O Encontro Internacional de Biotecnoloxía BioSpain reúne dende o martes 29 de setembro ata o 1 de outubro en Bilbao ás principais empresas e actores do sector para analizar os desafíos que marcarán o futuro da innovación en saúde, sostibilidade, industria e competitividade no Bilbao Exhibition Center (BEC). Baixo o lema “Bioinnovation that clicks” e organizado dende a Asociación Española de Bioempresas (BEC), e con GCiencia como media partner, o programa aporta unha visión transversal da biotecnoloxía.
Ao longo dos tres días que dura o encontro, prevese igualar, e mesmo superar, as cifras récord rexistradas na última edición celebrada en 2025 en Barcelona: máis de 2.400 asistentes de 1.065 entidades de 34 países, e 140 investidores de 76 entidades de investimento nacionais e internacionais, con 250 expositores e 4.500 reunións.
A edición de 2026 porá o foco nalgúns dos asuntos que están marcando a axenda internacional da biotecnoloxía: a necesidade de reforzar o liderado europeo, e a seguridade sanitaria, a aplicación da intelixencia artificial (IA) ao descubrimento de novos tratamentos, o desenvolvemento de solucións biotecnolóxicas fronte ao cambio climático, o impulso da medicina personalizada ou o acceso a financiamento para favorecer o crecemento de empresas. Ademais, analizarase como acelerar a transferencia de tecnoloxía e reforzar a colaboración entre os diferentes axentes do sector.
Impulsar a colaboración e conectar o talento
BioSpain volverá a contar cun amplo espazo expositivo no que empresas, centros tecnolóxicos, institucións e organizacións —con presenza galega, como a Axencia Galega de Innovación (GAIN) ou BIOGA— poderán presentar as súas capacidades, establecer novas alianzas e conectar con potenciais socios e investidores nacionais e internacionais.
Ademais, o 1 de outubro celebrase unha nova edición do Talent Day, unha iniciativa deseñada para facilitar o encontro entre empresas biotecnolóxicas e profesionais especializados. Investigadores, doutorandos, recentemente titulados e perfís con experiencia, poderán acceder a ofertas de emprego e manter entrevistas previamente axendadas grazas a unha plataforma de matching que permitirá organizar reunións adaptadas ás necesidades de empresas e candidatos. Na edición de 2025 participaron máis de 300 profesionais, celebráronse máis de 120 entrevistas e estiveron presentes compañías e entidades como AstraZeneca, Bayer, Almirall, Mabxience, InBrain, VHIR, CaixaResearch ou CIBER.
Euskadi, un ecosistema estratéxico para a innovación biotecnolóxica
Este encontro regresa por terceira vez a Euskadi, unha das rexións con maior desenvolvemento en ciencias da vida e a saúde do sur de Europa. A rexión foi pioneira en impulsar unha estratexia específica para o sector e conta actualmente cun ecosistema formado por máis de 300 empresas, unha rede de centros de investigación de referencia, universidades, hospitais e infraestruturas científicas e tecnolóxicas que favorecen a transferencia de coñecemento e a innovación.
Segundo o último Informe AseBio, Euskadi alberga 108 empresas biotecnolóxicas, preto do 10% do total nacional, mentres que Bizkaia concentra o 45% das empresas do sector da comunidade, o 44% do emprego e o 56% dos ingresos. Este ecosistema destaca especialmente en ámbitos como as terapias avanzadas, a biofabricación, o diagnóstico de precisión, a saúde dixital e a medicina personalizada, así como pola súa capacidade para conectar investigación, industria e sistema sanitario.
Reino Unido, país invitado
BioSpain 2026 contará con Reino Unido como Guest Nation, reforzando a dimensión internacional do encontro e promovendo novas oportunidades de colaboración entre os ecosistemas biotecnolóxicos británico e español. A súa participación contribuirá a impulsar alianzas científicas, empresariais e de investimento nun contexto no que a cooperación internacional resulta clave para acelerar a innovación e responder aos grandes desafíos globais.














