Coller as herbas antes da caída da noite, deixalas nun recipiente con auga ao aire libre e lavar a cara con ela á mañá seguinte. A receita para a celebración tradicional do San Xoán é sinxela e, non obstante, hai un detalle no que os fogares galegos non parecen poñerse de acordo. Trátase, ademais, do elemento central da celebración: as herbas. En cada concello, e mesmo en cada familia, os ingredientes para a ‘pócema’ desta festividade diverxen. Así e todo, hai sete que se repiten ata converterse no núcleo inamovible da elaboración do cacho —o ramo— de San Xoán.
Estas plantas teñen atribuídas unha serie de propiedades espirituais, como a protección contra ‘enerxías negativas’ ou o aumento da boa sorte, pero máis alá das consideracións supersticiosas posúen unha serie de calidades farmacolóxicas que volven destas herbas, como de moitas outras que é posible atopar en calquera paseo pola natureza, un importante recurso medicinal. Porén, a súa accesibilidade non debe confundirse cunha invitación á súa recolección e consumo indiscriminado: herbas como o estalote (Digitalis purpurea), tamén coñecida como dedaleira, croque ou estraloque, existen nunha fina separación entre ser unha medicina ou un veleno. Así pois, é necesario coñecer os efectos das substancias que as compoñen antes de tomar plantas silvestres.
Propiedades do fiuncho, o romeu e a malva
O fiuncho (Foeniculum Vulgare) é unha planta herbácea de talos longos —poden chegar aos dous metros de altura— e follas en forma de agulla. A Academia Española de Nutrición e Dietética sinala que esta herba ten unha composición química tan variada que, en función das partes empregadas, os seus usos poden diferir amplamente. Así e todo, non son propiedades avaladas pola comunidade científica e, ademais, o fiuncho pode resultar neurotóxico e supoñer un risco hormonal debido ao seu contido fitoestroxénico.

O romeu (Salvia Rosmarinus), pola súa parte, si conta con aprobación farmacéutica: o Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos apoia os seus usos asociados á medicina tradicional. Sinalan que a súa parte aérea adoita empregarse en infusións como solución a afeccións gástricas, mentres que o seu aceite esencial ten usos fronte á dispepsea e en enfermidades leves gástricas, espasmódicas e renais. Tamén lle atribúen achegas antiinflamatorias e cicatrizantes. Porén, o Goberno español prohibe a súa venda debido a que ten unha elevada toxicidade.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico recolle as propiedades tradicionais da malva (Malva Sylvestris), entre as que destaca os usos populares para o tratamento de afeccións do sistema circulatorio, dixestivo, xenito-urinario e respiratorio. O Colexio Oficial de Farmacéuticos de Granada advirte contra o seu uso durante o embarazo e a lactancia.

Propiedades do fento, a herbaluisa e a xesta
O fento (Dryopteris Filix-mas) é unha planta moi valorada en Galicia e noutras rexións do norte peninsular. A Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) sinala que o extracto da súa raíz adoita consumirse en viño branco co fin de axudar a soldar ósos rotos e solucionar trastornos das articulacións e dores reumáticas. A Sociedade Española de Fitoterapia tamén pon de manifesto o potencial uso cosmético dos fentos, debido ás moléculas bioactivas que posúen. Así e todo, tamén entra na lista de plantas vetadas pola súa toxicidade.

O Consello Xeral de Colexios Farmacéuticos sinala que, aínda que escasos, os estudos sobre as propiedades da herbaluisa (Aloysia citriodora) apuntan beneficios antioxidantes, antiinflamatorios, ansiolíticos, sedantes e antibacterianos. A entidade explica que as súas follas teñen unha alta proporción de flavonoides (como o verbascósido) e conteñen un aceite esencial rico en compostos monoterpénicos.

A xesta (Cytisus scoparius) é, segundo o portal especializado Fitoterapia.net, unha planta medicinal apreciada polos seus usos diuréticos, hemostáticos e cardiovasculares. Así e todo, o Ministerio de Transición Ecolóxica desaconsella o seu consumo debido á súa alta toxicidade, como se recolle no BOE-A-2004-2225.

A herba de San Xoán
O cacho pecha coa planta homónima á celebración: a herba de San Xoán (Hypericum perforatum), tamén denominada abeluria ou herba das feridas. A Clínica Mayo, unha entidade sen ánimo de lucro adicada á educación e investigación médica, resalta a súa eficacia contra a depresión leve ou moderada. Porén, advirte que as súas substancias activas interactúan con moitos medicamentos e, en consecuencia, pode derivar en efectos secundarios graves.

Así pois, máis alá das crenzas populares e os mitos sobre a protección contra meigas ou a enerxía negativa, hai determinadas plantas que si teñen propiedades beneficiosas. Con todo, a súa toxicidade é tamén significativa e, polo tanto, o seu consumo non supervisado por persoal sanitario pode ter repercusións negativas, e mesmo fatais, no organismo.














