Achada no Castro de Esemelle unha peza dun colar con posible orixe na illa grega de Rodas

A escavación, impulsada pola UDC e o Concello de Ferrol, tamén sacou á luz fragmentos dunha vaixela con decoración sogueada, moi característica da cultura castrexa

O Castro de Esemelle (Ferrol), tamén coñecido como Tralocastro, xa experimentou a súa cuarta campaña arqueolóxica, onde están a aparecer numerosos materiais, especialmente cerámicos. Hai un que chama especialmente a atención: unha pequena peza dun centímetro de diámetro pertencente a un colar de concas de vidro bañado en ouro que, segundo as primeiras pescudas, podería ser orixinario da illa grega de Rodas. Pero non é o único achado relevante, xa que hai tan só un par de días, o equipo de escavación atopaba varios  fragmentos pertencentes a unha mesma vaixela decorada con motivos sogueados, un elemento característico da cultura castrexa.

O director científico da campaña e profesor de Historia Antiga da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña (UDC), Juan Luis Montero Fenollós, explicou que os traballos permiten coñecer “cada vez mellor” a complexidade da sociedade castrexa: o seu modo de vida, o urbanismo, a cultura material, as relacións comerciais e, en definitiva, a organización dunha comunidade que segue ofrecendo información de gran valor científico e patrimonial. “Cada nova campaña confirma o enorme potencial arqueolóxico deste xacemento”, concluíu.

Publicidade

Novos sectores de intervención

A campaña, iniciada o pasado 13 de xullo, continúa ampliando o coñecemento dun castro da Idade de Ferro cunha superficie estimada de 20.000 metros cadrados e tres aneis defensivos. Nas campañas anteriores descubriuse unha rúa pavimentada na que a día de hoxe se segue a traballar, situada na entrada principal do asentamento, un edificio alongado e un torreón defensivo.

Nesta cuarta escavación arqueolóxica abríronse tres novos sectores de intervención: un centrado no acceso ao castro, outro xunto ao gran edificio colectivo e un terceiro na croa, ao carón do primeiro recinto amurallado escavado. A campaña continuará durante o mes de agosto cos traballos de restauración e consolidación de varios dos edificios descubertos, así como coa elaboración dun plano topográfico de alta precisión de todo o xacemento.

Publicidade

Preto de 20 persoas

Juan Luis Montero Fenollós e Samuel Nión Álvarez, director científico e director técnico, respectivamente, están a liderar un equipo de traballo integrado por preto de 20 persoas, formado maioritariamente por estudantado universitario, persoas recentemente tituladas, así como persoal investigador vinculado á Universidade da Coruña (UDC), á Universidade de Santiago de Compostela (USC) e á Universidad Complutense de Madrid (UCM).

  • Pequena peza pertencente a un colar de concas de vidro bañado en ouro que podería ser orixinario da Illa de Rodas (Grecia). Foto: UDC
  • Fragmento dunha vaixela decorada con motivos sogueados. Foto: UDC

Un ano máis, a campaña arqueolóxica está impulsada pola UDC xunto co Concello de Ferrol, a través da Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial. A maiores, a intervención conta, por segundo ano consecutivo, co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UDC propón un kit impreso en 3D para previr lesións asociadas ao uso do teclado e do rato

Doralys Torriente Aguilar deseñou unha solución ergonómica para exercitar e fortalecer as mans, os pulsos e os antebrazos mediante seis exercicios

Unha intervención arqueolóxica na Illa de Ons revela novos restos castrexos

O descubrimento produciuse fóra da muralla do castro do Castelo dos Mouros, onde ata agora só se atoparan elementos romanos

O avance do piñeiro ameaza a caramiña, unha das xoias naturais das dunas galegas

Unha investigación constata que os piñeirais reduciron un 61,5% o ecosistema da Praia de Trece dende 1956 e dificultan a supervivencia da especie

A propulsión nuclear, a exame como alternativa para descarbonizar o transporte marítimo

Unha investigación do CITENI analiza os riscos dos reactores de sales fundidas para a súa posible aplicación nos buques do futuro