Proxectos sobre dano cerebral e protocolos de enfermería gañan os Premios de Innovación en Saúde 

Ámbalas dúas iniciativas poderían estenderse á rede do Sergas

A quinta edición dos Premios de Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia contou cun total de 72 candidaturas, das que dez resultaron finalistas, cinco na modalidade de pacientes e outras cinco na de profesionais. No primeiro apartado resultou gañador o proxecto Mellora da transición cara á fase post-hospitalaria das familias con dano cerebral, presentado pola Asociación dano cerebral adquirido de Ourense (RENACER). No caso da modalidade de profesionais, o proxecto gañador foi Implantación dos protocolos de Xestión Enfermeira da Demanda (XED), que está pilotado dende o centro de saúde da Estrada.

O proxecto de implantación de protocolos XED foi o gañador na categoría de profesionais e foi implementado polo centro de saúde d Estrada (Pontevedra). Segundo explica Juan José Sánchez, xefe de servizo do centro, o proxecto consiste na implantación dun modelo innovador que permite á enfermería atender de forma autónoma e protocolizada os procesos agudos leves dos pacientes —infeccións respiratorias, picaduras, escordaduras ou feridas simples— dentro do seu marco de competencias. 

Publicidade

Na práctica, este proxecto permite optimizar os recursos do equipo, reducir a presión médica innecesaria e mellorar a accesibilidade e experiencia do paciente. O proxecto atópase na fase de consolidación e expansión, despois da experiencia piloto no centro da Estrada con 19 protocolos activos e máis de 1.500 consultas atendidas en nove meses. Os resultados mostran que máis dun terzo dos procesos agudos leves poden resolverse de forma autónoma por enfermería, con altos estándares de calidade, seguridade e satisfacción. 

Sánchez apunta que este tipo de avances requiren diálogo, consenso e garantías regulatorias e móstrase convencido de que a súa incorporación controlada e protocolizada será unha das claves para o éxito e a expansión do modelo na rede do Sergas. 

Publicidade

A acollida do proxecto por parte do persoal foi moi positiva e os traballadores de enfermería destacan a autonomía e recoñecemento profesional que supón a posta en marcha deste modelo, mentres que os médicos valoran que a atención resolutiva e protocolizada destes procesos agudos de baixa complexidade permítelles centrarse nos casos crónicos ou de maior complexidade. “O proxecto impulsou unha cultura do traballo colaborativo, a aprendizaxe compartida e a confianza mutua”, indicou Sánchez. 

Ademais, o xefe de servizo sinala que as posibilidades de replicar estes protocolos na rede do Sergas son moi altas xa que o proxecto está integrado co sistema IANUS e coa ferramenta OHCARE do Sergas, o que facilita a súa replicabilidade progresiva. “A Estrada actúa como centro piloto e achega resultados e metodoloxía que poden servir de guía para unha implantación noutros centros de saúde de Galicia”, conclúe Sánchez. 

Proxecto de apoio ás familias con DCA

O proxecto desenvolvido por RENACER nace como resposta á necesidade de apoio das familias que ven como un ser querido ingresa nun hospital como consecuencia dunha lesión cerebral. Segundo explica Pablo Martínez, técnico de proxectos da Asociación DCA Ourense, neste caso combínanse dúas liñas de actuación dentro do Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO). Por un lado, un punto informativo na planta de hospitalización para orientar as familias sobre o que poden esperar e con que recursos contan. Por outro lado, fanse valoracións personalizadas durante o ingreso que permiten detectar necesidades e preparar mellor o regreso á casa. 

Polo momento xa se realizaron varias probas piloto en colaboración coa área de humanización de aspiración e agora o obxectivo é consolidalo como un recurso estable. “As familias o necesitan e véñeno reclamando hai tempo”, indica Martínez. 

Actualmente, están en conversacións con distintas áreas do CHUO, especialmente Neuroloxía e Innovación, para construír protocolos de traballo conxuntos. “Sabemos que é esencial respectar o traballo clínico e os seus tempos, así como garantir unha protección absoluta dos datos persoais. O reto é lograr unha colaboración real entre o hospital e o ámbito sociosanitario”, sinala Martínez. 

A valoración das familias que participaron nas experiencias piloto foron moi positivas e destacan especialmente o valor de recibir información social e orientación práctica nun momento de tanta confusión. “Senten que están a aproveitar mellor o momento de maior capacidade de recuperación e iso achégalles tranquilidade e sensación de ter feito o correcto”, apunta o técnico de DCA Ourense. 

“O dano cerebral chega sen avisar e cambia por completo a vida da persoa e de toda a súa familia. O impacto é profundo, inmediato e desestabilizador. A necesidade de contar con apoio nestes momentos é unha reivindicación histórica das familias. Acompañar ben nestes momentos pode marcar a diferenza”, conclúe Martínez. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Da pandemia á economía circular: así nace o proxecto REHEAL para reducir os residuos sanitarios

O SERGAS participa xunto a outros sistemas europeos nun consorcio que impulsa cadeas de subministración máis sostibles

Galicia introduce unha vacina de reforzo contra a meninxite B aos 12 anos

O Sergas aplicará unha dose única aos nenos con pauta completa e dúas aos que non a teñan, aínda sen definir a data de inicio da medida

O Sergas empregará IA para apoiar a análise de imaxes clínicas

O obxectivo é examinar anualmente 1,5 millóns de radiografías de tórax, 150.000 de cribados citolóxicos, 100.000 probas oftalmolóxicas e 40.000 para a detección de cancro de mama e próstata

SHARE, o Netflix dos profesionais galegos da saúde, esténdese agora aos cidadáns

A plataforma permitirá aos pacientes afondar no coñecemento da súa enfermidade e promover o autocoidado