Cando a teoría e a práctica van a destempo, os recursos estudados poden perder sentido e as necesidades reais, pasar desapercibidas. Para evitar esta discordancia, o Living Lab situado no hospital Meixoeiro de Vigo dá comezo ao testeo de solucións médicas innovadoras mediante a colaboración de empresas tecnolóxicas con pacientes e profesionais da saúde. Está iniciativa busca garantir que o progreso técnico non perde de vista a opinión e valoracións de quen empregará en primeira man os produtos derivados das investigacions.
O proxecto arrancou en 2025 e especialízase na procura de solucións tecnolóxicas e tratamentos novidosos para o alzhéimer e a demencia. O Living Lab encádrase na iniciativa Innova4life, que está coordinada pola Universidade de Oporto e conta, entre os seus socios galegos, coa colaboración do Servizo Galego de Saúde (Sergas), a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS), a Universidade de Santiago de Compostela e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Galicia (Afaga).
O director da Área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria de ACIS, José María Romero Fidalgo, sinala que esta cooperación transfronteiriza resulta especialmente beneficiosa para o proceso de innovación aberta, debido a que o norte de Portugal e Galicia comparten un impacto similar do deterioro cognitivo na sociedade.
Sobre os seus espazos
As instalacións do Living Lab impulsan a innovación en saúde en contextos reais, cun contacto directo con membros do sistema sanitario galego, tanto quen senta a un lado como ao outro na mesa de consulta dos centros médicos. Nestes espazos, lévase a cabo o testeo, pilotaxe, avaliación e validación de diversas propostas tecnolóxicas que buscan producir un impacto positivo nas persoas que presentan Alzheimer ou demencia.
Ditas instalacións inclúen: espazos de cocreación, nos que centros ou empresas de I+D+i e usuarios finais dos produtos colaboran no deseño, produción e revisión de solucións innovadoras; zonas de testeo, nas que se adecúa a contorna hospitalaria real para probar produtos ou servizos; e áreas individualizadas para avaliar os resultados e realizar entrevistas con usuarios.
Así e todo, Romero Fidalgo incide no peso da metodoloxía sobre as capacitacións tecnolóxicas do espazo: “O Living Lab trascende as instalacións físicas, é un método de innovación aberta no que recibes feedback de profesionais e pacientes para participar nas últimas fases dos proxectos de testeo”. O director de innovación da ACIS pon o foco nas relacións sinérxicas entre pacientes e centros ou empresas de I+D+i, e mesmo entre as diferentes asociacións que compoñen o proxecto.
Os proxectos
Das 14 iniciativas que se presentaron á convocatoria de proxectos, oito foron seleccionados para desenvolverse no Living Lab de Vigo. “En maio firmamos os convenios que estarán activos ata final de ano. Estamos na fase de conversación coas empresas sobre os recursos necesarios e coa parte correspondente das avaliacións de comités de ética”, sinala o director de innovación de ACIS.
Os proxectos seleccionados son: LIVEWELL, de Dimensiona Consultoría Tecnolóxica, S.L; SIDF, de Entrena y salud Soc. Coop. Galega; VACOGRIP, de Gripwise Tech, LDA, en Portugal; MIND3D, do Grupo Tecnolóxico Arbinova, S.L.; OPTIMAG-DEM, de Qubiotech Health Intelligence, S.L.; D40PRO-LLV, de Ad hoc developments S.L.; SERENIA, presentado por Serenia Solutions S.L.; e InmeRsiVa, de Insati Innovation, S.L.
As iniciativas que se están a valorar propoñen solucións de moi diversa índole. “Estamos desenvolvendo un asistente virtual intelixente que usa feramentas de machile learning para tratar de ter conversacións naturais cos pacientes, e así facer estimulación cognitiva e acompañamento”, explica Romero Fidalgo. Outros proxectos que se inclúen son o uso de Intelixencia artificial para determinar biomarcadores en neuroimaxes, a teleasistencia e coordinación multimedia ou o uso de realidade virtual inmersiva para fomentar a estimulación cognitiva.
O futuro do proxecto
Romero Fidalgo explica que a iniciativa pon o foco en iniciativas nun proceso de desenvolvemento xa avanzado. “Dende Sergas e ACIS colaboramos coas empresas partindo dun TRL7, que sería un prototipo funcional, e participamos nas etapas ata chegar ao TRL9, que sería a fase de comercialización”, conta.
Así e todo, asegura que os espazos preparados para levar a cabo estas tarefas de proba e colaboración non perderán a súa utilidade coa fin da convocatoria. “Máis alá deste proxecto europeo, a idea é consolidar as instalacións para futuros proxectos de i+d+I e de testeo na área sanitaria”, confirma Romero.














