Dous proxectos de telemedicina e un de rehabilitación, galardoados nos Premios á Innovación en Saúde

Preto dun centenar de iniciativas participaron nunha convocatoria da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis)

Foto de familia de premiados e autoridades asistentes aos Premios de Innovación en Saúde. Foto: Xunta de Galicia

Un proxecto de rehabilitación orientado a pacientes oncolóxicos e dous de telemedicina (un para persoas que sofren fibrose quística e outro para enfermos cardíacos crónicos) resultaron gañadores dos II Premios á Innovación en Saúde no Sistema Público de Saúde de Galicia, que se entregaron recentemente no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo. A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (Acis) convoca estes galardóns que tiveron unha gran resposta ao contar cun total de 99 proxectos presentados, 30 máis que na edición anterior.

Publicidade

Os galardóns contan con dúas categorías, profesional e pacientes, e teñen como obxectivo pór en valor as ideas innovadoras nas que traballan os profesionais sanitarios do Sergas, os seus pacientes e as asociacións sen ánimo de lucro, na procura de mellorar a calidade de vida da poboación e a sostibilidade do sistema sanitario público. Dos proxectos presentados nesta edición, 75 corresponderon á categoría profesional e 24 á modalidade de asociacións e pacientes.

No apartado profesional, os dous proxectos que resultaron premiados foron “TelecardioCHUS”  e o programa “ReCO, de rehabilitación cardio-oncolóxica”, mentres que na categoría de asociacións e pacientes foi distinguida a Asociación Galega de Fibrose Quística polo seu proxecto “Telemedicina en tempos de Covid”.

Juan Antonio da Silva, presidente da citada asociación, explica que o seu proxecto comezou a desenvolverse durante a pandemia polas especiais dificultades que afrontaban os pacientes de fibrose quística acudir ás consultas presenciais.

Estes pacientes sofren un deterioro progresivo a nivel respiratorio do que moitas veces non son conscientes ata que xa é moi grave. Por iso, e moi útil para os médicos que os pacientes podan contar con datos dos seus pacientes dende os seus domicilios. O proxecto consiste en que os enfermos teñan na súa casa un ou varios dispositivos (espirómetro, medidor de bioparámetros ou estetoscopio electrónico) que ofrezan datos sobre o seu estado e se faciliten a unha aplicación que poderá ser consultada polos médicos.

Deste xeito se consegue o obxectivo de seguir a evolución duns pacientes que moitas veces non son conscientes dun empeoramento na súa saúde. O obxectivo é que os datos acaben por chegar á plataforma do SERGAS, Telea. “Con este sistema se consegue evitar desprazamentos innecesarios dos pacientes”, indica Da Silva, “e reducir os ingresos hospitalarios inesperados xa que pode verse a evolución do paciente en todo momento. Non se trata de suprimir as citas presenciais senón de evitar as que non son necesarias”. O modelo está a ser empregado por uns 20 membros da Asociación e podería estenderse a outras patoloxías respiratorias como a EPOC ou a silicose.

Programa ReCO

Pola súa banda,  o programa ‘ReCO, de rehabilitación cardio-oncolóxico’, presentado polo equipo do CHUS de Santiago composto por Bibiana Villamayor Blanco, Carlos Peña Gil, Milagros Pedreira Pérez e José Ramón González Juanatey, incide no uso dos espazos dispoñibles para a rehabilitación cardíaca co obxectivo de desenvolver programas de rehabilitación en pacientes con cancro.

Estíbaliz Díaz, responsable de Fisioterapia do proxecto, explica que tomouse como referencia a rehabilitación cardíaca clásica para aplicar inicialmente a mulleres con cancro de mama. “Adaptamos algúns exercicios ás necesidades que teñen este tipo de pacientes. Facemos un control de cardiotoxicidade e tamén unha valoración funcional dos pacientes para ver se coa terapia poden mellorar ou polo menos manter as súas capacidades. A resposta tanto dos pacientes como dos oncólogos está a ser moi boa e agardamos que o proxecto poda estender a outros hospitais da rede galega, ademais do CHUS de Santiago, e a outras patoloxías como obesidade ou diabetes”, sinala Díaz.

Proxecto “TelecardioCHUS”

Tamén o hospital compostelán é o punto de partida do proxecto “TelecardioCHUS”,  presentado polo equipo formado por José Ramón González Juanatey, Alejandro Virgós, Pilar Mazón e Rosa Represas. Trátase de integrar a telemedicina para dar servizo aos pacientes cardíacos crónicos e evitar visitas presenciais innecesarias aos centros hospitalarios.

Beatriz Pais, subdirectora de Calidade Asistencial da área sanitaria de Santiago e Barbanza, explica que se viña traballando con este tipo de programas no CHUS dende o ano 2012 pero o proxecto comezou a realizarse coa chegada da pandemia. Os pacientes crónicos de cardioloxía reciben chamadas dende o hospital para valorar a súa situación médica, de xeito que so tiñan que acudir á consulta do cardiólogo cando é realmente necesario.

“Trátase de valorar o nivel asistencial axeitado para cada paciente”, indica Pais, “o enfermeiro clasifica ao paciente e se decide se ten que ser atendido por cardiólogo  ou polo médico de cabeceira. Isto supón supón un cambio de modelo para aproveitar a telemedicina e evitar ao paciente visitas innecesarias ao hospital”. A valoración do programa está a ser moi positiva, tanto por pacientes como polos profesionais. Todos os datos quedan recollidos na historia clínica e cada profesional que intervén no proceso é rexistrado nela.

Durante o acto de entrega dos premios, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou o potencial das 99 candidaturas presentadas e aludiu á importancia estratéxica que ten para o Sergas a innovación sanitaria, que implica a introdución de novos servizos, cambios organizativos e a chegada de novos produtos tecnolóxicos asociados a servizos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.