Científicos galegos avalan as terapias con realidade virtual para persoas con dano cerebral adquirido

Dous estudos pioneiros demostran a eficacia dun modelo baseado en 'exergames' que combina estimulación física e cognitiva

Investigadores do Grupo HealthyFit, do Instituto de Investigación en Saúde de Galicia Sur e da Universidade de Vigo, realizaron recentemente dous estudos destinados a avalar a eficacia das terapias físico-cognitivas apoiadas en tecnoloxías de realidade virtual e dirixidas a casos de dano cerebral adquirido. Trátase dun enfoque pioneiro, xa que ata agora non hai evidencias científicas do uso deste tipo de terapias en persoas con este cadro clínico.

Ámbolos dous estudos foron desenvolvidos en colaboración con Cruz Vermella Lugo en residentes do Centro de Parálise e Dano Cerebral e do Centro de Patoloxía Dual de Castro Riberas de Lea (Lugo); empregando terapias innovadoras a través de exergames (videoxogos activos) que permiten unha estimulación dobre, tanto física como cognitiva.

Publicidade

Un novo enfoque

O primeiro dos estudos —EFiCO_DCA 3.0—, baséase na experiencia adquirida en proxectos previos realizados polo Grupo HealthyFit, consistente en empregar un cicloergómetro intelixente combinado con escenarios virtuais para articular un programa de exercicio físico de alta intensidade, así como diferentes aplicacións con realidade virtual para psicoterapia. Este programa durou 20 semanas, beneficiando a arredor dunha ducia de usuarios do centro.

O segundo estudo —EVI_CP 2.0—, foi o máis innovador, dirixido a un grupo con comorbilidade psiquiátrica, un fenómeno moi prevalente que representa unha das principais causas de discapacidade a nivel mundial segundo o que se reflicte en varios estudos epidemiolóxicos. Estes demostraron que a maioría das persoas diagnosticadas cun trastorno mental presentan ao longo da súa vida, polo menos, outro trastorno psiquiátrico coexistente.

Publicidade

Este novo enfoque proposto tiña como obxectivo que 10 usuarios do centro de Patoloxía Dual de Castro Riberas de Lea realizasen un programa de fisioterapia cun exergame temático de boxeo e danza, baseado en mellorar a súa motivación cara á práctica do exercicio físico e observar os efectos, tanto na súa calidade de vida como nas variables físicas, cognitivas e funcionais. Os resultados están agora na fase de análise e esperan ser reflectidos en artigos científicos en revistas de impacto.

Referentes nas terapias baseadas en exergames

As terapias de exercicio non se usan con asiduidade nesta poboación e, se falamos de programas virtuais —como é o caso—, non hai constancia na evidencia científica existente, como explicou un dos investigadores do proxecto, o Dr. Pablo Campo Prieto: “Ata onde sabemos, esta intervención realizada durante 12 semanas podería ser a primeira do seu tipo”. Ámbalas dúas aplicacións foron totalmente seguras (sen efectos adversos), divertidas para os participantes e lograron unha grande adhesión ao programa, con altos niveis de satisfacción, segundo os terapeutas encargados da supervisión dos estudos.

O Grupo HealthyFit continúa xerando evidencias científicas neste campo e está a contribuír cun sólido corpo de coñecemento no uso destas tecnoloxías que empregan programas terapéuticos de exercicio co apoio dos exergames (videoxogos activos) e están dirixidos a diferentes grupos: persoas maiores institucionalizadas, párkinson, alzhéimer, esclerose múltiple, síndrome de Down, enfermidades reumáticas ou danos cerebrais adquiridos, entre outros.

“A diversión motiva e motivar consegue unha alta adhesión aos programas. Os beneficios do exercicio baséanse na súa práctica habitual, polo que estes dispositivos poderían garantir un bo nivel de cumprimento”, conclúen os investigadores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos e arxentinos desvelan o potencial do cacho de gambón para protexer a retina

Un estudo desenvolve nanopartículas antioxidantes derivadas de residuos pesqueiros con resultados prometedores en probas in vitro

Novembro para descubrir, rir e namorar da ciencia en galego

A UVigo conmemora o Día da Ciencia en Galego cun programa de actividades que durará todo o mes

O poder oculto das raíces da alfábega

O proxecto AGRI-RESVAL, no que participan a UVigo, Néboda Farms e FEUGA, investiga o potencial dos residuos da agricultura para atrasar a oxidación dos conxelados

Como protexer os peixes fronte aos contaminantes dos pensos acuícolas? Así o estudan dende a UVigo

O proxecto Toxi-Feed analiza os efectos na troita arco da vella e avalía solucións baseadas en aminoácidos para preservar o seu benestar e mellorar a produción