ligante, que vai dende o cemento, xeso ou cal, co obxectivo de poder darlles forma de mesas auxiliares, asentos, lámparas, macetas e mesmo galardóns cunha estética minimalista. Agora, Rudi 1944 atópase no proceso de solicitude de patente desta nova forma de construción. “Son económicos e de baixa pegada ecolóxica”, sinala Carro. A ollos do investigador, o xeso convértese no material máis viable, xa que, a pesar de ter menos capacidade ca o resto das opcións, “ten propiedades suficientes e xera moi baixa pegada ecolóxica”. Pola contra, o uso dun material mellor implica que os beneficios para o medio ambiente sexan menores a causa dos altos requisitos técnicos.
Entre as propiedades revisadas polo equipo técnico, priman as mecánicas —resistencia de compresión e flexión—, a tenacidade de fractura —a enerxía que absorbe un obxecto durante a súa deformación— e, adicionalmente, a fisuración —sen defectos superficiais—. Ademais da pegada ecolóxica, as vantaxes que ofrecen fronte a materiais tradicionais son o deseño e a estética, xunto coa innovación nos paneis, que teñen moi boa capacidade como illante térmico.
Así, os principais retos desta colaboración por parte dos investigadores son o funcionamento e estabilización das mesturas e a procura dunha mellor sostibilidade, a fin de saber como transformar residuos en pequenas pezas. Desta forma, unha mesa auxiliar pode estar creada con preto de 10 quilos de material reciclado e unha hamaca de exterior, con 14 quilos.
O futuro de Europa
Europa enfróntase a prácticas de moda ultrarrápida e rápida entre a poboación: cada ano xéranse 12,6 millóns de toneladas de residuos textiles e estímase que menos do 1% dos téxtiles en todo o mundo se reciclan en novos produtos. Por iso, entre as novas normas que se establecerán dende a Unión Europea (UE) destaca que todos os produtores que comercializan produtos deste tipo nos Estados membro deberán cubrir os costes de recollida, clasificación e reciclaxe de roupa e accesorios, sombreiros, calzado, mantas, roupa de cama e cociña, e cortinas. “O incentivo económico para reciclar é moi suave aínda”, apunta Diego Carro como punto débil. Así, o consumo do téxtil mudou e cada vez se consume máis cun ritmo de crecemento máis acelerado.
“En España non se xestionan os residuos: cada contedor de roupa que se recolle ata agora vai ao vertedoiro“, explica. Con todo, aclara que hai diferentes opcións: reutilizar, a opción máis ecolóxica; reparar as prendas aplicando tintes de maneira industrializada prenda por prenda, a pesar de que, como sinala o investigador, “un produto novo é máis barato”; e, finalmente, fabricar biomasa da que extraer produtos sintéticos como aceites. Con todo, a estas alternativas hai que sumar sumar agora unha máis: a súa conversión en produtos de decoración e paneis térmicos. Nestas accións reside a importancia da economía circular.















Magoa q un das maiores contaminadoras do mundo, Inditex, non estea implicada neste proxecto:
cRueda de Vil incomPPetente.