A Xunta de Galicia dá luz verde ao Plan Senda 2028, unha estratexia dotada cun orzamento de 24,4 millóns de euros destinada a ampliar a transformación dixital da Administración de Xustiza. Este plan, proposto pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), asume a tarefa de adaptar a arquitectura xudicial galega ao recente marco legal estatal a través da configuración dunha estrutura máis eficiente e homoxénea no acceso.
O Plan Senda 2028 supón unha ampliación do seu predecesor, o Senda 2025. Con esta extensión temporal, a estratexia marca cinco obxectivos nos que centrar os seus esforzos para os próximos anos: personalizar a atención mediante o uso de servizos que incorporen intelixencia artificial; ampliar o acceso á xustiza en zonas rurais e reducir a fenda dixital; ofrecer unha xestión bilingüe; mellorar a eficiencia organizativa do servizo público de xustiza; e capacitar aos profesionais do sector en materia de competencias dixitais.
Así, a intelixencia artificial pasa ser un compoñente central e transversal na xestión diaria. Lonxe de pretender substituír o factor humano, a IA concíbese como unha ferramenta de apoio para automatizar tarefas repetitivas e axilizar a toma de decisións informadas. Entre as principais innovacións destaca o visor intelixente do expediente xudicial electrónico (ViaEXE), unha ferramenta que facilita a localización e lectura da información, ademais de diversos asistentes virtuais deseñados para guiar tanto aos profesionais do sector como aos cidadáns, como, entre outros, os programas Conecta Xustiza e Canle Xustiza.
Unha xestión bilingüe baseada en datos
No eido dos programas de xestión, unha das novidades máis agardadas é a substitución do histórico sistema Minerva polo programa Atenea. Esta plataforma tecnolóxica, compartida e coordinada co Ministerio de Xustiza a través de dous convenios de colaboración, destaca pola súa interoperabilidade co resto da Administración e pola súa capacidade para adaptarse aos novos tribunais. Trátase, ademais, dun sistema plenamente bilingüe que permitirá o uso do galego en calquera fase dun procedemento.
Como seguinte paso na dixitalización xudicial, Galicia encamiña os seus esforzos cara a un modelo de Xustiza orientado ao dato, o que permitirá ofrecer uns servizos públicos moito máis personalizados. Co obxectivo de estruturar esta inmensa cantidade de información de forma útil, prevese a creación do Rexistro de Datos Mestres de Xustiza (RDMX). Este arquivo centralizado disporá de sistemas de consulta sinxelos que poderán ser empregados tanto polo persoal interno dos xulgados como pola cidadanía en xeral.
A importancia do rural: unha loita pola accesibilidade
Un dos piares sociais máis relevantes da estratexia é o seu compromiso co achegamento dos servizos públicos ao medio rural. O Plan Senda 2028 ten como obxectivo prioritario dotar de plena operatividade técnica e funcional as 268 Oficinas de Xustiza no Municipio (OXM) repartidas por toda Galicia. Estes centros son en puntos de acceso clave para a poboación que reside en concellos sen sede xudicial propia, polo que ampliar as súas garantías dixitais pasa ser un factor de loita contra a despoboación destas áreas. Con esta rede de oficinas municipais preténdese evitar que a cidadanía teña que realizar desprazamentos cara ás capitais dos partidos xudiciais para resolver asuntos legais.
Para facer máis efectivo este achegamento, activaranse os programas Conecta Xustiza e Conversa Xustiza: trátase de modelos de atención remota e participación dixital que permiten as comparecencias telemáticas seguras e a asistencia virtual remota. Así, as posibilidades de acceso ao sistema xudicial ábrense cara a persoas residentes en zonas de difícil acceso, sen oficinas próximas ou usuarios con problemas de mobilidade. Isto complétase co reforzo dixital das oficinas de atención á vítima do delito, o que permitirá, entre ourtos, o apoio por videoconferencia a vítimas de violencia de xénero.
Un paso cara á alfabetización xudicial
O Plan Senda 2028 pon o foco nas novas xeracións e a sociedade civil a través da Canle Xustiza, unha iniciativa educativa que se centra na divulgación, formación e información xurídica accesible. Este espazo diríxese, en concreto, á mocidade para romper as barreiras do descoñecemento. Completa o seu programa de alfabetización xudicial con Acompaña, un sistema de atención presencial nas sedes xudiciais que guiará ás persoas en diversos procedementos co obxectivo de reducir a fenda dixital.
Así, este plan non só garante a dixitalización integral mediante a xestión electrónica e as actuacións en remoto, senón que busca un entendemento real e útil por parte dos usuarios. Ao achegar os servizos públicos ao ámbito local e facilitar o seu uso a persoas con menores capacidades dixitais, a estratexia asegura que a planta xudicial —que inclúe tamén á Fiscalía e ao Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga)— estea máis próxima que nunca para toda a cidadanía.














