Unha nova campaña arqueolóxica da UDC indagará na historia dun edificio achado no Castro de Esmelle

A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e conta coa participación de nove persoas expertas en patrimonio galego

O Castro de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro, acolle dende este luns 28 de setembro e ata o venres 9 de outubro unha quinta intervención arqueolóxica, a segunda que se desenvolve neste xacemento da Idade de Ferro no que vai de ano. Os traballos darán continuidade á campaña realizada durante o pasado mes de xullo e centraranse no estudo dun edificio localizado na zona de acceso ao castro.

A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial, promovida pola Universidade da Coruña (UDC) xunto co Concello de Ferrol, e conta co apoio económico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude. Nesta ocasión, a asistencia técnica para os traballos de escavación corren a cargo de Antiga, Arqueoloxía e Patrimonio. En total, participan na intervención nove persoas expertas en arqueoloxía e patrimonio de Galicia.

Publicidade

Ao igual que na campaña de verán, a dirección científica recae no profesor de Historia Antiga da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Juan Luis Montero Fenollós, mentres o que o investigador do Instituto de Ciencias del Patrimonio (Incipit) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Samuel Nión Álvarez, asume a dirección técnica.

Un edificio descuberto en xullo

O principal obxectivo desta quinta campaña de escavación, a segunda iniciada en 2026, é o de continuar coa investigación do edificio parcialmente escavado no mes de xullo, situado ao carón da gran construción colectiva localizada na zona de acceso ao castro. Os novos traballos permitirán coñecer con maior precisión a entidade e as características desta estrutura e avanzar na interpretación das súa posible función. Dada a súa localización e dimensións, unha das hipóteses que se baralla é que puidese tratarse dun novo edificio de uso comunitario.

Publicidade

Foi precisamente neste sector onde, durante a campaña do mes de xullo, apareceron numerosos materiais arqueolóxicos, especialmente cerámicos. Chamou a atención o achado dunha pequena peza dun centímetro de diámetro pertencente a un colar de abelorios de vidro bañado en ouro que, segundo as primeiras pescudas, podería ser orixinario da Illa de Rodas, en Grecia. O equipo de escavación tamén atopou varios fragmentos pertencentes a unha mesma vasilla decorada con motivos sogueados, un elemento característico da cultura castrexa.

Investigación, conservación e posta en valor do xacemento

Na campaña de escavación levada a cabo no mes de xullo traballouse en tres sectores do Castro de Esmelle co obxectivo de avanzar no coñecemento do asentamento e na súa planificación durante a Idade de Ferro. Unha das áreas de intervención foi o acceso ao castro e, en concreto, a rúa empedrada que se vén investigando nas últimas campañas e que acada case os catro metros de ancho. O segundo sector foi o novo edificio situado ao carón da gran construción colectiva, espazo no que se centran os traballos desta quinta campaña. A terceira área de intervención localizouse na croa, onde se escavou outro edificio situado xunto á muralla.

De xeito paralelo, realizáronse diversas actuacións destinadas á conservación e a posta en valor do xacemento. No pasado mes de agosto iniciáronse os traballos de consolidación dos muros da gran construción colectiva e da casa circular da croa, que está previsto rematar ao longo do mes de outubro. Estas actuacións completaranse co valado das zonas escavadas, a instalación dun panel cun plano do castro para facilitar as visitas ao xacemento, así como a eliminación de raíces e de troncos que afectan as áreas nas que xa se realizaron intervencións arqueolóxicas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | Intelixencia artificial contra os discursos de odio

Os investigadores do CITIC Paloma Piot e David Otero participan no novo episodio de O Descodificador

Un proxecto da UDC propón un kit impreso en 3D para previr lesións asociadas ao uso do teclado e do rato

Doralys Torriente Aguilar deseñou unha solución ergonómica para exercitar e fortalecer as mans, os pulsos e os antebrazos mediante seis exercicios

O avance do piñeiro ameaza a caramiña, unha das xoias naturais das dunas galegas

Unha investigación constata que os piñeirais reduciron un 61,5% o ecosistema da Praia de Trece dende 1956 e dificultan a supervivencia da especie

A propulsión nuclear, a exame como alternativa para descarbonizar o transporte marítimo

Unha investigación do CITENI analiza os riscos dos reactores de sales fundidas para a súa posible aplicación nos buques do futuro