Un total de 10 liñas de traballo forman parte do Plan Tecnolóxico da Administración de Xustiza en Galicia, Senda 2025, que ten como principal obxectivo a consolidación dixital da Xustiza para facela máis próxima á cidadanía e ofrecer uns servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades.
O orzamento do Plan Senda 2025, deseñado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), ten previsto o investimento de 43 millóns de euros en 5 anos, o que supón un incremento do 68% respecto do investimento dos dous plans anteriores, Senda 2014 e Senda 2020, que mobilizaron 50 millóns de euros en 10 anos para avanzar na dixitalización da xustiza galega.
O plan impulsará a plena relación telemática dos cidadáns e dos axentes implicados coa xustiza, a consolidación dun expediente xudicial electrónico interoperábel e accesible, a implantación da estratexia do dato, a capacitación dixital avanzada dos profesionais da xustiza e o reforzo da ciberseguridade. O Plan Senda 2025 alíñase coas estratexias estatais e autonómica, o Plan Justicia 2030 e a Estratexia Galicia Dixital 2030 para consolidar a transformación dixital da Xustiza.
Plena relación dixital
O Plan Senda 2025 busca ofrecer unha plena relación dixital, tanto da cidadanía como dos profesionais que a representan. Con este obxectivo contémplase unha evolución constante da Sede Xudicial Electrónica que incorporará novos servizos e ampliará os sistemas de autenticación, como o Chave365 ou Cl@ave. Habilitarase o acceso seguro dos cidadáns e os profesionais que os representan ao expediente xudicial electrónico.
Contémplase unha evolución constante da Sede Xudicial Electrónica
Aliñada coa estratexia estatal crearase a Carpeta Xustiza como un punto de acceso único a toda información de servizos, independentemente da comunidade autónoma. Para facilitar o uso dos servizos dixitais porase a disposición dos cidadáns un asistente virtual. Tamén se dixitalizarán os servizos máis comúns que requiren unha entrega ao destinatario como a citación, notificación ou emprazamento.
Ademais, incrementaranse as canles para a relación dixital coa Administración de Xustiza estendendo a todos os servizos o sistema de cita previa, a través de internet ou dunha aplicación. Farase especial fincapé na dotación de medios dixitais nas oficinas de atención á cidadanía e ás vítimas e tamén está previsto a dotación de sistemas de identificación biométrica para simplificar a identificación e sinatura.
Expediente xudicial electrónico
Ao longo desta última década Galicia reforzou as infraestruturas tecnolóxicas no eido xudicial, implantou os sistemas de xestión procesual para xuíces, letrados, empregados públicos e fiscais e implantou a sinatura dixital en todos os órganos xudiciais cunha media de 20.000 rúbricas electrónicas ao día.
Ademais, puxéronse en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico, no que xuíces, letrados e fiscais poden consultar online máis de 11 millóns de procedementos e 36 millóns de documentos. Galicia foi unha das primeiras comunidades en poñer en marcha a Sede Electrónica Xudicial, e implantou unha rede de videoconferencias con máis de 190 equipos que dan servizo a todos os órganos xudiciais e xa conta con 77 salas de vistas integramente dixitais.
Actos procesuais telemáticos
O marco legal actual e as leis de eficiencia procesual en trámite establecen a vía telemática para os actos procesuais, sempre que sexa posible, unha opción que reduce custes económicos e medioambientais, e contribúe á axilidade e á eficiencia dos procedementos xudiciais.
Implantouse unha rede de videoconferencias con máis de 190 equipos que dan servizo a todos os órganos xudiciais
Neste contexto o Plan fixa como obxectivo que o 100% das salas de vistas da planta xudicial galega sexan dixitais. Ademais, implantaranse salas Gesell (que garanten a declaración de vítimas e testemuñas vulnerables en condicións de protección e privacidade) nas sete grandes cidades. O plan tamén contempla a celebración de actos procesuais en remoto, habilitando a posibilidade de que cidadáns e profesionais participen a través de videoconferencia, achegando documentación con plenas garantías.
Expediente Xudicial Electrónico Interoperábel
Entre as medidas do Plan Senda 2025 está avanzar na interoperabilidade do Expediente Xudicial Electrónico (EXE) de forma coordinada con todo o ecosistema dixital, de xeito que o EXE poida ser compartido polas diferentes administracións de forma áxil e eficiente.
O plan contempla a aplicación de técnicas de Intelixencia Artificial para a extracción da información e documentación xudicial, e tamén de tecnoloxías de tratamento da linguaxe natural que permitirían, por exemplo, a textualización das gravacións. Está prevista a posta en marcha do arquivo electrónico xudicial de Galicia para garantir a preservación do expediente xudicial electrónico e a súa conservación no tempo.
Posto Dixital Avanzado
En liña co Plan 2021-2023 do Posto Dixital Avanzado do persoal empregado público da Xunta de Galicia, Senda 2025 establece tamén a posta en marcha dunha plataforma de virtualización dos postos de traballo para garantir o acceso ás aplicacións e á información desde calquera lugar e de xeito seguro. Unha medida que vai acompañada da renovación e dotación do equipamento adaptado ás necesidades de cada perfil.
O Plan Senda 2025 inclúe iniciativas de Ciberseguridade específicas que permitirán previr, monitorear e actuar ante posibles incidentes de seguridade
Continuarase cos programas de capacitación que acompañan os procesos de implantación de novas iniciativas. En liña co Marco galego de competencias dixitais abordaranse o proceso de capacitación e acreditación de competencias no eido xudicial. O obxectivo é que no 2025 todos os profesionais da Administración de Xustiza en Galicia conten coa acreditación do nivel básico de competencias dixitais.
Ademais, abordaranse iniciativas de ciberseguridade específicas que cubran todo o ciclo de vida da información xudicial que permitan previr, monitorear e actuar ante posibles incidentes de seguridade así como á adecuación á normativa, ademais do reforzo, evolución e mellora de infraestruturas tecnolóxicas xudiciais.